«Vaticinio», versos de Memoria de Ahab de Rafa Villar nun disco de Xardín Desordenado


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Os versos do meu irmán Rafa Villar levan camiño de se converter nos máis musicados dos poetas da Costa da Morte, de quitado do clásico Eduardo Pondal. Nesta bitácora  xa contamos que o grupo Fía na Roca (que vén de anunciar unha pausa na súa longa
traxectoria) no seu penúltimo disco “Vente vindo” (2007) creou un tema chamado “Casa ou sombra”, baseado en versos do poemario do mesmo título de Rafa Villar, editado por Xerais en 1997, cando gañou o premio de poesía Cómaros Verdes de Vilagarcía da Arousa, que levaba o nome do magnífico poemario de Aquilino Iglesia Alvariño.
Desta volta, un artigo de Teresa Cuíñas hoxe no suplemento Luces, sinala como a nova formación Xardín Desordenado lle puxo música a versos de varios poetas galegos, entre os que se atopa tamén outro poeta da Costa da Morte, Serxio Iglesias.
Xardín Desordenado é un grupo que compoñen na actualidade Marlene Rodrigues, voz; Santiago Ferragud, voz e guitarra; Isaac Garabatos, guitarras e teclados; Blas Segura, baixo e David Outumuro, batería e percusións. O disco tamén se chama Xardín Desordenado (Sul Producciones, 2011), título que está tomado dun verso de Daniel Salgado. Cóntame Rafa que no seu caso non se trata dun poema especifíco, pois para a letra do tema «Vaticinio» fixeron un compendio de versos do libro Memoria de Ahab.
Velaquí a relación dos poemas musicados:
«A casa do Ricardo» de Canta de cerca a morte (1993), de Darío Xohán Cabana
«A morada dos vellos amores» de Mohicania (1986), de Manuel Rivas
«A vida ía en serio» de Todo Morte (1998), de Manuel Pereira Valcárcel
«Bares» de Centoonce (2005), de Kiko Neves
«Bico con bufanda» de Os poemas de cómo se rompe todo (2006) de Daniel Salgado
«Café» de Reversos de Ramiro Fonte
«Cidade cemiterio» de Territorio da desaparición (2004), de Miguel Anxo Fernán-Vello
«Estación deshabitada» de O asasino estrábico (1996) de Anxo Quintela
«Nana» de Roseira do teu mencer (1949), de Xosé María Álvarez Blázquez
«O romántico mirón» de Construccións (2008) de Eduardo Estévez
«Os amores antigos» de Vento de sal (2008) de Xosé María Álvarez Cáccamo
«Si o aire quer» de Os Eidos (1990) de Uxío Novoneira
«Os malos sen revólver» de Métodos para afogar un cisne (2002), de Serxio Iglesias
«Sonetonovela», de Acendede as almenaras (2008), de Bernardino Graña
«Ternura» de A luz ressuscitada (1984) de Manuel María
«Vaticinio» de Memoria de Ahab (2007), de Rafa Villar

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “«Vaticinio», versos de Memoria de Ahab de Rafa Villar nun disco de Xardín Desordenado

  1. Pingback: Serxio Iglesias e Rafa Vilar musicados por Xardín Desordenado

Os comentarios están pechados.