Entrevista ao profesor Herminio Barreiro para falarmos da poesía de Xosé Alexandre Cribeiro


(Nesta histórica fotografía Herminio Barreiro (no centro), entre X. L. Méndez Ferrín (esquerda) e Luís Cochón. Era no ano 1990 na galería Sargadelos de Compostela, onde presentaban un libro seu sobre o pedagogo e institucionalista Lorenzo Luzuriaga)
Máis unha vez un traballo literario da miña autoría pódese ler nesta páxina de poesiagalega.org, que xa dixemos é o rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). Desta volta reproducen a entrevista que lle fixen a Herminio Barreiro para falarmos sobre a obra e a persoa de Xosé Alexandre Cribeiro e que publicou o xornal Galicia Hoxe, no seu suplemento “Revista das Letras“: 843, (09/12/2010, pp. 4-7). Propúxenlle ao seu coordinador, o poeta Antón Lopo, facermos unha homenaxe ao profesor Herminio Barreiro publicando a totalidade ou fragmentos escollidos dunha conversa que se gravou en abril de 2003, cando o fun entrevistar para falarmos da obra poética de Xosé Alexandre Cribeiro, xa que eu andaba a preparar un estudo introdutorio para a reedición conxunta de Indo pra mais perto [1979] e A señardade no puño [1996], publicadas na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais.
No repositorio poesiagalega.org fanlle esta entrada ao meu traballo:
«Recuperación e transcrición dunha entrevista mantida por Miro Villar con Herminio Barreiro a propósito de Alexandre Cribeiro e dos vínculos compartidos en distintos momentos das súas vidas, tanto en Galiza como en Madrid. A transcrición fíxose sen unha intervención excesiva sobre o libre fluír da conversa gravada, como é perceptíbel. Segundo se informa en nota na derradeira páxina, o encontro tivera lugar no mes de abril de 2003, con motivo da preparación por Miro Villar da súa edición, para a “Biblioteca das Letras Galegas” de Xerais, do volume compilatorio da obra poética de Cribeiro, que co título Indo pra máis perto / A señardade no puño chegaría ás librarías no ano 2004. Barreiro repasa referencias biográficas e familiares de Cribeiro (algunhas delas comúns a ambos) e detense de forma particular na creación en Madrid de grupo Brais Pinto, nas lecturas e na formación política compartidas e tamén na militancia no Partido Comunista. Lembra así mesmo as distintas etapas profesionais e persoais de Cribeiro, até o seu falecemento en Pontevedra o 2 de maio de 1995».
Na súa publicación na “Revista das Letras”, por decisión de Antón Lopo, interveuse na lingua da gravación, xa que preferiu corrixir expresións coloquiais, castelanismos ou vulgarismo propios da conversa informal. En calquera caso deseguida reproduzo un fragmento significativo e orixinal da conversa:
«Bueno, a miña relación con el é, bueno como che digo, de amistá personal, mediatizada por esta cousa de parentesco e de compromiso político co Partido Comunista, algo que iba un pouco alá do galeguismo dominante podiamos decir, é decir do galeguismo de Galaxia que era o que había, non? Iba un pouco máis alá, pero non iba máis alá non nun senso despectivo senón que iba máis ala porque se pensaba que as inquedanzas culturais podían ser dunha índole e as políticas doutra e que había que navegar a dous niveles, incluso discutiamos que facer, si organizarnos desde o punto de vista galeguista e comunista en Madrid pensando en Galicia ou en Galicia pensando en Madrid […] Todo eso eran cousas que non estaban moi afirmadas nin eran moi claras, non? Bueno, pois así pasa un tempo. Cribeiro ten un compromiso con xente da Escola de Cine. Nós sabemos moitas cousas de cine a través del, como sabiamos cousas de pintura a través de Patiño, como sabiamos cousas de literatura a través de Bernardino ou de Ferrín ou do propio Ramón Lorenzo, porque o que había era unha especie de especialización en todos eles, en todo o grupo, non? É decir, educámonos todos a todos, aportábamos uns aos outros, non? E desde ese punto de vista eu levaba unha inquietú política, práctica, militante e tal, non sabes?, a través da miña familia, conocíase por meu pai, de cousas que intuía, de cousas que vin, de xente que conocín, bueno, de xente que conocía paralelamente aquí en Galicia como era o meu primo Manuel Lueiro que era maior ca min e que era un tipo que tiña moitas relacións comigo e eu ademais fixera moita amistá con Lueiro porque eu dérame a escribir unhas cousiñas alí no Faro de Vigo cando era bastante neno e no periódico Litoral de Pontevedra, o que levaba Pedrito Rivas, era onde escribín eu tamén algunha cousa e tamén por todo eso, de aí viña a relación, por todo eso. Unha relación así como moi variada, pero ao mismo tempo era multilateral a miña relación co grupo, de todos co grupo. Nós tiñamos pola nosa conta outro tipo de relacións e neste tipo de relación eu tiña unha relación bilateral con Cribeiro, de tipo bilateral, moi de Partido Comunista, do exilio, París, Moscú, tal e cual, non sabes?, oír, ver, tal e cual […] pero organización propiamente non era, coñecementos próximos, aportacións, colaboracións esporádicas, non sabes? a través de non sei quen levabas non sei que, que che pasaban non sei canto, estas cousas todas, pero non eran unha actividá organizada naquel momento, non? Eso pasa durante o curso 58/59, 59/60, 60/61, 62/63, dígoo porque no 62/63 xa un pouco desperdígase o grupo e Ferrín saca a cátedra, Bernardino vaise fóra, Ramón tamén, bueno, todo eso».
A conversa completa pódese ler aquí na “Revista das Letras” do Galicia Hoxe e acolá en poesiagalega.org, mais lembro que non está reproducida ad pedem litterae. Pouco importa iso, porque non altera para nada a mensaxe que me quixo transmitir o profesor Herminio Barreiro, unha enorme perda intelectual para a nosa sociedade, mais tamén humana como podo testemuñar cando me recibiu con todo o tempo do mundo no despacho da súa Facultade ou cando me escribiu algún correo electrónico para precisar datos que lle viñan a memoria. Enorme xenerosidade a súa que non pode ficar sen a miña gratitude, malia o pesar pola súa perda, cuxo primeiro caboano foi este pasado día 7 de novembro.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Estudos literarios, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.