Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237

No último número, 237 (xaneiro, febreiro e marzo do 2023) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Desde o revés do tempo e da memoria», unha recensión á antoloxía De rosa antiga. 50 anos de Poesía (19722022), de Helena Villar Janeiro.

Este número 237 centra os seus contidos monográficos no autor homenaxeado nas Letras Galegas 2023 baixo o título «Francisco Fernández del Riego: testemuño e compromiso», coa coordinación de Malores Villanueva, que asina o texto introdutorio coa mesa epígrafe e cos artigos «Francisco Fernández del Riego, estudante universitario», de Patricia Arias Chachero; «A militancia política: do tempo republicano á ditadura franquista», de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel; «Celso Emilio Ferreiro contra Francisco Fernández del Riego», que asina Xosé Manuel Dasilva e «Lembrando a don Francisco, guieiro da Penzol», de Marián Vidal Fraile.

Ramón Nicolás publica unha ampla «Conversa con María Lojo» que aparece encabezada pola súa firmación «Galicia fundoume, son a súa feitura».

Na sección «Temas do noso tempo» aparecen os artigos «Brexit, BrexLit e a nova diáspora galega», de María Alonso Alonso e «Identidades nacionais nun mundo global. As crises identitarias e as realidades múltiples», de Xoán Hermida González. E na sección de «Economía» un texto de Enrique Sáez Ponte sobre «A dixitalización dos pagamentos como oportunidade. O cambio de hábitos, impulsado pola pandemia, abre os ollos».

Logo na sección «Ciencia e Técnica» o artigo «A neurociencia do xénero», que asina Sonia Villapol Salgado.

A seguir na sección «Documentos» Malores Villanueva asina a achega «Furar nas tebras da clandestibidade. Francisco Fernández del Riego na cadea».

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Xosé Cermeño, e a poética uns textos inéditos da autoría de Manuel Guede Oliva.

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «Murguía no centenario da súa morte», que asina Ramón Villares e «Na véspera de dous idilios. Unha aproximación ás Galicias soñadas por Álvaro Cunqueiro e Manuel Rivas», de Lois Alcayde Dans.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Estocolmo. Oxímoro equilibrado», da autoría de Xesús Abalo.

A maiores na sección «Lingua» Xabier Zabaltza escribe sobre «Eliezer Ben Yehuda e o “renacemento” do hebreo».

Na sección «Feminismos» escriben Iolanda Martínez Suárez escribe sobre «Da invisibilidade dos coidados á loita política» e Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman asinan «As que limpan. A Panadaría».

Pecha o volume a sección «Música» co texto «Manel Rodeiro. A creación emancipada» que asina Rosa María Fernández.

Velaquí o contido da miña recensión:

Desde o revés do tempo e da memoria

De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022)

Helena Villar Janeiro

Vigo: Galaxia, 2022, 156 páxinas

Este volume compila unha significativa escolla da poesía de Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940), escrita durante cinco décadas ou dez lustros ou quinquenios, pois a nosa Academia non recolle aínda unha denominación para este período de tempo semellante ao castelán “decalustro”. A antoloxía foi preparada pola propia poeta, quen ademais asina dúas páxinas do limiar «Nota da autora» nas que de maneira sucinta explica as razóns da publicación e onde se recoñece a si propia coma unha “poeta bastante serodia e non doada de colocar nun grupo establecido”, por máis que fose a única voz feminina entre os sete poetas que conformaron o colectivo Cravo Fondo, que publicou unha obra conxunta con ese título (Follas Novas edicións, 1977), malia que a autora sinala a data de 1979, para nós errada, aínda que os recitais do grupo se prolongasen neses anos.

Tamén explicita que deixa fóra para non traizoar a súa singularidade os tres libros escritos en coautoría con Xesús Rábade Paredes: O sangue na paisaxe (1980), No aló de nós (1981) e Cabeleira de pedra (1993), froito dunha experiencia creativa dual que deu e aínda está a dar moitos libros de poemas ben interesantes, desde aquel Poemas de ti e de min (1947) dos irmáns Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez até o recente Criptografías que asinan os poetas Pepe Cácamo e Baldo Ramos.

De rosa antiga ofrece dous textos inéditos, un como pórtico “Locus amoenus” e outro como final “Migrantes”, no primeiro e en prosa poética sitúa na paisaxe ancaresa das Fraga das Valiñas e do río Donsal a nacenza dos seus primeiros versos en “lingua prehumana” que dialoga coa natureza, pois Helena Villar Janeiro é unha poeta adoito caracterizada polo seu amor ás plantas (hai todo un catálogo de especies referidas na súa poesía que van das silvestres até as cultivadas) e aos seres vivos, desde unha espiritualidade que supera as concepcións franciscanistas da poesía galega, poñamos por caso Noriega Varela. E no derradeiro, en versículos, sen abandonar o canto da Terra atopamos a poeta máis social, desta volta na súa solidariedade coas persoas migrantes de calquera condición. Non é casual que os versos que abren este poema final sexan da autoría do peruano, radicado en Salamanca, Alfredo Pérez Alencart. Ambos e dous poemas testemuñan se callar os dous fíos temáticos máis importantes que ganduxan as páxinas desta escolma.

