
(As fotografías que ilustran esta anotación son de autoría propia, agás as do grupo de Xosé Ameixeiras)
«Viaxe a Nova Aquitania» foi a epígrafe da nova xeira anual organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SemEsCom), que preside Xosé María Lema Suárez e do que fago parte, coa sempre axeitada e eficiente organización de Emilio Roca, que desta volta nos levou a viaxar entre os días 18 e 27 de agosto de 2026 por terras aquitanas. Deseguida reproduzo as sempre interesantes e completas crónicas das xornadas desta nosa viaxe cultural, asinadas co pseudónimo A. Lavandeira e escrita por un dos viaxeiros, o xornalista Xosé Ameixeiras, delegado da edición comarcal de Carballo do xornal La Voz de Galicia. Velaquí os textos, que tamén se pode ler no orixinal premendo nas dúas seguintes ligazóns:
Unha viaxe aos vellos conflitos de relixión
A. LAVANDEIRA A ROCHELLE
Visita do Semescom á Nova Aquitania, en Francia: historia, paisaxe e natureza
23 ago 2026
«Imaxinas unha cidade onde a historia susurra ao teu oído mentres o mar acariña a túa pel? Esa é A Rochelle». Aí foi a onde chegaron o venres pola tarde os viaxeiros do Seminario de Estudos Comarcais da Costa Morte (Semescom). O vello eslogan da vila francesa, co seu pasado repleto de conflitos, centro de poder hugonote nun país católico, vinculada co corso e a pirataría e base submarinos alemáns, cúmprese nun percorrido da entidade pola Nova Aquitania nunha nova edición das aulasbus que comezaron o luns para nove días.
Compostela foi o punto de partida para, coma sempre, os case medio cento de participantes nunha ruta que tivo parada nocturna en Baiona. Nunha sidrería degustaron tortilla de bacalao e asado de vaca. Un bo remate para unha xornada de moitos e lentos quilómetros por mor do tráfico saturado. As Landas foi o destino da segunda xornada dunha guía elaborada por Xosé María Lema, presidente do Semescom, e Chus Barbeira. Emilio Roca é quen se encarga da organización, mentres que ao volante vai Pablo Bustelo, de Compostela Bus, cun vehículo de Autocares López. O médico Xan Fernández Garrido ocúpase da saúde do grupo.

De camiño ás Landas, o exprofesor carballés Antón García Losada deu a primeira charla, sobre a composición xeolóxica da Aquitania, moi homoxénea, comentou. Unha cunca sedimentaria que chegou a estar cuberta polo mar e que coa oroxenia alpina sufriu unha elevación. As súas explicacións foron moi útiles, sobre todo no tocante á formación do sistema dunar máis grande de Europa, as Dunas de Pilat, de case tres quilómetros de longo e 102 de alto. Un monte de area que se empezou a formar hai uns 15.000 anos e ao que subiron os seareiros do Semescom, uns con máis esforzo ca outros, pero todos gozaron dunha paraxe na que o mar e un inmenso «océano de piñeiros» enriquecían esta aventura.
A outrora profesora Xela Cid disertou na aulabús sobre os 14 anos de viaxes continuas do Semescom, ademais doutras anteriores, e as pegadas que deixaron. Moitos dos percorridos foron pola Europa atlántica. Explicou o proceso de forestación das Landas con piñeiros para deter o avance do sistema dunar. En 1864 ían unhas 80.000 hectáreas plantadas. O problema dos últimos tempos son os incendios, 45.000 hectáreas queimadas no 2022.
Pola súa parte, e mentres o autobús vai dun lugar a outro, Lema Suárez, ademais de ir debullando a guía, disertou sobre o ducado de Aquitania. Dase por sentado nalgunhas obras que un dos membros desta estirpe, Guillerme X, peregrinou a Compostela e acobou inspirando a Murguía para escribir o romance de Gaiferos de Mormaltán. E ten habido autores que tamén o relacionaron coa fundación da ermida de San Guillerme de Fisterra. A segunda xornada incluíu parada en Arcachon, onde algún probou a bañarse nas augas da baía.

