Versos para unha homenaxe a Urbano Lugrís


A pedimento de Daniel Landesa [proxectoQ / poetasdahostia] e do colectivo A Nave das Ideas, de Vigo, vou participar nunha homenaxe ao artista galego Urbano Lugrís. Eles/Elas e a Asociación O Mural da Coruña, pretenden facer un acto de irmandade entre as dúas ribeiras atlánticas do noso País. A súa intención é crear unha publicación dixital onde diferentes poetas fagan unha glosa dalgunha obra concreta de Urbano Lugrís. Alén diso teñen previsto un acto público para a xornada do 17 de decembro como unha forma de reclamar un día das Artes Galegas. De mañá un “Roteiro Urbano Lugrís” da man de Carlos L. Bernárdez para percorrer lugares de importancia na vida e na obra de Lugrís. Durante o percorrido realizaranse paradas estratéxicas (Pinacoteca, Ribeira de Vigo, etc.) para finalmente rematar coa lectura do manifesto no límite do peirao da cidade onde se botará unha botella ao mar como feito simbólico. E de tarde conferencia e xornada multidisciplinar nas instalacións do museo vigués do Verbum, espazo no que terán lugar de xeito simultáneo os seguintes actos: conferencia do pintor Antón Patiño e Carlos L. Bernárdez arredor da figura de Urbano Lugrís; exposición de reproducións de cadros de Lugrís; creación artística a cargo do grupo Amálgama; poesía urbana, hip-hop a cargo da rapeira AÍD (Aída Alonso Ilgesias) e recital sobre Urbano Lugrís a cargo de María Lado, Ledicia Costas e Lara Domínguez. Un ambicioso programa para o que lles desexamos moita sorte e moito suceso, como se di en Portugal.
Para min non foi difícil participar do proxecto porque no meu último poemario As crebas xa hai intertextualidade coa pintura de Lugrís. Velaquí o meu poema:
Regreso a casa
Aló vas transparente, como serea atlántica de Lugrís, nos adeuses da invernía que chega, emigras desde o frío a mares do interior na procura da cálida placenta dos afectos que alimenta a palabra orixinal do berce.
Escoitas nas ribeiras serróns e tronzadores e arrecendes outrora o po das serraduras que decoraba as saias da nena rebuldeira en mañás de madeira e de olladas de esguello.
E falas coas escuadras, co nivel, co compás, e acoden á conversa as gubias e os formóns e tamén xa se escoita íntimo o berbiquí a facerche preguntas sobre a inmensidade das mareas no corpo da gamela que soñas.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Versos para unha homenaxe a Urbano Lugrís

  1. Pingback: As crebas » URBANO. Coroa poética a Urbano Lugrís

Os comentarios están pechados.