Viaxe ao noroeste de Italia (Lombardía, Piemonte e Liguria): As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras


(As fotografías que ilustran esta anotación son propias)

«Viaxe ao noroeste de Italia (Lombardía, Piemonte e Liguria)», é o título desta xeira anual organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, coa sempre axeitada e eficiente organización de Chus Barbeira Pose, que desta volta nos levou a viaxar entre os días 18 e 26 de agosto polas terras do noroeste italiano e xa no regreso con estacións nas cidades francesas de Lyon e Bordeaux.

Deseguida reproduzo as interesantes e completas crónicas da nosa viaxe cultural, todas tres asinadas co pseudónimo A. Lavandeira e escritas por un dos viaxeiros, o xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia, Velaquí os tres textos que tamén se pode ler no orixinal premendo na ligazón de cadanseu título:

(I)

Tralos pasos de Plinio: entre o mar bravo de Fisterra e as augas mansas do lago Como

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte organizou para estes días unha viaxe polo norte de Italia

A. LAVANDEIRA
VERONA / LA VOZ 21/08/2018

O xeógrafo romano Plinio (Cayo Plinio Segundo) situaba o Promontorio Celta en Fisterra e as Aras Sextianas nalgún punto indeterminado no que hoxe sería a Costa da Morte.
De Plinio falou o exprofesor do instituto Alfredo Brañas de Carballo e escritor Pepe Carballude, un dos participantes da viaxe cultural que cada ano celebra o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), que nesta ocasión transcorre polo norte de Italia.

Saíron o sábado de madrugada de Santiago e arribaron en Milán, onde visitaron, entre outros lugares, a catedral, que o escritor estadounidense Mark Twain, cualificou como «poema de mármore».

O románico lombardo é outro dos obxectivos de moitos dos participantes neste percorrido, entre os que se atopan un bo número de profesionais do ensino, e incluso algúns estudantes. O desprazamento está inspirado no seu contido histórico e artístico polo presidente de Semescom, Xosé María Lema. Na parte xeográfica, o carballés Antón García Losada é o encargado de dar as explicacións debidas, mentres que o propio Carballude se encarga de dar a coñecer o mundo do antigo imperio romano. A secretaria da entidade, María Jesús Barbeira, fixo un extraordinario esforzo para o deseño do percorrido e mais a comodidade dos participantes. Ademais da catedral de Milán, coas súas 2.300 esculturas, e mais outros aspectos de carácter turístico, os viaxeiros analizaron construcións como a igrexa de San Ambrosio, exemplo de románico lombardo, estilo que se conserva en dúas construcións galegas.

A visita do domingo correspondeu á terra de Plinio, xeógrafo, militar, naturalista e escritor nacido en Como e que morreu no ano 79 asfixiado en Pompeia, intentando desentrañar os misterios do volcán Vesubio. Na rexión dos Lagos, a comitiva do Semescom puido contrastar a tranquilidade das augas lacustres, que fan de espello das montañas dos Alpes, coa ferocidade do mar da Costa da Morte.

Onte luns a visita correspondeu a Verona, que polo seu matiz rosado dá a sensación de que o sol se está poñendo permanentemente, unha sensación moi coñecida polos grandes solpores da Costa da Morte.

Na cidade de Romeo e Xulieta, a gran obra de Shakespeare, o que fora director do instituto Alfredo Brañas, lembrou a traxedia de Píramo e Tisbe, descrita polo poeta romano Ovidio nas Metamorfosis. Un dos puntos de interese é a Gruta de Catulo, sitio arqueolóxico que leva o nome do poeta erótico Catulo (84-54, antes de Cristo). Carballude recitou algunha das súas composicións, para goce dos viaxeiros.

(II)

Os mellores versos para evitar o abandono do rural

Viaxe dos Semescom por Italia | Polo Golfo dos Poetas tamén pasaran Shelley ou Byron. Hoxe, os visitantes son incesantes

A. LAVANDEIRA
PORTOVENERE / LA VOZ 25/08/2018

Unha viaxe é unha oportunidade de mergullarse nun mar de coñecementos. Así é a aula móbil do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) que viaxa a bordo dun autobús da empresa Lázara de Santiago polo norte de Italia. Historia, xeografía, economía, literatura… E a Costa da Morte, permanentemente presente. Nin un fenómeno tan actual como o abandono do rural e o despoboamento desta bisbarra, a razón duns mil habitantes cada ano, é un fenómeno exclusivo do noso tempo. Na viaxe do Semescom púxose de manifesto.

