Artigo en QPC (II): «Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua e cultura galegas»


Reproduzo deseguida a nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, un artigo que intitulei «Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua e cultura galegas» e que tamén xa se pode ler nesta ligazón.
«Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua e cultura galegas»
A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo vén de publicar o libro intitulado Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua e cultura galegas (que se pode descargar de balde premendo na ligazón do título) da autoría de Xosé-Henrique Costas González, director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e especialista en Sociolingüística e Dialectoloxía das falas exteriores do galego, alén de académico correspondente da RAG.
Trátase dunha obra divulgativa sobre o emprego da forma correcta dos xentilicios na que o seu autor realiza unha serie de propostas filolóxicas, aínda non sancionadas pola Real Academia Galega, para nomear polo seu lugar de orixe os habitantes dos principais concellos de Galiza.
No Engarelón (di Costas «empregamos unha palabra do galego de Cáceres para abrir este libro: engarelón, a cancela de entrada aos eixidos ou aos xardíns das casas. Abride o engarelón e pasade, estades na casa da lingua, lede e reflexionade, porque no mundo da lingua tampouco non hai nada inocente nin casual, nin sequera a invención ou a suplantación dun xentilicio») sinala os fundamentos e os obxectivos desta obra, entre os que salienta este parágrafo:
«Desde 1983 a toponimia galega ten como forma única e oficial a forma galega, pero os xentilicios, formas léxicas derivadas dos topónimos, ben da forma etimolóxica, ben da forma popular actual, non tiveron guía ningunha para a súa formación. Secasí, desde a prensa e algunhas publicacións en papel ou virtuais empezaron a se popularizar novas formas xentílicas aberrantes, normalmente porque a xente do común tampouco coñecía outras, pois moi poucos topónimos tiñan un xentilicio correspondente. Xa que logo, nace este manual para orientarmos a formación de xentilicios, para desenmascararmos tanto castelanismo disfrazado de cultismo (que no fondo son o mesmo: desgaleguización) e para tratarmos de establecer unhas normas de creación de xentilicios e unhas formas non condicionadas por orientacións foráneas. Somos conscientes de que moitas das nosas propostas son arriscadas, mesmo ousadas, pero fixémolas desde o coñecemento do noso idioma. Se outros, sen coñecemento ningún, inventaron para adiante xentilicios como buenense, forcaricense, amiense, lorentina, trasalbino, sabiñádigo, veigueño, entrimeña, etc., nosoutros, con máis razón, poderemos demostrar que moitas destas formas son disparatadas e que no seu lugar outras son as formas que lle cómpren ao noso idioma».
Porén, aínda que concordamos co profesor Costas cando fala da ausencia dunhas directrices académicas claras, ou de que nos últimos tempos se deron en inventar e consagrar a través da prensa auténticos disparates castelanizantes de novos xentilicios galegos, ou dos intentos por agocharen a existencia dun xentilicio galego e propiciaren así a súa substitución pública e paulatina por formas de fasquías castelás ou requintadamente pomposas e eruditas, ao lermos devagar as súas propostas batemos coa estrañeza que nos produce algunha delas e que contraria o vínculo que debería existir entre un idioma e a súa comunidade de falantes, tal é o caso do xentilicio proposto para o meu concello de nacenza: Ceés / Ceesa, ao tempo que invalida a forma *o/a ceense, pois afirma que o cultismo derivado do topónimo debería ser sedense. E na miña opinión persoal de filólogo non especializado nese eido resúltame cando menos unha proposta arriscada e non exenta de polémica. Haberá que agardar a que a RAG decida se asume as teses do profesor Xosé-Henrique Costas González ou se introduce matizacións na súas propostas de xentilicios, as máis delas acaídas e ben fundamentadas e as menos de ben difícil asimilación lingüística.
Para rematar fixen unha escolma de todos aqueles que se refiren a concellos das comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte, aos que engadín os de Muros e Negreira porque levan senllas explicacións eruditas de moito interese. E ben seguro que haberá máis dunha sorpresa. Velaquí a listaxe:
Xentilicios de Bergantiños e da Costa da Morte
Cabana de Bergantiños: cabanés/cabanesa – bergantiñán/ bergantiñá
Camariñas: camariñán/camariñá
Carballo: carballés/carballesa
Carnota: carnotán/carnotá
Cee: ceés/ceesa – *o/a ceense
(O mesmo có anterior Cedeira, a forma culta sería sedense e non ceense)
Corcubión: corcubionés/corcubionesa
Dumbría: dumbriés/dumbriesa
Fisterra: fisterrán/fisterrá
(Quíxose inventar xentilicio fisterrino, moi fino, con sufixo culto pero inzado de castelanidade, e inventouse mal, porque se o sufixo é culto debería ir acompañando ao étimo: finisterrino ou finisterrense, así si)
Laxe: laxés/laxesa – *o/a laxense
(Para ben ser, o cultismo debería ser laxenense, sobre o étimo *LAGENA)
Malpica: malpicán/malpicá
Mazaricos: mazaricán/mazaricá
Muros: muradán/muradá
(É un xentilicio estraño, parece formado sobre *Murado e non sobre Muros (antigamente Muro de S. Pedro). En todo caso é a única forma coñecida)
Muxía: muxián/muxiá
Negreira: negreirés/negreiresa – *o/a nigrariense
(En latín xa era NIGER, NIGRA, NIGRUM, con G, non entendemos por que se inventou un xentilicio culto con C: nicrariense, que de seu xa é incorrecto)
Ponteceso: pontecesán/pontecesá
Vimianzo: vimiancés/vimiancesa – vimianceiro/vimianceira
Zas: zaseiro/zaseira – *o/a salense
(Circula pola prensa mesmo a forma disparatada zaense. Se o étimo é SALAS, o xentilicio culto será salense, e o pretensamente culto formado sobre o étimo actual sería zasense, e non zaense)

Esta entrada foi publicada en Lingua. Garda a ligazón permanente.