«Un clásico noso para encontrar a serenidade en momentos de desacougo. Sesenta anos do pasamento do muxián Gonzalo López Abente». Por Manuel Vilar

(Fotografía: Fondos da RAG)

O amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez, actual director do Museo do Pobo Galego, publica na edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia un artigo en acordanza do sesenta anniversario do pasamento do académico e escritor Gonzalo López Abente, un dos nosos maiores poetas. Polo seu interese divulgativo reproducimos aquí o texto, que se pode ler na prensa dixital nesta ligazón.

Un clásico noso para encontrar a serenidade en momentos de desacougo

Sesenta anos do pasamento do muxián Gonzalo López Abente

Por Manuel Vilar

24 xul 2023

Estamos nas vésperas do 25 de xullo, a festa nacional de Galicia que cantou o poeta muxián Gonzalo López Abente: «Queremos celebrar o noso día / baixo o agarimo da benina estrela». Hai sesenta anos a estrela non reluciu e o poeta celebraría o noso día e desde o «morno abrigo das arnelas fondas».

O noso poeta chegou no ronsel dos grandes escritores. Viña na estela de Rosalía, Castelao, Pondal, Añón, Curros, Noriega Varela. Desde o curruncho muxián soubo entender e cantar as cousas que dan sentido á vida neste mundo, o local como universal, así como defender as liberdades en tempos difíciles, por non dicir de barbarie.

Hoxe son tamén tempos difíciles, dominados pola volatilidade, mentiras e banalidades, onde o fácil é esquecer. Obrígannos a esquecer. Mais son estes os tempos propicios para volver aos clásicos. López Abente é un clásico, un dos nosos clásicos. Aos clásicos debemos regresar para encontrar a serenidade en momentos de desacougo. Eles sinalan camiños que nos levarán a certezas infindas. Mais tamén podemos volver a López Abente para ler a paisaxe histórica que habitamos. Con el podemos percorrer esta xeografía que estamos cambiando velozmente e baleirando de significados históricos, polo que perdemos os referentes que foron soportes dunha memoria colectiva. Ler os clásicos para seguir tendo referentes colectivos e volver a cargar de significados a paisaxe construída historicamente e non sexa un ente ermo, que non entendemos ou só percibimos como campo de especulación.

Hai cen anos creábase o Seminario de Estudos Galegos. Tiña como proposición actualizar o discurso cultural por medio do estudo integral da cultura galega. Isto inserido nun proxecto de defensa da identidade cultural de Galicia. López Abente tamén estaba nese proxecto. Ler a súa poesía narrativa é tamén procurar argumentos para sermos nós no mundo de hoxe, un mundo entre o local e o global, un mundo glocal.

Gonzalo López Abente segue sendo importante para entendermos a nosa realidade e buscar referentes que axuden a sinalar un camiño certeiro cara ao futuro. Velaí o valor dos clásicos, dos nosos clásicos. Volvamos a López Abente. Ten aínda moitas respostas que darnos.

A 60 anos do seu pasamento a súa obra segue sendo necesaria, especialmente para os que somos ou habitamos a Costa da Morte.

Esta entrada foi publicada en Biografía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta