Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesía, 2015 (Versión galega)

DiadaPoesia2015
(Cartaz pendurado nun valado do CEIP A Maía co gallo do Día Mundial da Poesía, 2015)
Neste 21 de marzo do 2015, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como fixen o ano pasado, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.
Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesía
21 de marzo de 2015
O poeta John Burnside escribiu: «Se o que nos empeñamos en chamar destino parece inexplicable ou cruel é unicamente porque carecemos de imaxinación para desexar o que nos achega, para o iluminar con algo máis enxeñoso que a consternación.».
Este é o poder da poesía. O poder da imaxinación que ilumina a realidade e insufla aos nosos pensamentos algo máis enxeñoso que a consternación.
A poesía, cántico universal do ser humano, expresa o anhelo de cada muller e de cada home de comprender o mundo e compartir esta comprensión cos demais, mediante palabras ordenadas cun ritmo e unha métrica. Quizais non haxa nada máis delicado que un poema e, así a todo, como expresa todo o poder da mente humana, non hai nada máis resistente.
A poesía, tan antiga como a propia humanidade e igual de diversa, ten as súas raíces en tradicións, orais e escritas, tan variadas como o rostro humano, que capta a profundidade das emocións, os pensamentos e os anhelos que guían a cada muller e a cada home.
A poesía é a expresión íntima que lle abre as portas aos demais, enriquece o diálogo que impulsa todo progreso humano, tece os lazos entre as culturas e lembra a todas as persoas o destino que comparten. Así, a poesía é unha expresión fundamental da paz. En palabras de Cherif Khaznadar, galardoado co Premio UNESCO-Sharjah da Cultura Árabe: “O coñecemento do outro é a porta ao diálogo, e o diálogo unicamente pode establecerse na diferenza e no respecto da diferenza”. A poesía é a expresión suprema da diferenza no diálogo e no espírito de unidade.
Cada poema, aínda que único, reflicte o universal da experiencia humana, o anhelo de creatividad que trascende todos os límites e as fronteiras, tanto de tempo coma do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia.
Este é o espírito do Día Mundial da Poesía, e esta é a convicción que guía o labor da UNESCO para consolidar a humanidade como unha única comunidade, mediante a salvagarda do patrimonio documental poético no marco do Programa Memoria do Mundo, así como o patrimonio inmaterial da humanidade. Estes valores plasman na reciente inscrición do “zajal” na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO. Esta expresión tradicional da poesía libanesa irmanda a tolerancia e o diálogo para resolver conflitos e reforzar a cohesión social.
Nestes tempos de incerteza e turbulencia, quizais nunca necesitamoz tanto do poder da poesía para achegar as mulleres e os homes, para forxarmos novas formas de diálogo e para cultivarmos a creatividade que todas as sociedades necesitan hoxe en día. Esta é a mensaxe da UNESCO no Día Mundial da Poesía.
Irina Bokova

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía e etiquetada . Garda a ligazón permanente.