Poemas (XVIII): nocturno, de Elvira Riveiro Tobío


(Foto de Axencias, tirada dunha entrevista en Galicia Hoxe)
Na anterior anotación comentamos que carnia haikai foi a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas e que dunha vez aberta a plica resultou pertencer á escritora e crítica Elvira Riveiro Tobío, un premio que lle reportará 1.000 euros e a publicación do libro pola Asociación Cultural Caldeirón. Na espera de coñecermos os haikus que compoñen ese volume, algúns dos cales puidémosllos escoitar na noite do sábado, reproducimos o seu poema “nocturno”, outro exemplo de erótica poesía amatoria, tirado da Biblioteca Virtual Galega.
nocturno
foise a hora dos recolledores de lixo
un estrondo frío
un ronsel de pestilencia
bolboretas mortas
a deshora
como a comitiva fúnebre do amor
unha cadela vagabunda ouvéalle ao baleiro
que deixa o lixo nas canellas
devora os corazóns arrincados
que escorregan do camión
dorme e soña cos amantes mortos
que lle serven de alimento cada noite
co camión dos recolledores de lixo
coa comitiva fúnebre do amor
traba-lingua
lingua limacha largacía
lingua lique guerla
con gula
lingua limo lento lingam engole
lingua lagarta buliga
gabea
gurgulla
lingua lombriga
o seu gume auga gorece
legado de gozo o seu ámago longo
bífida ou lambeteira
anguía ou londra
lingua gulosa
lingua lábil
cunnilingua

Esta entrada foi publicada en Lingua, Poesía. Garda a ligazón permanente.