Veinte puntos de fuga, antoloxía de poesía galega contemporánea, publícase en Venezuela


A editorial “El perro y la rana”, creada polo Ministerio del Poder Popular para la Cultura do Gobierno Bolivariano de Venezuela, vén de publicar na súa colección “Poesía del Mundo” o volume Veinte puntos de fuga, antoloxía de poesía galega contemporánea. A escolma xunta textos traducidos ao castelán de vinte novos poetas galegos, seleccionados e prologados pola filóloga coruñesa Teresa Seara, como exemplo da poesía máis actual e representativa en lingua galega. Nesta edición figuran seis autores da Costa da Morte: Estevo Creus, Modesto Fraga, María Lado, Rafael Lema, Rafa Villar ou eu propio, que se xuntan a outros poetas como Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Emma Couceiro, Marta Dacosta, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Olga Novo, Emma Pedreira, Baldo Ramos, Elvira Riveiro, Anxos Romeo, Daniel Salgado e Martín Veiga.
Esta colección “Poesía del Mundo” pretende, traducimos, “editar poesía de todas as nacións, de todas as linguas, de todas as épocas: velaquí un proxecto editorial sen precedentes cuxa finalidade é dar ao noso pobo as mostras máis prezadas da poesía universal en edicións populares a un prezo accesible. É aspiración do Ministerio do Poder Popular para a Cultura crear unha colección capaz de ofrecer unha visión global do proceso poético da humanidade ao longo da súa historia, de modo que os nosos lectores, poetas, escritores, estudiosos, poidan acceder a un material de primeira man do que foi o seu desenvolvemento, os seus achados, descubrimentos e revelacións, e da achega invalorable que significou para a cultura humana. Palabra destilada, a poesía mellóranos, humanízanos e, por iso mesmo, irmananos, facéndonos recoñecer os uns aos outros no milagre que é toda a vida. Pola solidariedade entre os homes e mulleres do noso planeta, vaia esta contribución de toda a Poesía do Mundo”.
Fermosas palabras para unha fermosa iniciativa da que nos congratulamos facer parte, xunto a outros cinco poetas da Costa da Morte, e da que os nosos gobernos deberían tomar nota, nomeadamente nese loable obxectivo de achegar a poesía ao pobo.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.