Pola demisión de Benigno López, Valedor do Pobo e declarado inimigo da nosa lingua


A Lingua sabe a Pan do cpivirxedasaleta en Vimeo.
(Lipdub do CPI Virxe da Saleta sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo)
Despois de escoitar o anterior traballo que saíu do ensino público e que constitúe unha moi fermosa reivindicación da nosa lingua, que xa circula pola arañeira desde hai días, poñémonos serios para facérmonos eco da campaña da plataforma cidadá Queremos Galego e do sindicato CIG-Ensino, que nos convidan a participar nunha concentración este xoves día 15, ás 11:30, diante do Parlamento, para esixir a demisión do Valedor do Pobo. Razóns laborais non permiten a nosa presenza, mais velaquí o comunicado que suscribimos da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e tamén o que fixo público o meu sindicato.
1) A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»
Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.
A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.
Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.
2) CIG-Ensino levará aos grupos parlamentarios unha proposta para que procedan ao cese inmediato do Valedor do Pobo polos seus prexuízos e odio declarado contra a lingua propia de Galiza, o galego.
Segundo se recolle nos medios de comunicación, o Valedor do Pobo dirixiuse á Consellaría de Educación para que non se utilice un libro de texto de coñecemento do medio por recoller o mesmo que di o Estatuto de Autonomía de Galiza: “A lingua propia de Galicia é o galego”. A CIG-Ensino considera absolutamente inadmisíbel este feito, un ataque máis á nosa lingua, unha lingua que debe ser obxecto de protección e promoción tal e como regula a lexislación vixente e como esixen os datos sobre o seu uso, algo que non fai o actual Valedor do Pobo, Benigno López, empeñado en agredila.
É completamente reprobábel que cun salario pagado cos nosos impostos, quen debe velar polos dereitos lingüísticos das e dos galegofalantes, empregue a súa posición para atacar o noso idioma. Benigno López non é digno do posto que ocupa porque odia a nosa lingua e, por tanto, non defende, senón que agrede, os dereitos lingüísticos das e dos que reclamamos o noso dereito a vivir en galego.
En 2007, ante as declaracións do acabado de nomear Valedor do Pobo, a CIG-Ensino manifestara xa que non reunía as condicións necesarias para ostentar o cargo e debía abandonar, xa que as súas declaracións deixaban ver que estaba en entredito o labor que puidese realizar como valedor dos dereitos de todos os galegos e galegas ao por en tea de xuízo o marco xurídico sobre o noso idioma. As súas actuacións ao longo destes catro anos son unha confirmación da súa inadecuación para o cargo que ostenta. Benigno López atendeu as reclamacións de quen perseguiu o noso idioma, admitindo as denuncias de quen se significou por perseguir e acosar os coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización ou o Correlingua, e agora instando a que se retire un libro de texto que recolle o que di a propia lexislación. Porén non tivo a mesma actitude coas entidades ou persoas que solicitaron amparo ao ver negados os seus dereitos lingüísticos a ser atendidos en galego ou expresarse en galego ante as institucións, nalgúns casos na propia oficina do Valedor do Pobo.
A CIG-Ensino considera inadmisíbel e reprobábel esta última actuación do Valedor, unha mostra máis do seu odio ao galego. A CIG-Ensino agarda que a Consellaría de Educación siga sen ter en conta unha recomendación alegal e claramente atentatoria contra a nosa lingua.
A CIG-Ensino solicitará dos grupos parlamentarios o cese deste valedor e o nomeamento dunha nova persoa que non teña os prexuízos lingüísticos dos que alardea Benigno López.

Esta entrada foi publicada en Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Pola demisión de Benigno López, Valedor do Pobo e declarado inimigo da nosa lingua

  1. Pingback: As crebas » El País (Madrid), unha de cal e outra de area

Os comentarios están pechados.