No último número, 240 (outubro, novembro e decembro do 2023) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un artigo intitulado «Unha poética pouco coñecida e adoito esquecida», que reseña a publicación da Poesía Completa de Xosé Fernández Ferreiro, en edición literaria de Francisco X. Fernández Naval.
Este número 240 centra os seus contidos monográficos no tema «Ciencia en Galicia nos cen anos do Seminario de Estudos Galegos», baixo a coordinación de Marilar Aleixandre, quen tamén asina o texto introdutorio coa epígrafe «O soño do Seminario de Estudos Galegos. Do pasado ao futuro a través do presente» e ao que seguen os artigos «Culturas de resistencia. Unha arqueoloxía da igualdade en Galicia», de Alfredo González-Ruibal; «Reprogramación celular: pontes entre a ética e as aplicacións clínicas», que asina Eva María Candal Suárez; «O evento de Traspena. O estudo científico do primeiro meteorito recuperado na Galiza», por Manuel Andrade Valinho e «A historia social das mulleres: da escuridade á visibilidade», de Ofelia Rey Castelao.
A seguir na sección «Feminismos» Soledad Torres Guijarro, Carmen García Mateo e Alberto Gago Rodríguez asinan «Desigualdade de xénero no ecosistema de Ciencia e Tecnoloxía».
Na sección «Temas do noso tempo» aparece o artigo «A coeducación como elemento necesario para un cambio social», da recentemente desaparecida Dolores Varela Salgado. E na sección «Documentos» é Henrique Monteagudo quen asina «Unha entrevista sobre o galego e os seus problemas (1928) centrada en Antonio Couceiro Freijomil.
Neste novo número, as páxinas de creación narrativa traen a colaboración de Xabier López López e a crónica da autoría de Brais Suárez González.
As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos «A narrativa galega e as novas diásporas. Claves de lectura e desafíos pendentes», de Dolores Vilavedra, «Merlín e familia dedicado a Francisco Fernández del Riego» da autoría de Xosé Manuel Dasilva e «Fina Casalderrey: para unha poética da sinxeleza» de Montse Pena Presas.
A maiores na sección «Crónica» o texto «Carta de Ámsterdam. Ás voltas polo barrio xudeu», da autoría de Marc Wouters.
Pechan o volume a sección de «Música» co texto «Máis alá da saudade. Ana Kiro e a emigración» que asina David Miranda-Barreiro, a sección de «Historia e memoria» que inclúe un texto de Abel Vigo García intitulado «José Pacheco, mestre de capela da catedral de Mondoñedo. Achega á súa biografía» e por último a sección «Debates» onde Lois Alcayde Dans escribe sobre «A emancipación como cuestionamento do fenómeno moderno. Na beleza, no sinistro e no político».
Velaquí o contido da miña colaboración neste número:
Unha poética pouco coñecida e adoito esquecida
Ribeirana do Sil e A Noite. Poesía completa
Limiar e edición literaria de Francisco X. Fernández Naval
Ourense: Deputación Provincial de Ourense, 2023
No mes de decembro de 2015 finaba na cidade da Coruña o escritor e xornalista Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1929) e desde aquela data na cabeza do seu amigo persoal e tamén escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval non deixou de remoer a idea de recuperar a súa poesía, adoito esquecida por mor da transcendencia que acadou a súa prolífica obra narrativa, nomeadamente a novela Agosto do 36, premio Xerais 1991 e que tamén recibiu o recoñecemento lector con milleiros de exemplares vendidos en sucesivas reimpresións.
Fernández Naval no primeiro parágrafo das catro páxinas do completo e fulcral achegamento á biografía e á obra de Xosé Fernández Ferreiro lembra que a Deputación Provincial de Ourense é a depositaria do seu legado literario e que entre os seus obxectivos está o de recuperar a súa obra esgotada ou descatalogada. Por esta razón recupéranse en senllas edicións facsimilares os seus dous únicos libros de poemas Ribeirana do Sil e A Noite, que se ofrecen xunto co Limiar nun fermoso estoxo cunha fotografía dun moi novo Fernández Ferreiro no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en 1951, cando tiña 22 anos.
