Recensión da antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium, en Grial 232

No último número, 232 (outubro, novembro e decembro do 2021) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» e baixo o título «A potencia simbólica do topónimo Fisterra» unha recensión da magna antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium e publicada por Eneida, que dirixe Lur Sotuela.

Este número 232 centra os seus contidos no monográfico «Editar en Galicia Hoxe», que inclúe os artigos «O catálogo dun editor é a súa novela», de Francisco Castro; «Un salvavidas para calquera tempo (tamén en pandemia)», de Henrique Alvarellos; «A tradución do libro galego. Onte e hoxe», de Xosé Manuel Dasilva; «O forxador de libros: unha visita á sala de máquinas. Conversa con Xosé Manuel Soutullo», de Henrique Monteagudo e Xesús Domínguez Dono e Álex Alonso Nogueira e «Crónica de Xosé Manuel Soutullo» que asina Víctor F. Freixanes.

Na sección «Documentos» o texto «O programa de Galaxia en tres tempos», de Henrique Monteagudo.

Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «A nova política en Galicia», que asina Xoán Hermida.

E na sección intitulada «Lingua» os textos «A primavera lingüística en Francia. A Lei Molac e a inmersión en linguas minorizadas na escola pública francesa», de Luís Villares Naveira; «O proxecto plurilingüe e intercultural da escola catalá. Principios, constatacións e conclusións para a xestión dos centros», por Carme Rider i Serra e a achega «O galego no audiovisual: unha necesidade», por Andrés Bellas Carballo.

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Alberto Lema e a poética uns textos inéditos da autoría de Abraham Pérez.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Escóitame, crítico da literatura galega… 70 anos do primeiro traballo de Xesús Alonso Montero na Colección Grial», de Francisco Castro; «Hai 70 anos: o meu primeiro artigo filolóxico», que asina o propio Xesús Alonso Montero; «“Porque non seca a morte a fonte das cantigas”. Albor (Cuaderno de Poesía) e algúns intelectuais galegos na posguerra», de Patricia Arias Chachero e «Memorias de superación», da autoría de Mercedes Queixas Zas.

Na sección «Crónica» o texto «Carta da Coruña. Da Coruña para Compostela ou viceversa», que asina Kathleen March.

Deseguida na sección «Feminismos» escriben Xosé Cabido Pérez sobre «A coeducación na escola: unha cuestión de homes» e Carme Moure Espiño sobre «Un (Im)posible decálogo coeducativo».

A maiores na sección «Música e artes visuais» engade os textos «Música electroacústica en Galicia. Carencias técnicas e evolucións das primeiras manipulacións sonoras de Enrique X. Macías (1974-1979)», de Roberto Oliveira-Ogando e «Política d’O que arde» que asina Brais Estévez.

Pechan o volume a sección «Ciencia e técnica» co texto «Usos, beneficios e conflitos nas pradarías mariñas de Galicia ao longo dos últimos cento sesenta anos» da autoría de Emilio Fernández, Carlota Barañano e Gonzalo Méndez, e finalmente «Debates» coa achega «Darwin e a relixión», de Daniel Soutullo.

Nesta ligazón pódese ler unha versión completa da miña recensión que se publicou con anterioridade no dixital comarcal Que Pasa Na Costa.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta