No 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (III)


E, polo de hoxe, a miña terceira e máis recente colaboración coas actividades da Fundación Rosalía de Castro veu da man da literatura infantil, ao participar no volume colectivo Quen casa ten de seu, que se rematou de imprimir o 24 de febreiro do 2009, día do 172 aniversario do nacemento da Poeta, e que inclúe os contos “A grila na casa da Matanza” de Marilar Aleixandre e ilustrado por David Pintor; “Atrapados no museo” de Fina Casalderrey, que debuxou Ramón Marcos; “A verdadeira historia dun dente de Rosalía de Castro” de Xosé Antonio Neira Cruz, que ilustrou Miguelanxo Prado, “O conto de Amara” de Helena Villar, debuxado por Iván Suárez e o meu conto rimado “A fantasma na casa da Matanza”, ilustrado por Fausto Isorna, e cuxas primeiras estrofas falan deste xeito:
A FANTASMA DA CASA DA MATANZA
É bo ter unha casa, dixen daquela,
porque é poeta abril
e canda as chuvias, canda as margaridas
chegarán as palabras.
«A casa dos poemas», Nas hedras da clepsidra
HELENA VILLAR JANEIRO
 
Moito xa se falou de min, malvados
e atravesados foron os comentos;
mais, queiran ou non, andan ben errados.
Estade, meus amigos, ben atentos
e escoitade esta historia ben sentados.
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.
Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecín a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.
Co recendo dos figos da figueira
olleina escribir versos nesa fiestra,
aproveitando a luz nesa cadeira.
E lía en alta voz coma unha mestra,
verso a verso, a estrofa toda enteira.
Escoiteina reler os seus Cantares
e os versos repasar de Follas Novas.
Eu corría detrás dos seus andares
na busca de palabras, vía as probas,
collía unhas, deixaba as máis vulgares.
Rosalía aprendeume devagar
os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar,
a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.