"Presencia dos Seis poemas galegos de García Lorca na poesía galega", de Xesús Alonso Montero


Máis unha vez damos conta dun traballo recuperado no portal poesiagalega.org que hai uns días fixo o seu primeiro ano de actividade pública como repositorio poético na rede, dirixido polo poeta e profesor Arturo Casas, e arroupado polo seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). Desta volta facemos referencia a un estudo do profesor Xesús Alonso Montero que leva este encabezamento “Presencia dos Seis poemas galegos de García Lorca na poesía galega”, publicado no Anuario de Estudios Literarios Galegos: 1997 (Vigo, 1998: pp. 115-129) que editaba Galaxia. No repositorio poesiagalega.org redactaron esta entrada:
«O artigo realiza un percorrido histórico pola pegada que deixaron os Seis poemas galegos de Lorca na poesía galega, prestando especial atención ás voces alófonas. Ao tempo, detéctase a orixe dalgúns motivos temáticos e simbólicos presentes nos Seis poemas e retomados por algúns dos seus glosadores».
Esta era, pois, a cerna do estudo. Neste traballo o profesor Xesús Alonso Montero cita a pegada do poeta de Granada entre moitos poetas nun capítulo intitulado «Poemas que beben na fonte galega de García Lorca» e entre eles fai referencia á miña obra ao sinalar:
«Nun soneto inédito de Miro Villar, “Chove en Compostela” (1996), que é un soneto de amor, o segundo cuarteto constrúese con materiais e desde a lembranza de García Lorca:
Hoxe chove tamén en Compostela,
no corazón, na praza da Quintana,
non haberá unha tarde máis lorquiana
pra revivir o amor…»
En efecto, este soneto publicouse meses despois no meu libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). Velaquí o texto completo:
CHOVE EN COMPOSTELA…
Perante a mudez sepulcral da cela,
que nos fala da vida máis arcana
e do amor como crenza sobrehumana,
entregamos os corpos con cautela.
Hoxe chove tamén en Compostela,
no corazón, na pedra da Quintana,
non haberá unha tarde máis lorquiana
pra revivir o amor, que se revela
espremendo o lagar que rememora
que tal día coma hoxe fun exordio
e ti proposición como arestora
a se precipitar na tarde adversa
coa túa tenue voz de clavicordio,
en chuvia de palabras, en conversa.
Non foi a única ocasión que Lorca apareceu nos meus versos, coma xa comentei nesta bitácora inspirou varios poemas, entre eles outro que foi reproducido na publicación da que reproduzo a portada no inicio.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a "Presencia dos Seis poemas galegos de García Lorca na poesía galega", de Xesús Alonso Montero

  1. Lembrar a ese xenio que foi Lorca nunca está de máis. Gracias por reseñar este traballo de Montero (que persoalmente non coñecía) e achegarnos un pouquiño máis a un dos poetas españois que máis relación tiveron con Galicia no pasado século. Noraboa tamén polo poema, dunha calidade extraordinaria, cheo de suxestión e de música (fascinante esa axeitadísima imaxe do barroco son do clavicordio). Coma sempre, aprendo moito de ti e das túas obras.
    Saúde e terra, mestre!

Os comentarios están pechados.