Crónica das presentacións d'As crebas e de Amantes, de María Lado, e ditame do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en Malpica


(Noticia e foto de Ana García, La Voz de Galicia, publicada o domingo 12. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
As crebas presentouse o pasado sábado en Malpica de Bergantiños. Contra o que estaba anunciado (Confraría) o acto trasladouse até o Centro Cívico, na entrada da vila ao chegarmos ou na saída ao marcharmos, e tamén houbo que agardar a que rematase a inauguración dunha mostra fotográfica relacionada cos oficios do mar. O noso acto estivo organizado pola asociación cultural Caldeirón e a asistencia non foi demasiado concorrida, mais resultou abondo acolledora. De mestre de cerimonias fixo o poeta amigo Paco Souto, secretario da entidade, quen fixo un breve percorrido pola miña biografía literaria antes de facer unha análise apaixonada dos meus versos e concluíu coa lectura (sempre engaiolante na súa voz) dalgún dos poemas. En breve espero poder traer a esta bitácora o devandito texto de presentación. Deseguida fixen unha breve explicación da xénese do poemario e unha lectura de catro das composicións que inclúe.
A noite rematou na “Casa Arpón” onde Paco de Tano, presidente da entidade, deu a coñecer a acta co ditame do xurado a respecto do concurso literario que convocan e que reproduzo:
«Reunido o xurado do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en Santiago de Compostela, o día 11 de novembro de 2011 ás 15.00 h. estando presentes:
Sr. Antón Lois Noceda Carballo, Animador Sociocultural do Concello de Malpica, Presidente do xurado do VI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”,
Sr. Francisco Quiroga López, Presidente da A.C. Caldeirón, 1º vocal do xurado do VI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”,
Sra. María Lado Lariño, gañadora do V Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, 2º vocal do VI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”
E a Secretaria do xurado: Sra. Isabel Fernández Deus,
Logo de ver as bases do VI Certame de Poesía Erótica “Illas Sisargas”,
Logo de ver as 16 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, os tres membros do xurado seleccionan por unanimidade a que leva por título carnia haikai, valorando a estrutura orixinal e ben tramada dun libro con moita entidade propia, a concreción na temática de referencia, o sorprendente uso da linguaxe e o tratamento orixinal e suxerente da sensualidade.
Por todo isto propoñen:
a) Obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas á titulada carnia haikai».
Dunha vez aberta a plica resultou pertencer á escritora e crítica Elvira Riveiro Tobío, un premio que lle reportará 1.000 euros e a publicación do libro pola Asociación Cultural Caldeirón. De feito, a continuación procedeuse á presentación do volume que gañou a anterior edición, Amantes de María Lado, poeta que coma min tamén “militou” nas ringleiras do Batallón Literario da Costa da Morte. E antes de cearmos houbo un recital a dúas voces das dúas, María Lado e Elvira Riveiro Tobío foron alternándose para leren composicións dos seus respectivos libros. Unha gozada, nunca mellor dito ao se tratar de poesía erótica, escoitar as palabras moito máis simbólicas no caso de María, máis explícitas nos haikus de Elvira.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Crónica das presentacións d'As crebas e de Amantes, de María Lado, e ditame do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, en Malpica

  1. Pingback: As crebas » As crebas, nas palabras do poeta Paco Souto

  2. Pingback: Os versos erotizan as Crebas das praias das Sisargas

Os comentarios están pechados.