Pepe Carballude, membro da expedición e exprofesor do instituto Alfredo Brañas, contou no camiño de Mantua como o emperador César Augusto lle encargou ao poeta Virxilio unha obra que contribuíse a evitar o abandono dos pobos e poñerlle freo a que toda a xente fuxise para as urbes. O resultado foron As Xeórxicas, nas que o gran literato mantuán cantou ás faenas agrícolas, ós prognósticos do ceo, ao cultivo das árbores froiteiras, á cría de gando, ás pestes dos animais e ao mundo das abellas que, segundo o autor, ben poderían servir de modelo para os seres humanos. Os versos de Virxilio non evitaron o éxodo do campo cara as cidades romanas, pero si deixou para humanidade unha gran obra literaria. En Mantua, lugar de nacenza de Virxilio e escenario do Rigoletto, de Verdi, os viaxeiros do Semescom gozaron das visitas ao Pazo Ducal e outras xoias da arquitectura, sobre todo da románica, coa igrexa circular de San Lourenzo.

Neste percorrido hai moi poucas oportunidades para o descanso. A aula rodante non cesa. En Módena, na rexión Emilia-Romagna, admiraron unha das principais obras do románico do Val do Po, a catedral, cos seus capiteis e relevos únicos, e houbo quen subiu á súa torre inclinada. Aquí, na patria de Pavarotti, ocorre coma noutras cidades visitadas. Cada unha amosa un universo monumental tan rico que ben podería xerar unha sobredose de arte.

Datos históricos e culturais

O presidente do Semescom, Xosé María Lema, vai introducindo cada parada con datos históricos e de interese cultural, pero tamén hai outros aspectos. En Parma destácanse os sistemas de produción agraria. Neste territorio, escenario da película Novecento, ao contrario que na Costa da Morte, o millo xa está seco, listo para segar. En Bergantiños e Soneira está en pleno proceso de crecemento. As chuvias dos meses pasados danlle altura ás plantas, que xa case están chegando aos catro metros nalgunhas leiras. O parmesano non alcanzou tamañas alturas.

O mércores tocou mergullarse nun dos máis grandes fenómenos turísticos mundiais: a visita ao Golfo dos Poetas, lugares frecuentados por creadores ingleses como Shelley e Lord Byron, con percorrido por varios pobos que forman parte das Cinco Terras, un espazo integrado por Riomaggiore, Manarola, Corniglia, Vernazza e Monterosso. Constitúen un parque nacional declarado Patrimonio da Humanidade que, segundo foi explicando a profesora arousana, Xela Cid, sofre tal invasión constante de viaxeiros que se están perdendo totalmente as estruturas sociais e económicas de toda a vida, ao tempo que está producindo unha redución alarmante dos habitantes autóctonos e perda de actividades tradicionais como a produción de viño, a pesca e outros aspectos. Ata o punto de que os locais esixiron reducir o número de excursionistas, sen conseguilo.

Estes pobos, que forman parte do escenario alpino, están colgados das montañas cara o mar, con casas erguidas sobre as rochas como piñas de percebes, viviron á heroica durante a historia, ata que a chegada do tren e das vías rodadas abriulles a vida a unha avalancha turística, que, segundo unha expresión local, «morde e fuxe». Na viaxe en tren a estas vilas déronse momentos de gran comicidade entre a comitiva, que o poeta e profesor Miro Villar, chegou a valorar como unha gran mostra do carácter galego, de non saber se sobe ou se baixa, neste caso, dos vagóns. Houbo unha viaxe en barco dende Monterosso ata Portovenere, un lugar que ben vale o que contan del os versos de Lord Byron, cunha igrexa románica, un pórtico do mesmo estilo que dá ao Mediterráneo, un castelo e unha furna dedicada ao poeta inglés que ben poderían formar un dos conxuntos máis fermosos de todos os visitados.

A Fisterra nos poetas italianos

O poeta e profesor ceense Miro Villar, que tamén forma parte da expedición, aportou á aula móbil do Semescom a conexión da Costa da Morte cos poetas italianos. Como sucede co Fisterra atlántico, as Cinco Terras é un territorio poetizado. Como sucede no caso de Manuel Antonio, o Batallón Literario da Costa da Morte, Eugenio Montale, premio Nobel de 1975, dedicouse á «oscultación do espazo marítimo», dun lugar escabroso, difícil, illado e perigoso como os acantilados do territorio nerio. Rematou recitando poemas como Cara a Finistère e Portovenere.

