«Dereitos de autor? Non me fagas rir…», asisado artigo de Xerardo Méndez

XerardoMéndez
(Fotografía de Xerardo Méndez. Arquivo da AELG. Autoría: Santos-Díez. Ollo de Vidro-ACAB, 2009. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Esta anotación da bitácora, que intitulei «Os insondables misterios do mundo editorial galego (V): 23 de abril, Día Mundial dos Dereitos de Autor/a» e que máis tarde foi reproducida no dixital Letra en Obras (atención que moito lles agradezo, provocou unha pequena poeira nas redes sociais, máis en concreto no Twitter, e ao fío da controversia o narrador Xerardo Méndez vén de publicar na súa propia bitácora Abaneando un artigo intitulado «Dereitos de autor? Non me fagas rir…» que me honro reproducir, xa que son moitos os puntos en común coa miña propia opinión ao respecto. Velaí vai:
Dereitos de autor? Non me fagas rir…
28 ABRIL 2015. XERARDO MÉNDEZ
Unha pequena conversa no twitter de hoxe levoume, a través de Letra en obras, a un artigo de Miro Villar –un post no seu blog “As crebas”- sobre a relación económica entre os autores e os editores galegos, isto é: ao tema de que a lexislación sobre os dereitos de autor basicamente non se cumpre na maioría dos casos, e maioría non quere dicir todos.
Como no mesmo sitio dicía Xerardo Vidal, calar ás veces é afeccionarse a non errar –ou algo así ou todo o contrario– e como na discusión sobre o particular tamén se aludía ao papel da AELG como xestor dos dereitos colectivos, e un tivo a honra e o pracer de pertencer á directiva da Asociación, gustaríame botar a lingua a pacer.
O primeiro que teño que dicir é que acredito plenamente nas palabras de Miro, e na súa clasificación das editoras galegas. Con moita menos experiencia ca el, e moitísimo menos currículo, tampouco me parece oportuno falar de casos concretos ou persoais, senón das razóns de que isto sexa así.
A miña impresión sobre o particular é que non é posible agardar que o panorama mude de forma apreciable no futuro, por moitas reclamacións ou denuncias ou intervencións que se fagan, porque, como moi ben sostén Miro, o preito non sei se paga a pena, pero desde logo economicamente é absolutamente inviable. No que me gustaría entrar é nas razóns desta inviabilidade.
Para o meu pesar, e supoño que para o de todos os que escribimos nesta lingua, o primeiro que debemos facer é recoñecer que, nos últimos trinta anos, as vendas do sector editorial nutríronse principal e artificiosamente do sector educativo. Non creo equivocarme en exceso se afirmo que, mesmo a principal repercusión comercial dos premios literarios reside nese sector. E ese, creo eu, é o principio dos males, males aos que, debo confesalo, non lle encontro cura doada.
Dixen antes que esta concentración era artificiosa. E tal vez galbaneira, pero a realidade do funcionamento do negocio durante os últimos anos foi a seguinte. Fora das dúas grandes editoras, a rendibilidade económica dunha edición –mínima, pero rendibilidade ao cabo- estaba case garantida polas compras institucionais, con destino ás bibliotecas públicas e outros centros, ou onde queira que fosen parar os libros. Dado que na maioría dos casos estas editoras eran empresas individuais, e máis voluntaristas que comerciais, o método que empregaron para garantir o beneficio foi aumentar o número de edicións, en troques de procurar o aumento das vendas de cada título.
Na miña humilde opinión, o que falla no sector editorial galego é o mesmo que falla no resto do tecido económico: a pura actividade de promoción e venda. Esta actividade falla, creo eu, por varias causas, non sendo a menor a ideoloxización absurda do proceso mercantil. O absurdo da literatura galega é que nos últimos trinta anos non buscou o seu público entre os falantes do idioma, senón na creación dun público de lectores que teñen ao galego como segunda lingua, cando non como lingua de segunda. E para probar isto so hai que procurar literatura galega –que non sexan os títulos recomendados no instituto- en calquera das vilas do país. Algunha editora mesmo presentaba contratos nos que os primeiros cincocentos exemplares quedaban libres de pago de dereitos de autor, de maneira que se o libro non se movía alén das vendas institucionais a perda fose inexistente ou nula.
O papel da editora galega como empresa comercial é francamente decepcionante, por non dicir que sobradamente inútil, na xestión da promoción e diso que damos en chamar marketing, ata o punto de que, en case todas as ocasións, os actos de promoción dependen máis do autor –agás que este teña un “nome”, e cando digo nome quero dicir un premio- que do propio departamento comercial da empresa. É como se a promoción das latas de sardiñas correra a conta dos mariñeiros. A patria esixe sacrificios, xa se sabe, e mellor se ao matadoiro se vai con boa vontade.
Por outro lado, os premios literarios contribuíron a crear a ficción de que a profesionalización da literatura galega era posible, simplemente porque parecía que había cartos, cando menos nos premios. E habíaos, o problema é que os cartos non proviñan da rendibilidade do produto, senón dun afán político de creación de eventos propagandísticos, propaganda que non atendía ao obxectivo comercial – a venda do obxecto, sostendo a súa rendibilidade- senón a promoción da marca “x”, fose esta de partido, localidade ou persoal.
A partir de aquí poderase discutir o que se queira, pero con alicerces tan podres non se pode erguer casa ningunha. Así que un, na medida das súas modestas posibilidades, emigrou a Amazon. Que Deus é bo, pero o demo non é malo.
E voume facer politeísta, agora que Google tamén me dá a oportunidade de enganarme. Cando menos, se teño que traballar de comercial, cobrarei desa parte en tanto que sexa capaz de facer o meu traballo.
Xerardo Méndez

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a «Dereitos de autor? Non me fagas rir…», asisado artigo de Xerardo Méndez

Os comentarios están pechados.