«A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)

Moncho Bouzas Tobío, vello camarada do extinto Batallón Literario da Costa da Morte e agora activo no grupo literario Nova Poesía Guitirica, desde a coordinación da súa publicación dixital GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base), solicitoume un poema inédito, para acompañar a saída do número 1 da GaZeta «coa indisimulada intención de integrar no espazo cultural que definen as agrupacións poéticas que participan na revista a experiencia e referencia do Batallón».

Alén da revista, que xa se lanzou dixitalmente neste mes de maio, están a poñer en andamento un Festival de Agrupacións Poéticas de Base, en Guitiriz, se callar coa denominación de Festival Guitirico.

Nesta ligazón pódese ler a Gazeta nº1 (Revista de Agrupacións Poéticas de Base), mais deseguida reproduzo aquí tamén o poema «A Pontaghra», ao tempo que lle desexo longa vida a esta experiencia literaria dixital dunha agrupación moi dinámica nos últimos tempos. Saúde!

A Pontragha

Con case noventa anos, de engurras rostro e mans
miúdas que arrecenden a pan de broa, fincas
no teu caxato a carga do tempo inexorable,
ergues a ollada cansa, noutrora pillabana,
que esculca interrogando nas pedras da estación.

Só se escoita a cadencia do Lengüelle, monótona
e fermosa salmodia das augas que se van,
como a vida da xente, como o bulicio ledo
da cantina da infancia, das olladas a furto
e os tímidos desexos da vosa puberdade.

Nas paredes de branco ferido de humedén,
nas xanelas, nas portas, pechadas e doentes,
bate a túa saudade como bátegas, mancan
as lembranzas choídas con aqueles sorrisos,
rostros que levan nomes ou que desacordaches.

Remiras a cantina da estación e recordas,
coma se fose agora, que na súa algueirada
medraron os afectos, as horas máis alegres,
unha felicidade que se constrúe cauta
nos ollos e as mans dadas con e contra o futuro.

Nas travesas da vía sangra o ferro e desangras
a memoria das horas. A moza foi muller
e as mans encaleceron con traballos humildes,
a desfacer o lombo con cargas e descargas,
mentres moitos dos soños marchaban nalgún tren.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “«A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)

  1. Pingback: «A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez | crebas.gal

Deixa unha resposta