Recensión de Mario Regueira a Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, no suplemento cultural Sermos Galiza

O sábado 2 de abril o crítico literario e escritor Mario Regueira ocupouse na súa sección intitulada «A tinta e a luz», no suplemento cultural Sermos Galiza de Nós Diario unha nova recensión do texto Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano (Xerais, 2021). O comentario, que moito lle agradezo, reprodúcese na imaxe e tamén deseguida ou nesta ligazón.

Libros: ‘Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano’, de Miro Villar

Básicos para maio

Un libro que non se detén no balance biográfico do autor valdeorrés, senón que incide, xa dende o título, na súa característica de exiliado e como esa vivencia inflúe na súa obra

Mario Regueira, 8 de abril de 2022

Como xa é habitual, as publicacións sobre a figura homenaxeada este 17 de maio comezan a aparecer xa no primeiro trimestre do ano e cunha grande aposta por parte das dúas casas editoriais clásicas da edición galega. Mentres Galaxia, unha das editoras do autor en vida, reedita a súa obra individual, Xerais ten xa no mercado a edición da súa poesía completa, ao coidado de Xosé Ramón Pena, unha obra que ten os complementos dunha estratexia xa clásica: unha obra orientada a explicar a figura homenaxeada ao público máis novo, asinada por Héctor Cajaraville, e un ensaio divulgativo orientado ao público xeral. É este último, escrito por Miro Villar o que nos ocupa hoxe. 

Nunha liña de actividade paralela e independente á súa calidade de creador literario, temos en Miro Villar unha das voces que máis se ten ocupado da poesía vinculada á migración e o exilio galegos, especialmente aquela relacionada coa Guerra Civil. De feito, é curioso como o propio libro explica a súa vinculación cunha proposta ante a Academia protagonizada, entre outros, por Xesús Alonso Montero, mestre e despois colaborador de Miro Villar, ao que recoñece o feito de darlle a coñecer por primeira vez os versos de Florencio Delgado Gurriarán.

Con este punto de partida, é lóxico que esteamos ante un libro que non se detén no balance biográfico do autor valdeorrés, senón que incide, xa dende o título, na súa característica de exiliado e como esa vivencia inflúe na súa obra. Desta maneira, o percorrido pola produción poética tamén dá unha certa relevancia aos seus versos de combate, escritos durante a guerra ou nos primeiros anos do exilio. Porén, pode que o punto forte da obra sexan os momentos nos que o ton divulgativo aposta por distintas cuestións que entroncan co Florencio Delgado poeta, con reflexións sobre as autopoéticas que se conservan do autor ou a dimensión de macrotexto en permanente revisión que el tiña sobre a súa obra. 

É un punto forte que, porén, fai máis evidente o esquemático do apartado biográfico, no que notaremos mesmo algúns elementos a faltar. Mesmo considerando algúns dos datos ausentes como anecdóticos, o certo é que poderían ter atopado o seu sentido no carácter divulgativo do texto, mesmo tendo en conta a súa brevidade. Queda así unha obra para un primeiro contacto cun poeta moi pouco coñecido até agora fóra do ámbito académico, que sinala parte da súa riqueza e que pode abrir boca a quen queira coñecer máis.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Lingua, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta