O nariz de Fiz no «Catálogo de lecturas recomendadas para Educación Primaria» da Editorial Galaxia

A reedición (ou edición revisada) da novela infantil O nariz de Fiz, publicada na colección Árbore da Editorial Galaxia, é un dos libros que se inclúen no «Catálogo de lecturas recomendadas para Educación Primaria», presentado así na páxina da editora.

Galaxia publica o seu «Catálogo de lecturas recomendadas para Educación Primaria»

Sara Valcárcel. Xullo 28, 2023

O presente Catálogo de lecturas recomendadas para educación primaria de Editorial Galaxia quere proporcionar ás mestras, mestres, bibliotecarias e bibliotecarios dos centros escolares galegos e responsables dos clubs de lectura, unha selección de obras de referencia para o fomento da lectura na nosa lingua, a educación literaria e a comprensión lectora.

Na actualidade, o maior peso da formación dos futuros lectores e falantes da nosa lingua recae nos centros de ensino, polo que tentamos con esta guía facilitar o traballo dos educadores e educadoras. Mais tamén os pais e nais poden acudir a el para procurar lecturas para os seus fillos e fillas.

Unha selección de libros con algúns dos autores e autoras mías senlleiros da nosa LIX: Antía Yáñez, Carlos Labraña, An Alfaya, Paula Carballeira… Un feixe de historias atraentes para a rapazada e ilustrados con mestría e agarimo por algúns dos mellores ilustradores e ilustradoras da nosa terra: Luz Beloso, Fonso Barreiro, Eli García, Kristina Sabaite, Víctor Rivas ou Blanca Millán.

O catálogo organízase por idades, mais dun xeito flexible pois, a capacidade lectora de cada neno ou nena varía en función de moitos factores. Indícanse tamén os temas de referencia de cada libro: a diversidade, a familia, as diferenzas sociais, a tolerancia, a amizade, os trastornos do desenvolvemento, ao solidariedade, a identidade de xénero…

Ofrécense libros das temáticas e os xéneros máis variados, poesía, teatro, novela e xogos coa lingua. Cada lector ou lectora poderá atopar aquí un libro que o marcará para sempre e co que principiará a súa andaina polos vieiros da lectura.

Ademais, na web de Editorial Galaxia, tanto no apartado de materiais https://editorialgalaxia.gal/os-materiais/ como na ficha específica de cada un dos libros deste catálogo, a partir de setembro haberá unha detallada guía didáctica con exercicios, comentarios, recomendacións e actividades para os lectores e lectoras.

Bo verán a todas e todos e boas lecturas!

Esta entrada foi publicada en Infantil. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta