Na mañá do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, deixounos o amigo poeta Xoán Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933 – Teo, 2023) a piques de facer os noventa anos.
Días antes atopeino pola rúa paseando co seu fillo na contorna do Museo do Pobo Galego e malia a súa crebada saúde coa súa sempiterna afabilidade díxome que ía marchar a Ortigueira onde tiña familia e falamos de que en setembro ou outubro había presentar a edición dun caderno poético da súa autoría e a ver se podíamos combinar para un café. Xa non vai ser. Unha mágoa profunda.
Abella, como o coñecíamos, era presenza habitual nas conmemoracións da memoria histórica (nomeadamente nos actos de lembranza dos asasinatos de Alexandre Bóveda e de Ánxel Casal) e tamén en moitos outros sarillos poéticos, sempre coa súa afabilidade e humildade por diante.
A imaxe que acompaña esta anotación (da esquerda á dereita Xoán Xosé Fernández Abella, Henrique Neira, Diana Pastoriza, Xosé Manuel Lobato e eu propio) testemuña unha desas ocasións que propiciaron o noso encontro. Corresponde ao lanzamento do libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda (Alvarellos, 2017) na Libraría Ler (Santa Comba) o 27 de abril de 2018.
Tamén reproduzo de novo nesta bitácora unha vídeo-gravación que Diana Pastoriza dispoñibilizou para o público nunha anotación do seu poético e moi recomendable blogue Palabras da man ao corazón, o día 2 de maio, na súa crónica do lanzamento baixo a epígrafe «An Afternoon of Words: Book Launch of Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda» e tamén na súa canle de youtube Diana Pastoriza.
Abella, amador dos sonetos coma min, leu coa súa voz vagarosa un ecopoema da súa autoría que reproduzo deseguida in memoriam.
Que a Terra che sexa leve, caro amigo Poeta!
Pico Sagro
Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra,
sempre sinalando ó alto,
como as almas auténticas
queren o alto, o mellor,
a prol da Patria galega!
Nunca xamáis se consintan
os perigos das canteiras,
nin aeroxeneradores
que contra a túa fauna atentan,
e incluso contra a túa flora
e a túa beleza inmensa.
Para ti a protección
permanente e máis intensa.
Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra,
e milagre dos milagres,
e das máis fermosas lendas!
Pico Sagro, Pico Sagro,
tesouro da nosa Terra!
Xoán Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933)
Inédito. Os Tilos, 6 de xuño de 2016