«A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez

O historiador e bibliotecario Manuel Pazos Gómez, activo membro e confundador da A. C. Obradoiro da História, solicitoume un poema para o seu novo estudo intitulado Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, editado pola propia entidade e co patrocinio do Concello de Oroso, que vén de aparecer nas principais librarías do noso País.

Hónrame facer parte co poema «A Pontragha», inspirado por unha das vellas estacións dese camiño de ferro, da importante nómina de escritores e escritoras dos que Manuel Pazos recolle fragmentos ou textos completos para acompañar o seu rigoroso traballo de investigación.

«A Pontragha», que aparece na páxina 103 acompañado dunha fotografía da estación do arquivo fotográfico persoal do propio Manuel Pazos Gómez, foi escrito ad hoc para este proxecto, aínda que xa o adiantara na rede, para acompañar a saída do número 1 da revista GaZeta, que xa se lanzou dixitalmente no pasado mes de maio, desde as Agrupacións Poéticas de Base, en Guitiriz, como lembrei nesta anotación.

Antes de recoller agora nestas crebas o meu poema, reproduzo o interesante artigo que a xornalista Ana Triñáns publicou en Nós Diario sobre a obra e que pode ler nesta ligazón.

Manuel Pazos reúne a historia do ferrocarril de Compostela á Coruña

Rexistro oral e visual da vella vía de tren

Chegadas, saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela-A Coruña é o título do volume compilado por Manuel Pazos no que fai un percorrido exhaustivo e emocional pola vella vía de tren entre Compostela e A Coruña. Unha viaxe á situación na que está a infraestrutura que logrou manterse en pé até hoxe.

Ana Triñáns. 21 de xaneiro de 2021

“Tentei elaborar un volume que constituíse unha documentación complementaria, non só con carácter técnico senón tamén literaria, con poemas e con fotografía, o que nomeei ‘fotopoemas’, cos testemuños da xente… Un libro para o público xeral”. Así presenta Manuel Pazos o seu volume Chegadas, saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela-A Coruña, editado pola A. C. Obradoiro da História e co patrocinio do Concello de Oroso.

Esta publicación de case 200 páxinas e que combina documentación técnica, mapas, fotografías, versos e memoria oral, tardou en xestarse arredor de ano e medio. Un tempo no que o autor percorreu o tramo da vía férrea da liña Zamora-A Coruña que comunicaba a capital galega, Compostela, e a cidade herculina. Neste camiño puido comprobar en primeira persoa o abandono no que permanece este capítulo da historia socioeconómica da área noroccidental da Galiza.

A obra dos autores Lluís Prieto e Pedro Pintado, O ferrocarril directo á Galiza, foi para Manuel Pazos un cimento importante a partir do que construír a súa obra, coa que, entre outras cuestións, consegue darlle á historia do tren “o carácter galego necesario para entender a xente”, e o seu vencello co tren.

A estrutura deste volume

Chegadas, saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela-A Coruña constitúe un documento pormenorizado da historia deste tramo da vía Zamora-A Coruña. Nel, Manuel Pazos compila a cronoloxía dun século de comunicación entre Galiza e Castela por tren, entre 1858 e 1958.

A construción e posta en funcionamento do cuarto treito desta vía, o que uniría as cidades de Compostela e da Coruña, é outro dos capítulos do libro, no que non se pasan por alto nin os anos da represión nin a visita do ditador Franco para inaugurar o tramo, en 1943. “Moita xente maior acórdase da apertura da vía, cando veu Franco”, explica Pazos, “moita desa rapazada agora ten arredor dos 80 anos e viron inaugurar o tren, fechar a vía… Nesas persoas ten un impacto que só pasaran 60 anos”, recalca o autor.

A partir de aí, a arquitectura que rodeaba cada unha das estacións (con vivendas, almacéns, apeadoiros, depósitos da auga, aseos, túneles…) e a fiel descrición das súas estacións e dos elementos máis destacados do percorrido completan un catálogo ao que se une a memoria oral da xente coa que se entrevistou Manuel Pazos e a combinación poética que elixiu.

Unha ollada desde a lírica

O que le chama “fotopoemas” son conxuntos de fotografías e fragmentos poéticos de autores e autoras de todo o mundo nos que o tren é protagonista. Desde o afamado “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” de Curros, até “O tren” que cantaba Andrés do Barro, pasando por Gerardo Diego, Pablo Neruda ou Fernando Pessoa, percorren o volume de Manuel Pazos ilustrando imaxes dos anos 50 e 60 até instantáneas máis recentes daqueles puntos máis importantes da vella vía. 

Do abandono á Vía Verde

“O que pasou con esta vía está a pasar con outras, onde se comezan a transformar os percorridos co gallo de habilitalos para os trens de alta velocidade”, advirte Manuel Pazos, quen lembra que as estacións “quedaron abandonadas e a xente entrou e levou fotografías, reloxos…”. “Ninguén desde Madrid, desde Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), tivo a preocupación de protexer ese patrimonio, non só arquitectónico senón tamén documental”, denuncia.

 E o fío da creación da Vía Verde entre a Sionlla e Meirama, o tramo no que xa non queda vía, Manuel Pazos expón que entre o abandono da vía e esta iniciativa “o que non se fixo foi aproveitar os raís, como se fai por exemplo en Escocia, onde se lle dá ao tren un sentido turístico e de proximidade, utilizando locomotoras a vapor con vagóns de época que levan xente e turistas, cobren unha dupla función”. Por iso, o autor de Chegadas, saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela-A Coruña lamenta a chegada desta Vía Verde sobre o que foi parte da nosa historia.

Abandono de túneles e pontes

A vía que unía Compostela e Meirama (Cerceda) desapareceu case por completo e, con ela, chegaron as silvas e as matogueiras aos camiños, aos túneles e aos viadutos. O abandono das estacións e dos apeadoiros carrexou o estrago e espolio do patrimonio arquitectónico e documental que supuña a contorna dunha estación de tren. Este tramo da liña Compostela-A Coruña é o que agora pasará a formar parte da chamada Vía Verde da Sionlla a Meirama.

Ata aquí o artigo en Nós Diario, mais deseguida reproduzo tamén o meu poema intitulado «A Pontragha», ao tempo que lle agradezo a Manuel Pazos o covite e desexo moito suceso a este traballo de investigación. Saúde!

A Pontragha

Con case noventa anos, de engurras rostro e mans
miúdas que arrecenden a pan de broa, fincas
no teu caxato a carga do tempo inexorable,
ergues a ollada cansa, noutrora pillabana,
que esculca interrogando nas pedras da estación.

Só se escoita a cadencia do Lengüelle, monótona
e fermosa salmodia das augas que se van,
como a vida da xente, como o bulicio ledo
da cantina da infancia, das olladas a furto
e os tímidos desexos da vosa puberdade.

Nas paredes de branco ferido de humedén,
nas xanelas, nas portas, pechadas e doentes,
bate a túa saudade como bátegas, mancan
as lembranzas choídas con aqueles sorrisos,
rostros que levan nomes ou que desacordaches.

Remiras a cantina da estación e recordas,
coma se fose agora, que na súa algueirada
medraron os afectos, as horas máis alegres,
unha felicidade que se constrúe cauta
nos ollos e as mans dadas con e contra o futuro.

Nas travesas da vía sangra o ferro e desangras
a memoria das horas. A moza foi muller
e as mans encaleceron con traballos humildes,
a desfacer o lombo con cargas e descargas,
mentres moitos dos soños marchaban nalgún tren.

Esta entrada foi publicada en Documental, Ensaio, Fotografía, Historia, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta