Poesía e sociedade de onte a hoxe: Dialogando con Celso Emilio Ferreiro

A RAG (Real Academia Galega) vén de dispoñibilizar para libre descarga o libro Poesía e sociedade de onte a hoxe: Dialogando con Celso Emilio Ferreiro, con coordinación literaria da académica María López-Sández e que recolle as intervencións do acto público celebrado o 21 de marzo, Día Internacional da Poesía.

A entidade pretendeu reflexionar sobre o legado da poesía social ou comprometida do poeta celanovés e dar respostas á seguinte cuestión que se lle formulou aos poetas participantes: “Segue sendo posible crer no poder transformador da literatura na etapa posmoderna?”

Velaquí o índice da publicación, á que se pode acceder libremente nesta ligazón:

https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/book/424

Índice

Víctor F. Freixanes. A palabra solidaria

Xesús Alonso Montero. Arenga sobre Celso Emilio Ferreiro e a chamada poesía social con algunhas páxinas pouco gasalleiras para certos poetas puros e, sobre todo, para os poetas turrieburnistas e, tamén, os nefelibatas, que son os que andan polas nubes

TEXTOS

Anxo Angueira. Monólogo do vello traballador | Co metal

Rosalía Fernández Rial. Hirmaus | A reflexión

Ana Romaní. María Soliña | de que restos

Oriana Méndez. O medo | Cruza

Chus Pato. Índices estadísticos pra un plan de desenrolo | [Un fento abre]

Ismael Ramos. Os ratos | Tres guineas

Alfonso Pexegueiro. Longa noite de pedra | azul e loucura dixo

Rafa Vilar. As raigames | As raíces

Marilar Aleixandre. Nota necrolóxica | fillas do centauro

Actuación musical

García Mc: Deitado frente ao mar…; Son un pasmón; Libremente e O meu reinado.

Cada poeta debía xustificar a escolla dun poema de Celso Emilio Ferreiro e engadir outro de propia autoría en diálogo co anterior.

A xeito de mostra reproduzo as palabras do meu irmán Rafa:

Volver á poesía de Celso Emilio Ferreiro é, para min, volver aos tempos da mocidade (cando a lin e devorei a treo) e reencontrarme cun poeta que escribe vertendo nos seus versos vida e linguaxe, terra e idioma, solidariedade e memoria.

Abofé que (me) interesa o Celso Emilio da poesía comprometida, da que denuncia e toma partido: “Deitado frente ao mar…”, “A pedra”, “Monólogo do vello traballador” etc. Unha poesía posta, á mantenta, ao servizo de causas xustas, a carón dos que sofren a historia, mais sen descoidar que esta, a poesía, é asemade ética e estética.

Así e todo, penso que a veta poética de Celso Emilio que deixou máis fonda pegada en min é aquela que ten un alento quer intimista, quer existencialista, na que mestura identidade individual e colectiva e na que hai dor mais tamén esperanza. Desa poesía gustaríame sinalar hoxe o poema “As raigames” (de Longa noite de pedra), un poema que dialoga co meu titulado “As raíces” (d’Os lugares da memoria): raíz, raiceira, raizame.

Rafa Vilar

*

As raigames

Empúxanme as raigames.

Os lonxanos abós das carballeiras,

as misteriosas nais que cavilaban

á luz do sol nas albas precursoras.

Cando a miña voz era aínda un silencio

de tarde solermiña, latexaban

seus nomes xa correndo polo aire.

Podedes non creelo, pero eu lembro

como nasceu a estirpe do meu sangue

no bosque dunha noite remotísima

arrombada de pombas e de ríos.

Eu son tamén raigame, pai de cousas

que dormen sobre o tempo

e agardan frolecer calquera día

baixo o mapa impasível diste ceo.

Longa noite de pedra (1962)

*

As raíces

A miña árbore xenealóxica

conclúe

onde a terra se fai mar

De aí

as escamas que me nacen

cada noite

De aí tamén

os meus días náufragos

e estas raíces.

Rafa Vilar

Os lugares da memoria (2023)

O desenvolvemento do acto público pódese seguir na canle de youtube da RAG:

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta