Xesús Calviño de Castro e os poetas costeiros Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García

CalviñodeCastro01CalviñodeCastro02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Tal día coma hoxe naceu o escritor e xornalista galego Xesús Calviño de Castro (Abegondo, 29 de xaneiro de 1893 – Bos Aires, 3 de xuño de 1972), de quen coñecemos a súa biografía e un compendio da súa obra literaria grazas ao volume editado polo Concello de Betanzos en 1999, Obra en galego de Xesús Calviño de Castro. Forza segreda (teatro). Poemas inéditos e dispersos. Estudio crítico de Concepción Delgado Corral e edición da propia autora, Mª Teresa Amado Rodríguez e Alfredo Erias Martínez.
Até a súa publicación había que citar e recorrer sempre o imprescindible estudo de Alberto Vilanova Rodríguez, Los Gallegos en la Argentina, vol.II, Bos Aires, Ediciones Galicia, 1966, onde viña unha síntese biobibliográfica:
«Calviño de Castro (Jesús). Nacido en Abegondo, reside na Arxentina desde 1911. De sempre sentiu un gran amor pola súa terra que se reflicte no seu labor constante en Bos Aires. Colaborou en publicacións galegas e arxentinas, dirixindo periódicos e fundando a AGUEA. Publicou os libros de versos Hojas dispersas e Bordón de peregrino. Dirixiu no pouco tempo que durou a audición radial da Federación de Sociedades Galegas».
Manexei estas publicacións tanto na redacción da miña Tese de Licenciatura coma na posterior Tese de Doutoramento, porque Xesús Calviño de Castro mantivo unha profunda relación persoal cos poetas Xervasio Paz Lestón e Antón Zapata García.
Na Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, publicada pola desaparecida Edicións do Castro en 1998, recollín o curioso diálogo poético entre o poeta muxián e Xesús Calviño de Castro. Non puiden datar o mecanoscrito do soneto de Xervasio Paz Lestón, polo que a día de hoxe non podo asegurar se foi anterior ou posterior o soneto do poeta de Abegondo. Velaí un e outro:
Semblanza
E Calviño de Castro un gran poeta
i un home enteiro coma bon galego;
ten sabencia intuitiva de labrego
i o esprito alquitarado de un esteta.
Nun medio sensualista fui asceta
que outivo refugou innobre achego
i alumou co seu verso ô vulgo cego
opoñéndolle o ideal por nidia meta.
Nos féridos e duros ten nemigos,
mais non teme das armas que o firan.
E un valente coma home e coma artista.
Os bos e xenerosos sonlle amigos
que, ademais de querelo o ademiran,
por galego, patriano i humanista.
(Xervasio Paz Lestón. Mecanoscrito sen datar)
Xervasio Paz Lestón
Sinxelo, como cadra a quen herdóu do drúida
o aoiante bagaxe da Birtude e do Ben;
mais, esimesmo, áspro como celta soicida
pra defendel-a Terra, cal seu antergo Bren.
O chan asoballado e a Terra sometida
pol-o estranxeiro, e aquiles, que non a queren ren,
é pra iste nobre bardo noso, morte e Vida
e un costante supricio pra sua ialma, tamén.
Espríto trasparente como pinga de orballo;
tempre baril e forte cal barudo carballo,
tén noso insiñe Poeta, Xervásio Paz Lestón…
O degaro da Terra liberdada é sua meta…
Por iso en rexos versos amóstranos o Poeta
o barvesco coraxe do seu gran corazón.
(Soneto de Xesús Calviño de Castro datado en 1947 e publicado en Galicia da Federación de Sociedades Galegas o 3 de agosto de 1958)
Moito máis intensa foi a súa relación con Antón Zapata García e son numerosas as referencias ao escritor de Abegondo (de onde era orixinaria a familia de Zapata) que recollín na miña Tese de Doutoramento A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo.
Salientarei os dous episodios máis interesantes. O primeiro acontece o 19 de decembro de 1936, cando o Ateneo de Arte e Cultura Galega Lembranzas da Terra e a Federación de Sociedades Galegas organizan un acto conxunto «Na conmemoración da traxedia da Frouseira» cun amplo programa político, literario e musical. A presentación é realizada por Avelino Díaz, «con un discurso en el que puso de manifiesto la similtud de aquella tragedia con la que actualmente sufrimos». Tamén se representa a peza teatral Xente de lei de Xesús Calviño de Castro e o coro interpreta varias composicións poéticas deste último, de Cabanillas, de Avelino Díaz e de Antón Zapata García. O seu poema «Suidade…», con música do mestre Suñer, é cantado por solista e coro. Pecha o acto Eduardo Blanco-Amor, que é presentado como director do Galicia, quen diserta sobre a figura do Mariscal Pardo de Cela.
Anos despois, Xesús Calviño de Castro dedicoulle unha semblanza a Antón Zapata García, este soneto en castelán publicouse no libro Bordón Peregrino, editado en 1947 co patrocinio da Agrupación de Artistas Gallegos de Buenos Aires. Pertence á terceira parte, intitulada «Semblanzas», formada por 17 poemas dos cales trece están dedicados a diversos persoeiros do mundo da cultura, como Maruxa Boga, Castelao, Manuel Castro López, Domingo Cubeiro ou Avelino Díaz, entre outros. Agradecemos a Concha Delgado Corral o feito de coñecermos este poema.
ANTONIO ZAPATA GARCÍA
Es uno de los bardos de más envergadura
que hoy ostenta la tierra de la Gran Rosalía…
Su vida, sin dobleces, honestamente pura,
clasifica su clásica e invariable valía.
Sus inspiradas rimas, flotan en la ternura,
o hieren como un dardo que el ojo avizor guía…
Su norma, en todo tiempo, fué marchar en procura
de su Ideal soñado, libre de hipocresía.
Su corazón palpita entre lo bello y lo noble,
y su temperamento, que el embate hizo doble
desde edad muy temprana, lo hace sentir y amar.
Y este Antonio Zapata, es hoy, precisamente,
a quien la Madre Tierra tiene siempre presente
en su gesta titánica… y en sus poemas del mar.
Jesús Calviño de Castro
Porén, a súa maior relación ten a ver coa agre polémica do Concurso Literario convocado polo Centro Gallego de Buenos Aires en 1949 que deixara fóra o mecanoscrito do poemario A roseira da soidade de Antón Zapata García o que motivou a renuncia de Xesús Calviño de Castro como membro da Comisión de Cultura da entidade.
Relatei este affaire que ocupou moitas páxinas na prensa da diáspora no artigo intitulado «Do “secuestro” á censura. A intricada historia editorial do libro A Roseira da Soidade de Antón Zapata García», publicado no volume Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, R. Álvarez / D. Vilavedra (coords.). Santiago de Compostela (1999): Universidade de Santiago de Compostela, 2 vols. e unha versión posterior na revista Estudos migratorios, vol. 2, nº 1 (2009-2010) e que se pode ler neste pdf de libre descarga.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.