No centenario do mítico personaxe Charlot, de Charlie Chaplin


(Video-creación sobre Charlot da autoría de Consuelo Larralde)
O cinema conmemora o centenario de Charlot, nome do mítico personaxe creado polo actor e director de cinema mudo e tamén sonoro Charlie Chaplin (Walworth, London, 1889 – Corsieur-sur-Vevey, 1977). Seica naceu na curtametraxe muda Making a Living (traducida ao español como Haciendo por la vida / Charlot periodista) que tivo a súa estrea o 2 de febreiro de 1914.
Na enciclopedia de libre contido na nosa lingua, Galipedia, dise:
«Charlot é o mudo Charles Chaplin. O nome provén da versión francesa de the tramp (o vagabundo, en inglés). Un vagamundo risoño e inxel que engaiolou a varias xeracións grazas ao seu abrigo estreito, os seus pantalóns bombachos, o seu caxato, o seu bombín e o seu mostacho recto».
Desde a miña mocidade son ducias as películas de «Charlot» Charlie Chaplin que puiden ollar e gozar, aínda que no cinema mudo confeso que era máis seguidor de Buster Keaton. E, coma moita xente, considero que a chegada do cinema sonoro non o eclipsou. Da súa ampla cinematografía hai unha tríada de películas que para min son fundamentais: Modern Times (Tempos modernos, 1936); The Great Dictator (O Gran Ditador, 1940) e Limelight (Candilexas, 1952). Esta última, que conta unha amarga historia sobre cómicos vidos a menos, é a miña preferida. Sábese que por mor das súas dificultades coa «caza de bruxas» de McCarthy e de Edgar Hoover, o filme non puido ser estreado en 1952 e tivo que agardar até 1972, vinte anos despois, para recibir en 1973 un Oscar pola Mellor Música Orixinal.
Entre as moitas persoas que sitúa esta película no cénit está o escritor vallisoletano Gustavo Martín Garzo e podemos ler as razóns da súa preferencia nesta ligazón.
Pola miña banda, rendín unha pequena homenaxe a Candilexas e a Charlie Chaplin «Charlot» no segundo libro da miña autoría 42 décimas de febre, que inaugurou en 1994 a colección Nume da editorial Toxosoutos. Así foi, apoética sobre a soidade da espléndida política serviu de inspiración para a quinta décima do «Caderno II. Imaxes. Poemas baseados no cinema». Velaquí vai:
Non merezo o desacougo
de Charlot en «Candilexas»,
non quero sentirme vougo
e andar só polas calexas
porque sei que me desxas.
Non somos cómico vello
e bailarina de espello,
nin temos Amor distante
e inda sendo comediante
a ese actor non me asemello.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.