Na Feira do Libro de Cee (11 a 14 de agosto do 2012)



(Díptico co programa da Feira do Libro de Cee. Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
Desta volta non haberá ningún veto para a miña presenza na Feira do Libro de Cee (2012) que se vai desenvolver entre o sábado, 11 e o martes, 14 de agosto. Xa se relatou aquí como me sentín obrigado a rexeitar a distinción dun Faro Nerio, na categoría de cultura, e como esa decisión tivo entre as súas consecuencias o veto á miña participación na anterior Feira do Libro de Cee (2012) por parte dun nefasto e nefando ex-alcalde de Cee cuxo nome é mellor non lembrar, emporcallado na trama de corrupción denominada “Operación Orquestra“. De feito ese veto propiciara un manifesto de apoio de xente da cultura da Costa da Morte e tamén do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), a única entidade que fixo público o seu apoio contra esa arbitraria decisión.
Onte recibín da man de Víctor Castiñeira, Técnico de Cultura de Cee, o programa final da Feira do Libro de Cee (2012) no que participarei en dous actos o luns 13 de agosto.
Ás 12,15 horas no paseo da Alameda, hei presentar para o público infantil os dous libros para esta idade que viron a luz nos últimos meses: A cobiza do verme Noel, unha historia de vermes que publicou Galaxia, e Rebelión na charca, outra historia de ras, sapos e salamántigas que publicou Sotelo Blanco.
E ás 22,15 horas no café Colonial, Serán de Terraza Literaria, con Estevo Creus, nunha lectura poética para eu presentar As crebas (Espiral Maior), mentres Estevo fará o propio con Balea2 (Edicións Positivas).

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Infantil, Narrativa, Poesía, Premios, Presentacións. Garda a ligazón permanente.