A cobiza do verme Noel, presentación en Cee


Este mércores deixarei de ser estranxeiro na miña pequena patria, tal e coma xa contei a primeiros de agosto do ano pasado nesta anotación. Daquela estaba a se celebrar a Feira do Libro de Cee e en ningún momento fora convidado a facer parte da súa programación, malia ser 2011 un ano produtivo para min pois ata daquela xa se publicaran tres libros da miña autoría: o conto infantil A cobiza do verme Noel en Galaxia, o poemario intitulado As crebas en Espiral Maior e a antoloxía do poeta Bernardino Graña Ser auga, darse en auga, que preparei para o Pen Clube de Galicia.
Unha moción de censura, discutida máis efectiva, deixou sen a alcaldía a quen aínda está procesado por media ducia de graves delictos de corrupción, na denominada «Operación orquestra». E nótase certo aire fresco na miña vila, pois hai uns días deixei de ser un autor censurado no seu propio concello natal para ser convidado a participar nunha serie de actos organizados derredor do Día Mundial do Libro.
Este mércores, a partir das catro da tarde, no salón de actos do Concello de Cee, compartirei mesa coas escritoras Concha Blanco e María Canosa para presentarmos algunha das últimas obras da nosa autoría destinadas ao público infantil. De feito irá a escoitarnos alumnado desta idade. E aproveitarei para lles facer unha lectura comentada do libro A cobiza do verme Noel, un dos volumes que non me convidaron a presentar naquela Feira do Libro.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.