Recensión á Antoloxía de Dombate, en Grial 225-226

Condicionado pola pandemia, saíu con notorio retraso o último número, desta volta dobre 225-226 (xaneiro, febreiro, marzo e abril, maio, xuño do 2020) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia. Neste volume dobre asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un artigo intitulado «O dolmen de Dombate na nosa literatura», coa recensión á Antoloxía de Dombate, AA. VV., editada pola Deputación da Coruña o pasado ano.

Este número dobre 225-226 abeira de xeito monográfico o 70 aniversario baixo a epígrafe «Editorial Galaxia: un proxecto estratéxico». Logo dos artigos de presentación dos novos directores da revista, Henrique Monteagudo e Francisco Castro, deseguida presenta un dossier asinado por Antón Vidal Andión «O modelo de gobernanza da Editorial Galaxia», Víctor F. Freixanes «70 anos da Editorial Galaxia. Un proxecto estratéxico», Malores Villanueva «Pensar e crear Galaxia.Os inicios dunha empresa cultural que fai 70 anos» e Dolores Vilavedra «70 anos de literatura galega».

Na sección «Temas do noso tempo» aparecen os artigos «É a barbarie con rostro humano o nos futuro?» de Slavoj Zižek, traducido por Carlos Aymerich, «Sobre a persistencia da dereita galeguista», de Miguel Anxo Bastos Boubeta e «Os tempos están cambiando», de Manuel Veiga Taboada. E na sección «Documentos» Marilar Aleixandre asina a interesante entrega «Emilia Pardo Bazán e Adelaida Rey Mosquera, filla da súa avoa asasinada. Referencias en tres cartas».

Alén diso, neste novo número, as páxinas de creación poética son da autoría de Rosalía Fernández Rial e narrativa do prematuramente finado Xulio Amigo.

Completan as habituais recensións literarias da sección «O espello das letras», os artigos «A xente da Barreira en versión clásica», de Xosé Manuel Dasilva, «Suspiros de España», de Xosé Ramón Barreiro sobre o libro de Xosé Manuel Núñez Seixas; «Ricardo Carvalho Calero. O anxo da Terra», de Henrique Rabunhal e «Otero Pedrayo xornalista? Unha aproximación crítica ao seu legado en prensa», de Iago Codesido.

Na sección «Crónica» o texto «Carta de Xirona. As flores, a catedral e os diálogos», de José Ramón Castro Frade, na de «Ciencia e Técnica» o artigo de Martín López Nores intitulado «Potenciar a formación en Humanidades Dixitais para non STEM-parnos», mentres que na sección «A ciencia nas Batuecas. Unha deformación histórica» que asinan Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho e «Ante o abismo» de Jaume Claret Miranda.

Pechan o volume a sección de «Artes visuais e escénicas» cos textos «Culturiña» asinado por Afonso Becerra de Becerreá, «Cinegalicia 1989, Vigo. O cinema galego faise valer».de Miguel Anxo Fernández e «A persistente estrea. Teatro galego, panorámica da temporalidade e do peche)», de Roberto Pascual; a sección de «Música» cos textos «Folk, tradición e experimentación», de Fernando Fernández Rego, «Ferreñas e Rock and Roll. Gabanza das que ficaron fóra», que asinan Laura Romero e Iria Pedreira, «Xoán Rubia: pasaba por alí», do propio Xoán Rubia e «A música na revista Nós (1920-1935). Folclore e Academia», de Javier Gándara Feijóo; a sección «Feminismos» co texto multiautorial «Para tecer xuntas todas as teas», da autoría das xornalistas Fernanda Tabarés, María Obelleiro Hermida e Susana Pedreira; a sección «Literatura infantil e xuvenil» cos artigos de Montse Pena Presas «A literatura infantil e xuvenil galega segue contando. Sobre espazos acadados e retos para a década dos 20», de Eva Mejuto «A lectura tamén é política (e moito!)» e de Miguel Vázquez Freire «A ilstración na LIX galega no século XXI».
Este número dobre 225-226 remata coa «Homenaxe poética. A Carlos García Martínez», un soneto de Xoán Xosé Fernández Abella dedicado ao finado director do Museo do Pobo Galego.