Entre eles unha restra de poemas dos seus oito libros individuais e un longo apartado intitulado “Da obra diversa” que compila aqueles textos publicados en diferentes publicacións colectivas, porque as diferentes reivindicacións sociais sempre botaron man en Galicia do sustentáculo das poetas e dos poetas galegos, unha actitude con certeza sen parangón na literatura universal.

Villar Janeiro non quere obviar a súa poesía iniciática en castelán e recupera cinco textos de Alalás (1972), onde como confesa a propia autora son evidentes os ecos de Juan Ramón Jiménez e do misticismo que lle deixaban aquelas primeiras lecturas en castelán.

A poeta galega, aínda que escribise con anterioridade en Cravo Fondo (1977) ou nos dous primeiros libros en coautoría con Rábade Paredes, chega aos 45 anos coa plenitude de Rosalía no espello (1985), que confirma a súa incorporación tardía da que sempre falou, un diálogo lírico coa obra e a vida da nosa poeta nacional á que Helena Villar Janeiro consagrou moitas horas de estudo e dedicación, nomeadamente, mais non só, na época que presidiu a Fundación Rosalía de Castro (2005-2012).

Volve a se producir un hiato no ritmo de publicación até que en 1994 aparece a poesía erótica de Festa do corpo (1994), explorando campos semánticos até daquela escasamente transitados polas voces poéticas, mesmo femininas, e o prolífico 1999 no que coinciden Álbum de fotos e Nas hedras da clepsidra, aínda que nesta antoloxía a autora faga unha alteración da orde de todos tres, se callar por razóns que teñen a ver coas datas de composición dos poemas. Do erotismo carnal regresa a textos onde a natureza e as paisaxes da infancia recobran, con imaxes cada vez máis plásticas, a memoria da nenez, da nai (como o magnífico “Coa voz da noite sei da miña tribo”), dos devanceiros propios mais tamén dos da nosa historia como pobo nese canto a “dona Sancha / muger que fue de don Fernando Moscoso” ou da paisaxe ancaresa mais tamén das viaxes como coñecemento (velaí a londiniense “Kenninghton Road”). E do punto de vista formal o verso faise máis longo e complexo na súa arquitectura, máis denso e rico nos seus significados.

Na década de dous mil hai unha virada de leme na poesía de Helena Villar Janeiro. É a época na que procura a esencialidade das composicións breves, en particular dos haikai (que tamén lle din haikús, malia a RAG non recoller ningunha delas), nos libros Pálpebra azul (2003) e Poesía mínima (2018), este último en edición trilingüe galego-castelán-inglés (versión inglesa de Paul Baker), en simbiose coa madureza na ollada da súa cámara fotográfica. Moitos destes textos coñeceron unha versión previa na rede, quer no propio blog da autora quer en canles sociais como no twitter @villarjaneiro, sempre na procura de difundir a beleza do inefable.

Entre medias Remontar o río (2013), onde alén dos temas recorrentes percíbese con maior intensidade a metapoesía, a memoria colectiva ou a música, como na homenaxe explícita ao compositor e intérprete barroco Johann Pachelbel, e aquí emerxe toda a súa formación nesta disciplina, que se emparenta coas súas anteriores composicións de cancións infantís en Cantan os nenos. O libro de María (1984), coa colaboración de Xesús Rábade Paredes.

Finalmente “Da obra dispersa” compila 28 poemas, todos na nosa lingua agás tres en castelán e datados entre 1977 e 2021, dos que se detalla en que publicación colectiva viron a luz nun apéndice final. Neles, como adoita suceder, salientan as homenaxes con textos sobre Teresa de Jesús, Frasilia nun epitafio dun museo ateniense, Xohana Torres, Luís Villalta, Juan Gelman, Miguel Hernández, César Vallejo, Antonio Colinas ou mesmo a creación cervantina de Don Quixote.

As viaxes a outras latitudes (Tromso, Berlín, a macedonia Ohrid…), sempre en diálogo coa paisaxe ancaresa de seu, mais tamén outras paisaxes simbólicas desde a Ribeira Sacra ou a Cova de Eirós até o Monte Pindo. E aqueloutros que serven para a denuncia como “En estatuas de sal” nun dos libros colectivos contra a marea negra do Prestige ou “Eva de todos nós” a poetizar a traxedia dos incendios ou para daren voz ás persoas e pobos silenciados (Palestina), na defensa das mulleres “Con tinta lila”, porque hai moito feminismo en todo o libro, das persoas exiliados ou represaliadas como o conmovente “Memorias das vítimas” dedicado “A meu tío / Ovidio Villar Fernández (1916-1936), / fusilado e perdido”, pois seu tío é unha das vítimas do franquismo aínda hoxe desaparecidas.

E despois de cinco décadas de escrita o misticismo da inaugural Helena Villar Janeiro foi perdendo peso na balanza dos anos, sen desaparecer nunca por completo, en favor dunha voz máis próxima a aquela definición de Celso Emilio Ferreiro: investiga a verdade do teu tempo / i alcontrarás a túa poesía.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237

  1. Pingback: “De rosa antiga” | Tirar do fío

Deixa unha resposta