Unha semblanza biográfica do editor corcubionés Francisco Porrúa (1922-2014), da man de Francisco Fernández Naval

FranciscoPorrúa
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Laiábase non hai moito o xornalista Santiago Garrido Rial (@santiagogrial) da ausencia de homenaxes en Corcubión a un dos seus fillos máis ilustres, o editor Francisco Porrúa (1922-2014) recentemente desaparecido, como xa lembramos nesta anotación referida aos artigos de semblanza que o escritor Francisco «Chisco» Fernández Naval escribiu na súa bitácora anoitebranca.
«Chisco», autor das mellores e máis sentidas homenaxes a don Paco Porrúa, continúa ese recordatorio e vén de publicarna na revista literaria dixital Letra en obras, que dirixe o xornalista e escritor Ramón Vilar Lavandeira, o artigo «Vento ferido no ano Cortázar», no que inclúe unha semblanza biográfica do editor corcubionés. A totalidade do artigo pódese ler nesta ligazón, porén reproducimos deseguida a devandita semblanza biográfica. Velaí:
Estes últimos meses, un vento frío ou un vento ferido, (por lembrar a Carlos Casares, quen tamén foi celebrado cunha biografía), levouse a parte máis importante da memoria de Cortázar, a parte máis galega, tamén, porque o 8 de novembro falecía en París Aurora Bernárdez, e o día 18 de decembro, en Barcelona, Francisco Porrúa.
A Aurora Bernárdez e a súa orxie galega xa nos referimos aquí, nun artigo do pasado mes. Francisco José Joaquín Jesús Porrúa Fernández naceu en Corcubión, en 1922. Galego sen saudade, segundo a súa propia expresión, con ano e medio marchou á Arxentina. Regresaría a Galicia en 1932, vivindo tres anos de adolescencia en Ferrol, onde o avó exercía de notario, pasando os veráns en Corcubión e algúns períodos máis curtos en Oza dos Ríos. Ao cabo, emigraría de novo, indo a vivir a Comodoro Rivadavia, ata que rematados os estudos secundarios, o pai formula a alternativa de buscar un traballo ou estudar bacharelato en Buenos Aires. A opción elixida é a de continuar os estudos e prepararse para a vida universitaria na capital. En Buenos Aires estuda e traballa en cuestións de imprenta, traducindo e corrixindo artigos para enciclopedias.
Editor, fundador en 1955 da editorial Minotauro que, segundo Luís Seoane, ofrecía nos seus catálogos algúns dos autores máis inmensamente minoritarios do mundo, iníciase coa publicación de Crónicas marcianas de Ray Bradbury, con limiar de Jorge Luis Borges. Logo propoñerá a Cortázar a publicación das Historias de Cronopios y de Famas. Pero o seu traballo de editor compleméntase co que desenvolve, durante máis de vinte anos, na editorial Sudamericana, sendo responsable de boa parte da obra de Cortázar (Las armas SecretasTodos los fuegos el fuego; Los premiosRayuelaBuenos Aires, Buenos Aires62. Modelo para armarLibro de Manuel) ata Octaedro, libro no que xa non intervén. Pero tamén de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez e boa parte dos grandes autores do denominado Boom hispanoamericano.
Cen, así de redondo é o número de cartas que lle escribe Julio Cortázar e que aparecen recollidas nos tres tomos da correspondencia publicada por Aurora. Cen cartas que definen unha relación que transcende a normal entre autor e editor, cen cartas que explican moitas das circunstancias que rodean a obra de Cortázar, pero que tamén son expresión dunha firme e fonda amizade.
Ao pouco tempo de entrar a traballar en Sudamericana, Julio envíalle o orixinal de Las armas secretas. Paco Porrúa ten repetido en moitas entrevistas que nos almacéns da editorial estaban case todos os exemplares de Bestiario sen vender, pero insiste que non hai escritores completamente descoñecidos. Lembra que cando Julio empeza a falarlle de Rayuela, antes de enviar o libro, pregúntase se Sudamericana é a editorial axeitada. Pensaba que Rayuela era unha especie de escándalo literario e que, en Sudamericana, ía caer mal, pero o que se comprobou foi que Sudamericana deixou de ser esa formalidade literaria que era, grazas a que publicou Rayuela. É dicir, que Rayuela, o libro que ía ser inadecuado para Sudamericana, converte a Sudamericana nunha editorial adecuada para Cortázar e para moitos outros, curiosamente.
Paco Porrúa opinaba que ao traballo do editor se lle dá unha importancia como motor da cultura que en realidade non ten. Para el o editor forma parte dunha corrente que se inicia co escritor, continúa co editor, que o único que debe facer é editar ben e finaliza co lector. O editor, afirmaba, só é un catálogo, o seu valor non vén determinado polas calidades intelectuais que teña na casa. Se o catálogo é bo, o editor é bo, se é malo, o editor é malo. Afirmaba isto quen resucitou a Marechal, quen deu a coñecer a García Márquez.
Luís Seoane dedicoulle unha «Figuración», publicada no xornal La Voz de Galicia o 7 de xaneiro de 1973. Nela recoñece a paixón de Porrúa polos grandes escritores aparentemente sen lectores. Julio Cortázar sabía da súa orixe galega, pero considerábao tan arxentino coma el mesmo, coa singularidade de que ningún dos dous nacera na Arxentina.
(Capa da 1ª edición de Rayuela en Sudamericana)
Rayuela

Esta entrada foi publicada en Historia, Memoria Literaria, Narrativa. Garda a ligazón permanente.