O xoves, o primeiro destino foi Saint Émilion, unha alfaia histórica con igrexas e claustros medievais rodeada dun mar de viñedos. Uns subiron á torre da colexiata e outros intentárono na Torre do Rei, pero estaba pechada. Unha vila cun templo escavado na rocha, catacumbas, fermosos lavadoiros antigos e, en fin, construcións que permiten que a imaxinación viaxe no tempo. Burdeux foi a outra parada do día. Houbo quen foi ao Museo de Aquitania para ver, entre outras cousas, a Venus de Laussel, un baixo relevo do paleolítico de 25.000 anos de antigüidade. Outros gozaron dos numorosos atractivos da cidade.
O venres, de camiño cara Verdon-sur-Mer, e en tanto Lema falaba sobre as guerras de relixión na Aquitania, a Matanza de San Bartolomé e a iconoclastia, os viaxeiros vían inmensos piñeirais, grandes agras de millo sedento por falta de auga e enormes leiras de xirasois murchos pola sequeira. Nun ferri cara Saintes poideron fotografar o faro de Corduan, o máis antigo de Francia. Foi edificado entre 1584 e 1611. E en Saintes deambularon polo anfiteatro romano, admiraron o románico da Abadía das Damas, o gótico da catedral de San Pedro ou arco romano de Xermánico. Un altar e un albergue son espazos de peregrinos cara Santiago e á fin tamén cara Fisterra. En fin, moitas conexións coa Costa da Morte, pero cunha diferencia: «Aquí saben coidar das súas cousas», dixo Xela Cid. E todo caso, a viaxe transcurre nun clima propicio para cultivar a amizade.

Á procura das pegadas dos peregrinos que chegan a Fisterra
Rematou a viaxe do Semescom pola Nova Aquitania e tralos pasos da historia, a arte e a poesía
A. Lavandeira CARBALLO/ LA VOZ
29 ago 2026
«Unha Biblia de pedra onde os monstros custodian o soño dos peregrinos». Así se ten descrito a fabulosa mostra de arte románica da igrexa de Saint-Pierre D’Aulnay de Saintonge, Patrimonio Mundial da Unesco e un dos puntos históricos da Ruta Xacobea, pola Vía Turolensis. Foi aí, onde o Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) empezou a centrar a súa atención no Camiño de Fisterra na súa viaxe á Nova Aquitania, que comezou o día 18 e rematou este venres. Unha embriagante sucesión de escenas relixiosas representadas en pedra nas que ata aparece un asno tocando unha arpa. Unha auténtica inmersión no Medievo ambientada por unha sinfonía de rulos de pombas.

En Niort, a expedición andou polo mercado, admirou algunhas das súas construcións da Idade Media, a torre de homenaxe Le Donjon, no que foi posible visitar o seu museo arqueolóxico, onde se podían ver grafitos feitos por presos doutros tempos, ou a paisaxe fluvial que deixa o río a paso pola cidade. Cara a Illa de Ré, o presidente do Semescom explicou que foi un dos escenarios elixidos para rodar a película O día máis longo, sobre o Desembarco de Normandía. É unha das fisterras galas antigamente chea de salinas, produtoras do que se denominado ouro branco. No seu mercado, había ostras a 7,80 euros a ducia.
Durante o percorrido cara Fontenay-le-Comte, Lema explicou a diferenza entre xirondinos e os xacobinos, mentres que o poeta Miro Villar explicou a influencia dos trobadores aquitanos na literatura galega medieval, en concreto nas cantigas de amor e nas cantigas de escarnio e maldicer.
Tamén afondou nas súas pegadas nos literatos galegos contemporáneos, como nos membros da xeración Nós, en Otero Pedrayo, na mesma Begoña Caamaño, e sobre todo Xosé Luís Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, de quen contou episodios do seu paso por Corcubión como policía municipal e o seu gran labor como tradutor de Dante e Petrarca. Fixo un especial apuntamento á conversión ao galego dos poemas do trabador Guillerme IX de Aquitania. E rematou recitando un deles.
Fontenay-le-Comte foi un punto importante de paso de peregrinos cada Compostela no Medievo. Algúns dos membros da expedición do Semescom puideron ver a cripta da súa igrexa que permanecera oculta durante varios séculos.

