Vinte anos da Homenaxe do Batallón Literario da Costa da Morte aos represaliados de Cee o 17 de agosto de 1996 (Día da Galiza Mártir)

Batallón(agosto1996)
Voz5-08-1995Voz17-08-1996
Voz18-08-1996Voz21-12-1996(1)Voz21-12-1996(2)
Vinte anos despois daquel acto de memoria histórica republicana recupero esta anotación sobre a Homenaxe que lle fixemos o 17 de agosto de 1996Día da Galiza Mártir, dende o Batallón Literario da Costa da Morte aos oito sindicalistas da UGT, de Cee, ao se faceren 60 anos dos seu pasamento, xa que foron fusilados a finais de 1936.
Reproduzo en imaxes algúns textos da prensa comarcal, en concreto a edición bergantiñá do xornal La Voz de Galicia, que foron publicados naquela altura.
O primeiro, intitulado «Cee e Corcubión no ano 1936» é unha breve recensión da miña autoría, publicada o 5 de agosto de 1995 na sección «Terra e Xente», para saudar a fonte documental que un ano despois inspirou a homenaxe organizada polo Batallón Literario da Costa da Morte. Tratábase do libro do noso amigo Luís Lamela GarcíaCrónica de una represión en la Costa da Morte: Cee, Vimianzo, Ponte do Porto, Corcubión, Fisterra, Zas… (da desaparecida Edicións do Castro, 1995), estudo profundo no que colaborei a solicitude do seu autor cun soneto inédito que escribín ad hoc para servir de pórtico ao capítulo onde se narra a represión en Cee, que remataría co asasinato de varios veciños da miña vila.
Como relata de maneira documentada Luís Lamela na súa magnífica investigación, os sindicalistas Norberto Recamán LagoJosé Lago FernándezTeófilo Mejuto LeisPerfecto Trasmonte CostaJesús Chouza FigueiraFlorentino Canosa BarreiroManuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez foron condenados a morte por un tribunal militar.
«La sentencia se cumple a las siete horas del citado 9 de diciembre de 1936 en las inmediaciones de Punta Herminia de A Coruña. El mismo lugar en que pocos días antes cayera inerme el cuerpo de Miñones. Después del trabajo del pelotón, el oficial que lo manda procede a rematarles uno a uno con un tiro de gracia en la parte lateral del cráneo. Las cabezas destrozadas rebotan violentamente contra el suelo por el impacto del proyectil y saltan violentamente como queriendo soltarse del cuerpo. ¡El orden estaba establecido! Los enemigos contentos y la justicia… violada».
Semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceense, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938.
A pedimento de Luís Lamela escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico do primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte. Velaquí:
1936
Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.
Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.
Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.
Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da liberdade núa.
A segunda e a terceira imaxes recollen as novas do mesmo xornal nos días previos á homenaxe e a crónica do día seguinte co desenvolvemento da mesma, na que interviron Jafet e Ovidio Mejuto Leis en representación dos familiares dos represaliados, alén dunha lectura poética na que participaron varios poetas do Batallón Literario da Costa da Morte: Alexandre NeriumRafa VilarSerxio IglesiasEstevo CreusModesto Fraga, Frederico Lopes SantallaXavier Rodrigues FidalgoXaime TrilloMoncho Bouzas TobíoXoán Alberte MoureMaría Canosa e eu propio.
E as dúas últimas imaxes reproducen o artigo da miña autoría «Un acordo de Cee no Olvido», que se publicou como «Tribuna aberta», na que criticaba que pasados os meses aínda non se realizara un acto público de homenaxe, malia aprobarse en pleno unha moción nacionalista co voto favorable do único concelleiro do BNG e dos catro concelleiros socialistas que gobernaban a localidade en 1996, co alcalde Manuel Lamela Lestón á fronte, alén da abstención dos concelleiros centristas e independentes e o voto en contra dos cinco concelleiros do PP, moi condicionados por coñecidas familias fascistas da vila.
Meses despois, en setembro de 1997, o goberno socialista inauguraba un fermoso conxunto escultórico da autoría de Álvaro de la Vega, artista lugués afincado en Corcubión, cunha placa de contido neutro «Ós defensores das liberdades e dos dereitos humanos no 61 aniversario. Cee – 1997». O texto escollido ten unha clareza!!!
Created with Nokia Smart Cam

Esta entrada foi publicada en Historia, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.