Velaquí o contido da miña recensión, que xa tivera unha primeira versión no dixital QuepasanaCosta:

O dolmen de Dombate na nosa literatura

Antoloxía de Dombate
AA. VV.
Deputación da Coruña, 2019, 82 páxinas

Vén de publicarse, cos habituais problemas de distribución en obras editadas por organismos oficiais, unha Antoloxía de Dombate, en edición non venal, na que se compilan dezaseis textos de catorce voces en orde cronolóxica, que van desde “O dolmen de Dombate” (Imp. y Lib. de E. Carré: 1895) de Eduardo Pondal até “O dolmen de Dombate” (Poemas que non foron ó lume: 2018), de Matilde Vilariño, pasando por Cándido Pereira Santos; Antón Zapata García; Manuel María; Xosé Luís Méndez Ferrín (en dúas ocasións, con senllos fragmentos das súas novelas Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina); Xoán Babarro; César Antonio Molina (tamén en dúas ocasións, primeiro o poema “Dombate” do libro O fin de Fisterra. S. C. Valle-Inclán: 1988, e despois un fragmento do ensaio Todo se arregla caminando. Ed. Destino: 2016, sexta entrega das súas memorias de ficción); Xelucho Abella; Alberte Suras; Manuel Rivas; Rafael Lema; Perfecto Varela Vázquez e Rosalía Fernández Rial, para totalizaren oito poemas e oito textos en prosa, dous destes últimos en castelán (de César Antonio Molina e de Perfecto Varela).

O primeiro que sorprende nesta interesante crestomatía é a ausencia de autoría, pois non aparece ningún nome coa responsabilidade da edición literaria, xa que despois da fermosa capa con fotografía do dolmen asinada por Vidal, Cabana, aínda que o fotógrafo José Vidal García (1900-1988) era oriúndo de Laxe, veñen dous paratextos institucionais, unha páxina co «Saúda» do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que reivindica a importancia de conservar este tipo de monumentos, e un «Prólogo» de dúas páxinas que asina Xesús Soto, Deputado de Patrimonio do mesmo ente, moito máis literario, con referencias a Otero Pedrayo, mais tamén a Murguía, aos autores do Seminario de Estudos Galegos e da Xeración Nós e a artistas plásticos como Castelao, Cebreiro, Urbano Lugrís, Seoane, Asorey, Raimundo Patiño ou Díaz Pardo. Neste limiar sinálase que a antoloxía foi promovida polo Concello de Cabana de Bergantiños, polo que pode intuírse a man compiladora de Ángel Eiroa, guía turístico do Dolmen de
Dombate nos últimos anos.

De feito, con outra maquetación, o propio Concello de Cabana de Bergantiños puxo en mans da Editorial Caleidoscopio esta mesma Antoloxía de Dombate a un prezo reducido, para que poida chegar a un maior número de persoas interesadas.

Outras ausencias son os criterios para facer a escolla dos textos que figuran e a inexistencia de calquera anotación das fotografías que os acompañan, pois estas imaxes ben merecían a datación e a descrición, hainas históricas con visitantes do SEG e hainas actuais de actividades escolares, de xogos populares ou de concertos que tiveron como escenario a contorna do dolmen.

Malia estas máculas, de doada rectificación en futuras reimpresións, a Antoloxía de Dombate cumpre ben cos obxectivos de divulgación e posta en valor deste singular monumento megalítico, unha anta que mesmo deu nome á lonxeva colección de poesía de Galaxia.

Un labor de difusión, con referencias á literatura, que encetara Xosé María Lema Suárez na súa guía Polas antas e mámoas da Costa da Morte (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, SemEsCom. Vimianzo: 2006), da que existen edicións en español e en inglés e que a entidade tamén dispoñibiliza para descarga de balde nesta ligazón:
http://semescom.gal/arquivos/libros/pdf/antasmamoas.pdf

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Cinema, Ensaio, Estudos literarios, Historia, Infantil, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta