Breizh na «Xornada de Bretaña en Galicia»


A «Xornada de Bretaña en Galicia» («DevezhBreizh e Bro-Galissia», «Journée de la Bretagne en Galice») celebrada o pasado venres 18 de outubro no Conservatorio Profesional de Música de Compostela acolleu entre as súas numerosas e variadas actividades unha presentación do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).
A xornada está inserida no marco dun proxecto educativo europeo, denominado Comenius Regio, que ten por título “Échangeons notre échange scolaire” e que ten por obxectivo fomentar os intercambios escolares entre Galiza e Breizh.
Os socios do proxecto educativo son na parte galega: a Unidade de Programas Europeos da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a Asociación de Profesores de Francés de Galicia e dous centros educativos: o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas de Oleiros e o IES Monte Neme de Carballo, e na contraparte bretoa: a Concello de Vannes, o Comité Bretagne-Galice e Collège Notre-Dame Le Ménimur de Vannes.
O programa (que se pode ollar completo neste pdf: Pre-programme Affiche journee bretagne 4-10-13
ou tamén neste blogue) desenvolveuse deste xeito:
– Powerpoint d’images d’élèves
– Présentation de la ville de Vannes / Vidéo
– Madame Annie Avril – Service Patrimoine – Ville de Vannes
– Table ronde : expériences d’échanges (Monsieur Vidal, Madame Leblay, Pablo Carpintero, Aymerick-Louis Bevan e 2 alumnosIESP Xosé Neira Vilas, de Oleiros / IES Monte Neme, de Carballo)
– La langue bretonne: Léna Marie Kerhoas, professeur de breton
– Conteur Breton: M. Antoine Peralta
– Presentación Breizh: Miro Villar
– Musique: Pablo Carpintero, música galega, e Bagdad, agrupación musical bretoa.
Malia a insistente e forte chuvia, acompañada de vento, o salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Compostela encheuse de público, a maioría profesorado de lingua francesa, mais non só.
Pola miña banda, dispuxen de vinte minutos para facer unha breve presentación de Breizh, que acompañei da lectura dunha ducia de haikus do libro, acompañados de fotografías fornecidas polo profesor e escritor Xosé María Lema Suarez, autor do limiar do libro, que tamén é presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), entidade que organizou a nosa viaxe a Breizh no verán do 2007.
Desde o público gocei tamén de todas as intervencións, de maneira especial das imaxes e das explicacións sobre a fermosa cidade medieval de Gwenwed / Vannes; da ilustrativa información sobre a situación actual da lingua bretoa e das músicas galega e bretoa.
Velaquí dous dos haikus que lin e as súas correspondentes imaxes de Lema Suárez (premer para agrandar o tamaño):
GAVRINIZ
Cruces, machados,
gravuras a saudaren
o adeus da morte.

PLEIBEN, GWIMILIO OU PLOUGASTELL-DAOULAZ
Libros de pedra
iluminan as sombras,
paixón de Cristo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Documental, Fotografía, Historia, Humor, Lendas e mitos, Lingua, Música, Narrativa, Poesía, Presentacións, Roteiros, Tradicións, Xornadas. Garda a ligazón permanente.