Recensión a Tres poetas en estado de alarma, de Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé Mª Álvarez Cáccamo, en Grial 227

Nese mesmo último número, 227 (xullo, agosto e setembro do 2020) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, tamén asino na sección intitulada «O espello das letras» outro texto intitulado «A poética do confinamento», coa recensión a Tres poetas en estado de alarma, de Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

A poética do confinamento

Tres poetas en estado de alarma

Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé Mª Álvarez Cáccamo

Santiago de Compostela: Laiovento, 2020, 106 páxinas

A pandemia mundial que estamos a vivir, ou a sufrir, mellor dito, provocou unha crise económica e social de consecuencias aínda ignoradas, e para a nosa xeración este primeiro “confinamento” da nosa historia deixa unhas marcas indelebles. No ámbito da creación cultural, tamén da nosa, o estupor e o desazo inicial deron lugar a unha efervescencia que se abriu paso entre a información e a desinformación que inzaba as redes. Certo é que houbo creadoras e creadores que sufriron un bloqueo ou unha parálise, mais houbo quen soubo transcender ese escenario de apocalipse.

No noso mundo literario, fóra do ámbito dixital, con xuño chegaron as primeiras novidades en papel e canda elas títulos que, desde unha perspectiva ou desde outra, veñen condicionados pola pandemia. Un dos primeiros é o volume Tres poetas en estado de alarma, que xuntou as poéticas do confinamento de Carlos Negro, Vítor Vaqueiro e Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

Precedidas dun lúcido Limiar de sete páxinas, co título «A xelatina dos días», no que Xavier Queipo de primeiras fai unha análise da traza do virus e das súas consecuencias inmediatas na humanidade, advertindo tamén sobre o “magma de información verdadeira e falsa”, resumindo as súas propias reflexións xa publicadas ou aínda inéditas sobre a pandemia.

Deseguida Queipo salienta a resiliencia “destes escritores de estirpe, que cal hedras avanzan en espiral camiño da luz, apegados a unha lingua que lles é propia, a unha estética que resulta necesaria. A da defensa da liberdade creativa, a da dignificación da lingua de noso e a aposta pola rebeldía que supón abrirnos o mundo das súas querenzas diferenciadas e a súa conciencia social”. Por último, Queipo realiza unha celebración da escrita e valoriza a achega dos tres poetas.

A poesía ábrese cos Coronahaikus (Diario de corentena), de Carlos Negro, quen nos presenta unha serie de 40 haikus, de feitura libre e que ás veces non seguen o estrito patrón métrico do haiku clásico.

A visión crítica de Negro ten puntos en común coa súa obra poética anterior, nomeadamente coa dirixida á adolescencia, como o uso dunha sutil ironía que xa aparece na primeira composición: “Primeiro mundo: / tremenda apocalipse, / papel hixiénico“.

Hainos, coma na preceptiva clásica oriental, en diálogo coa natureza e a salientar o paradoxo da nosa hibernación cando agromaba a primavera. Hainos que poñen no primeiro plano o sufrimento dos avós e das avoas, nunha pandemia que resultou atroz nas residencias de maiores. Hainos que cualifican como ilusos algúns dos aplausos proferidos desde as balconadas, que botan lume contra os brados do fascismo ou que evidencian que se podía vivir sen tanta preocupación consumista.

A monotonía das horas de reclusión leva mesmo a cuestionar o sempre gratificante gozo da lectura: “Sol e café, / un libro na mesa. / Quen dos dera balbordo!“, ou as nosas actitudes sociais, coma nas ringleiras dos supermercados, mais sen esquecer a crítica dalgúns dos perversos efectos da que foi denominada Nova normalidade.

A cultura e a metaliteratura ou a metalingüística tamén asoman, desde Hitchcock á plataforma de contidos audiovisuais Netflix, pasando por T. S. Eliot en versión pop do noso Samuel L. París.

E como non, hai unha defensa da ciencia contra a barbarie, e sobre todas as cousas hai nestes haikus moita esperanza no futuro, como no que pecha a serie: “A fin do mundo, / pero cantan os merlos. / Hai primavera“.

Por parte, Vítor Vaqueiro achega unha decena de prosas, máis achegadas ao artigo xornalístico ou ao relato curto do que á poética, co título Quarentena. Dúas das pezas teñen como fondo das súas reflexións a (re)lectura das obras A Peste, de Albert Camus, e Un diario do ano da peste, de Daniel Defoe, para nos lembrar que xa houbo outras pandemias na historia.

Vaqueiro realiza unha crítica rotunda das falsas informacións («Boatos»), da presenza de militares nas conferencias de prensa do comité de seguimento da crise do goberno español («Generais»), ou de como se converteron os aplausos ao persoal sanitario nun ritual de vacuidade infinda («Varandas»).

Moito máis literarios son textos como «O sonho» ou «A mão oculta», ou «Lavagem de mãos», en diálogo cos versos de José Ángel Valente, ou «Zoonose, ca. -400», en paráfrase coa Historia da guerra do Peloponeso, de Tucídides.

A contribución de Vaqueiro péchase coa crónica dunha desas outras noticias que non deixaron de se producir mesmo durante a pandemia, «East 38th Street and Chicago Avenue» (A George Floyd, in memoriam), narra a morte deste afroamericano a mans dun policía branco, na enésima mostra de que o racismo aínda sobrevive na sociedade contemporánea, malia que desde 1964 o congreso americano decretou a prohibición da segregación racial.

Vinte son os Poemas do confinamento, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, quen coma Negro optou pola brevidade das composicións, aínda que sen chegar á contención do haiku. Na temática as primeiras composicións abordan os silencios e as preguntas sen resposta propiciadas pola reclusión forzosa, describen o virus coma un “ínfimo corpo de morte”, mais tamén aparecen as chamadas a reiniciar a configuración dunha nova sociedade, a rachar coa submisión despois de “Esta rotura súpeta das vísceras. / Este paro cardíaco da historia. / Este enorme derrame cerebral“, a combater coa memoria un outro virus procedente da tropa cavernaria. De feito, a pulsión antifascista enche os versos dos últimos poemas contra a exhibición das bandeiras imperiais e dos que berran “Viva la muerte, muera la inteligencia“. Porén, Cáccamo, coma antes Negro, remata a súa serie coa esperanza de que “Virán novas marés / silandeiras e xordas. / Iremos disolvéndonos no mar“.

En definitiva, tres voces que comparten connosco as súas experiencias vitais e os seus pensamentos reflexivos verbo da pandemia e que inauguran na nosa literatura unha temática que haberá de dar moito que falar nos vindeiros anos, quer no fondo, coma neste caso, quer na superficie, desde as incertezas que aínda nos agardan.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta