O xeito, unha arte artesanal que tamén defenden os poetas (I): Modesto Fraga


(«O xeito en Bruxelas». Video realizado por Aurélio Lopes, de Irmandade TV)
Hoxe foi noticia en moitos medios (como os xornais dixitais Praza Pública ou Sermos Galiza), e practicamente silenciada nos medios públicos que pagamos os galegos e as galegas, que varios representantes dos mariñeiros da arte artesanal do xeito viaxaron a Bruxelas convidados por Ana Miranda (BNG) e acompañados polo alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños, para levar ás institucións europeas a necesaria información, non achegada polos gobernos galego ou español, que puidese evitar a posible prohibición desta arte de pesca que a UE incluía nos borradores como unha rede de deriva a eliminar.
O xeito é unha arte de pesca artesanal e que goza dunha histórica tradición, até o punto de que os xeiteiros protagonizan moitos textos literarios. Entre eles reproduzo hoxe un poema do fisterrán Modesto Fraga, a quen moito lle agradezo a súa licenza para o publicar nesta bitácora, e que fai parte do seu libro Mar de ausencias (Follas Novas, 2009), que servirá tamén para lle amosar aos xeiteiros a nosa comprensión e a nosa solidariedade.
XEITEIROS DO SUR
Os últimos xeiteiros
en partir
—os do sur—
tremosos
e mesmo taciturnos
perdíanse no ocaso amargo das miradas
Atrás,
como nos días da fatal ausencia,
quedaban
a mornura do fogar
e a calma
dun regazo octoxenario
Sol a sol
nun longo ronsel de incerteza,
como áncoras intactas
e voraces
os últimos xeiteiros
singraban novas lúas e crepúsculos
Eles sabían do mar
porque xurdiran do sal. O mar.
O mar só reflectía
as chagas dos seus dedos malferidos
Pero eles eran
os últimos xeiteiros
en partir
aqueles que, a media lúa,
algo tremosos
e armados duns remos
de pau de carballo
en cadanseu tolete
vogaban paseniño
cara as escuras
e argazosas augas
que a certeza
mostraba, taciturna,
eran o pan
—ao sur—
das súas fames
Modesto Fraga, Mar de ausencias (2009)
(Xeiteiros en Bruxelas. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Xeito

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

1 resposta a O xeito, unha arte artesanal que tamén defenden os poetas (I): Modesto Fraga

  1. Modesto di:

    Moitas grazas, Miro. A situación que atravesa un dos nosos principais sectores produtivos, coma é o pesqueiro, é absolutamente terrible, alarmante. A sociedade galega ou reacciona ou, lamentablemente, acabaremos extinguíndonos coma os dinosauros. É triste dicilo pero é o que hai. E a teor dos precedentes, nesta ocasión nin a poesía poderá salvarnos….
    Apertas fondas e grazas, de novo, por nos axitar as conciencias coa túa palabra sempre xenerosa.

Os comentarios están pechados.