Xeografía e paisaxe
Xela Cid interviu de novo para falar do proceso rexionalizador de Francia. A última reforma foi do 2016. E tamén abordou a riqueza fluvial da Nova Aquitania, os cambios medioambientais negativos producidos no país galo, a produción de enerxía en centrais nucleares, que cada vez necesitan máis auga cando se repiten máis as sequeiras e lanzou unha mensaxe: «Vivimos tan de présa que a Terra tamén está estresada». En Nantes, as miradas dirixíronse cara a catedral ou o Castelo dos Duques de Bretaña e o seu museo, onde a sección dedicada ao escravismo deixou máis pegada emocional.
Tamén houbo quen foi á procura do Memorial da Abolición da Escravitude, onde se recoñece o escuro pasado do porto da cidade, o máis importante de Francia no mercado negreiro.
Parthenay, outras das alfaias arquitectónicas do pasado que se manteñen do presente, foi outro punto de parada. Lugar tamén de paso de peregrinos cara Fisterra, mantén a torre e a rúa principal coa imaxe inalterada dende séculos. Un lugar propicio para imaxinar as vidas doutros séculos. Indo cara Poitiers, Miro Villar leu o labor que Rosa García Vilariño elaborara para a viaxe. Aproveitou para falar da mala situación das linguas minorizadas na Francia e a plataforma que reivindica que Nantes volva a ser considerado bretón.
García Vilariño tratou sobre os trobadores occitanos e aquitanos na literatura galega, sobre todo a transmitida a través do Camiño Xacobeo, e en creadores como Airas Nunes, Xoán Airas ou Don Denís. Lema completou a información dando conta da importancia de Galicia como reino e rematou interpretando o romance de Don Gaiferos.

En Poitiers admiraron, máis que nada, a igrexa de Santa Radegunda, un templo de orixe medieval austero onde a pedra amosa solemnidade e silencio ao mesmo tempo. E tamén ten o valor dos séculos e na súa cripta garda a tumba da súa fundadora. O Baptisterio de San Xoán asombrou a quen o visitou, e na colexiata románica de Notre Dame-la-Grande os membros do Semescom asistiron a un espectáculo de luces que permitiron imaxinar como sería a súa fachada decorada orixinalmente.
De Angulema a Pau, dos Pirineos cara Canfranc, e de retorno polo trazado xacobeo
No percorrido non hai espazo para a fatiga. Agarda Angulema, considerada a capital europea do cómic e onde lembran a Hergé, o creador de Tintin, cunha escultura. Uns buscan os seus murais, outros admiran o seu consistorio, implantado nun edificio nobre onde naceu Margarita de Angulema, hai quen procura as súas murallas ou a súa catedral e quen deambula polas súas rúas para gozar do ambiente.

Merino Romar
Indo cara Pau, Manuel Chouza diserta sobre Baltasar Merino Romar (1845-1917), xesuíta, meteorólogo, botánico e pteriodólogo, estudoso da botánica e deu a coñecer a flora galega. Nun discurso ameno a xocoso, Chouza tratou sobre a conciliación dos coñecementos científicos coa doutrina da Igrexa. Rematou a súa intervención cun dito tradicional: «Volta voltiña do meu rabo redondo, se caio no mar afogo, se caio nunha pena espenáchome, pero se caio nun palleiro quedo enteiro». Os Pirineos rouban todas as miradas en Pau, un lugar de paso e de refuxio onde as historias do republicanos españois xorden por todas partes. Aínda haberá unha parada en Oloron, con outra igrexa digna de admirar.

Mentres o autocar de López, guiado por Pablo Bustelo, vai tragando quilómetros, os viaxeiros non sacan ollo dos cumios pirenaicos. A beleza das paisaxes rouban todas as miradas, ata a estación de Canfranc, onde se fai unha nova parada.
Iolanda Rodríguez Torres toma o micrófono para facer unha elexía da viaxe que remata cun poema de Rafa Vilar, ao tempo que Lema Suárez ía facendo apuntamentos sobre os lugares de paso.
Semellanzas axedrezadas
Logo xa vén outra parada xacobea, Jaca, coa súa catedral, que ten un aspecto tan rudo que a fai fermosa. O seu axedrezado foi copiado en múltiples templos, incluídos na Costa da Morte. E no seu museo acóllense frescos románicos de varias igrexas de Aragón. Pamplona, con percorrido polos seus elementos máis singulares e pernocta, Estella e o seu claustro, e Puente la Reina e Navarrete, lugares de paso histórico de peregrinos, atraeron a atención dunha expedición xa en retorno. En fin, que como dixo Xela Cid, «cada viaxe deixa pegadas no corazón».
