No cabodano do mestre Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014)

OlimpioArca
(Retrato de Olimpio Arca, da autoría de Héitor Picallo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Cúmprese o cabodano do escritor, historiador e mestre (nomeado Mestre Exemplar polo Museo de Pontevedra en 1993) Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014), quen nos deixou á idade de 86 anos na súa casa estradense.
Xa relatei nesta anotación como coñecín a Olimpio a finais da década dos noventa debido á amizade que me une desde esa época á súa filla Maka Arca Camba, coa que temos coincidido en moitos sarillos culturais e literarios. E agora fago público este soneto de homenaxe para un volume colectivo que o vai lembrar e que xa está no prelo.
Olimpio Arca Caldas
in memoriam
Escoito a voz do mestre. Canda ela a nobre Dama,
vén limpa e transparente, mineral, sandadora,
desde a vila do Baño, onde naceu noutrora
como lume fulxente de poderosa chama.
Tabeirós éche a Terra que agora se proclama
na lingua que sementa froito espora a espora.
Escoito a voz do mestre. Canda ela nova flora
reverdece, xermolan follas dun libro en rama.
Como na primavera xa os merlos cantaruxan
para daren a nova de que vai fóra inverno,
chama o seu xentil eco nas fiestras da comarca
e entran mil bolboretas, palabras que babuxan
a lentura da terra, fértil no amor fraterno.
Escoito a voz do mestre, do amigo Olimpio Arca.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.