As enormes sombras de Fraga Iribarne



Na esquela a toda páxina de Fraga Iribarne que pagou o Goberno da Xunta de Galicia (tamén cos meus impostos) dise que “todo o pobo galego” sente a dor pola súa morte. Eu non. A min non me representan. É máis, dáme noxo toda a verborrea haxiográfica que se está a escribir na prensa galega e na española, con moi escasas excepcións. Todos a esqueceren deliberadamente o seu pasado fascista, mesmo até a incredulidade de ollar a portada do ABC que o denomina “arquitecto de la derecha democrática”. Nesta bitácora xa se falou aquí e acolá das súas enormes sombras e mesmo fixemos para os desmemoriados unha recomendación, o magnífico libro do xornalista Gustavo Luca de Tena do que reproducimos a portada. A este volume podemos engadir os datos que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) coruñesa enviou aos xuíces arxentinos que o querían encausar, un excelente relatorio da súa complicidade co franquismo para non esquecermos a memoria. E neste artigo lembran as súas frases máis célebres, que meten medo.
Das escasas informacións obxectivas que se publicaron hoxe, salientarei este artigo intitulado “Manuel Fraga, un franquista”, que asina Juan Carlos Monedero, Profesor titular de Ciencia Política na Universidade Complutense de Madrid e Director do Departamento de Goberno, Políticas Públicas e Cidadanía no Instituto Complutense de Estudos Internacionales e que publica o xornal madrileño Público.

Esta entrada foi publicada en Historia, Política. Garda a ligazón permanente.