Poesía moi presente

A poesía está moi presente na viaxe. De feito, Carballude recitou poemas da Eneida de Virxilio, mentres que Rosa García Vilariño, que tamén foi profesora do instituto Alfredo Brañas de Carballo, deu cadra do intercambio da pegada dos creadores italianos nos literatos galegos, e viceversa. Así, contou que O divino sainete de Curros Enríquez ten semellanzas con A divina comedia, de Dante. Ou como Guido Battelli traduce ao italiano obras de Noriega Varela, Lamas de Carvajal e, incluso, o poema Unha noite na eira do trigo, de Curros Enríquez.

(III)

O remate de nove días polo norte de Italia, inspiración literaria e un universo de arte

A subida á Sacra de San Michele, suposto escenario da novela de Eco, foi como unha cerimonia

A. LAVANDEIRA
CARBALLO / LA VOZ 29/08/2018

No Museo galorromano, o deus Mercurio preséntase como o guía dos viaxeiros, coas súas sandalias aladas para chegar veloz aos lugares. Ese podía ser o gran símbolo do Seminario de Estudos Comarcais Costa da Morte (SEMESCOM), que en nove días realizou un percorrido cultural polo norte de Italia, os cuarteis xerais da industria automobilística deste espazo alpino, o xerme da unificación do país, lugares de inspiración literaria, escenarios históricos e, sobre todo, un universo de arte case inabarcable, ao que había que engadir achegas constantes nas máis variadas materias na aula móbil da entidade.

En Turín, que chegou a ser capital italiana entre os anos 1861 e 1865, os viaxeiros do SEMESCOM interesáronse pola Saba Santa, a muralla romana ou a Mole Antonelliana, un dos símbolos da cidade, hoxe museo do cinema. Logo continuaron as paisaxes alpinas para as que un non cansa de mirar. Picos, algúns con neve aínda, sobre os que se pousan as nubes, con pequenos pobos de casas brancas que descansan nas súas costas.

A subida á Sacra de San Michele, suposto escenario da novela O nome da Rosa, de Umberto Eco, foi como unha cerimonia. O vello mosteiro vese como unha coroa dun monte cuberto por un manto verde.

Logo, no autobús, Pablo Sanmartín, arqueólogo e secretario de A Rula, explicou a significado da iconografía de pórticos, capiteis, frescos e a simboloxía que se repite nas construcións románicas, como o home verde, que tamén se pode ver en Moraime (Muxía). Sanmartín tamén sinalou os nove taboleiros de xogos medievais no claustro próximo á catedral de Verona, similares aos 160 que A Rula contabilizou en Santiago ou ós da Catedral de Ourense.


Houbo ocasión tamén de subir a Monte Cenis, a máis de 2.000 metros, o suposto paso de Aníbal Barca, cos seus 38 elefantes, cara o seu intento de conquistar Roma ala polo século III antes de Cristo. Unha paisaxe alpina adornada por un lago e un xardín botánico que logo Manuel Chouza se encargou de explicar, así como a presenza da víboras de montaña, algunhas comúns a espazos galegos. O carballés Antón Losada prodigouse nas explicacións botánicas e xeolóxicas. Tamén o paso polas proximidades dos Volcáns de Auvernia deu lugar a explicacións amplas. E non faltou tampouco unha incursión por paraxes agrícolas da Francia profunda, como a ruta do queixos. Incluso houbo unha selección de cine italiano, da man de Manolo Ferreiro, entre explicación e explicación.

Xa no retorno houbo paradas en Lión e Burdeos, onde se produciu unha especie de despedida, na que Rosa García Vilariño, fixo unha glosa das vivencias, que cualificou como «viaxe de saberes», que, nesta ocasión, se inundou de poesía.

Foi Mariña Gándara, a máis nova da expedición, tamén a encargada de pór o peche. Dixo sentirse entre mozos de diferentes idades e houbo loas para os organizadores, Xosé María Lema, presidente do SEMESCOM e Chus Barbeira, secretaria. E logo, paseo nocturno polas beiras do Garona adornado polas luces brillando na auga.

Esta entrada foi publicada en Arte, Cinema, Contos, Estudos literarios, Exposicións, Fotografía, Historia, Humor, Lendas e mitos, Lingua, Literatura medieval, Memoria Literaria, Música, Narrativa, Poesía, Roteiros, Tradicións, Versións ou traducións, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta