Xosé Luís Méndez Ferrín demite como presidente da Real Academia Galega (RAG)


Velaquí o documento histórico da demisión de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega (RAG) e como membro numerario, da que a día de hoxe aínda non se informa na súa páxina, e que está a xerar ríos e ríos de tinta (ou de sangue?) no ámbito da cultura galega polas acusacións que lanza, coma coitelos afiados, malia a súa brevidade.
Máis unha vez, outra vítima do cainismo na sociedade da Nación Galega.
(Premer na imaxe para unha mellor lectura ou na reprodución que segue)
Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega
Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.
Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.
Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.
Viva e floreza a Academia Galega!
Viva Galicia ceibe!

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua. Garda a ligazón permanente.