Así pois, este estoxo compilatorio xunta toda a súa poesía galega publicada, malia certa pequena imprecisión no subtítulo xa que non é “completa” pois coñecemos algún outros poemas máis dispersos en revistas e xornais que nunca viron a luz en libro.
Ribeirana do Sil é o título do primeiro poemario, foi publicado en 1952 en Ourense, en edición de autor, mesmo con grallas como o apelido “Fernádez” na portada interior. Dos moitos días de conversa íntima entre ambos na cidade coruñesa, Fernández Naval anota como o incipiente poeta lle pedira un prólogo a Vicente Risco, que declinou o convite ao considerar que o libro aínda non estaba maduro para ser publicado.
Este consello risquiano non botou para atrás o ímpeto de Fernández Ferreiro e será outro membro ourensán do grupo Nós, Florentino López Cuevillas, daquela xa académico, quen asina pouco máis de tres pequenas páxinas de Prólogo, centrándose en salientar que a súa poesía nace lonxe de grupos, escolas ou tertulias literarias e bebe das paisaxes do seu Ramuín nativo e da inmensidade do río Sil. Porén, Cuevillas non soubo ver que nestes primeiros versos está o ronsel do hilozoísmo imaxinista de Amado Carballo e outros coetáneos e case nada hai de novidoso. Fernández Naval opina que a lectura do “Noiturno do adolescente morto” de Lorca debeu influír no autor ourensán.
O certo é que Risco non andaba desencamiñado e o libro non ten a forza expresiva poñamos por caso doutro poeta que tamén cantou o Sil moitos anos atrás, Florencio Delgado Gurriarán no seu Bebedeira (1934).
De feito, a única recensión de interese publicouna Rabanal en La Noche (17/10/1952) coa epígrafe “Nebulosas. Musas de Ramuín” e case fala máis do limiar de Cuevillas e de que o recibiu de mans de Antonio Couceiro Freijomil, quen andaba a preparar o seu Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores Gallegos, que do propio libro de poemas, que lle parece cheo de “impericias” ou moi influenciado polo cancioneiro popular, mais no que cre albiscar unha poética prometedora en poemas como o penúltimo, intitulado “A noite”.
Semella que a lectura de Rabanal foi premonitoria pois en 1959, en Madrid, aínda que impreso nas Gráficas Numen de Vigo, segundo afirma Méndez Ferrín, aparece o seu segundo poemario A Noite, con ilustracións de Reimundo Patiño, na colección de poesía do grupo Brais Pinto, do que Fernández Ferreiro tamén facía parte e para o que propuxo o nome dun afiador de Nogueira de Ramuín, que en opinión da crítica en moitos aspectos é un trasunto do propio autor. Unha colección que encetara Bocarribeira, de Otero Pedrayo e Poema do home que quixo vivir, de Bernardino Graña, e que tiña no prelo O que se foi perdendo, de Ramón Lorenzo.
Desta volta, Vicente Risco, como lembra no limiar Fernández Naval, vai dar a súa benzón literaria á nova obra en La Región, mais vai ser outro dos seus compañeiros en Brais Pinto, Ramón Lorenzo Vázquez, quen escribe a recensión máis gabanciosa en La Noche (11/11/1959) afirmando que “nos presenta un mundo personal, íntimo, lleno de subjetividad”, evidenciando ecos de Amado Carballo e máis opacos de Luís Pimentel, ás veces tamén de Lorca, e salientando a achega do seu “ulcismo”, cheo de símbolos e de mitoloxía.
O lirismo do libro non agocha que hai un diálogo narrativo entre un vello e unha nena á que lle relata contos sobre a noite. Porén, malia que Fernández Ferreiro atinxe calidades poéticas dignas de loanza o escritor de Ramuín non volvería a publicar máis poesía en libro envorcándose na narrativa, no xornalismo e no ensaio.
Benvida sexa pois esta edición de rescate na que porfiou o seu amigo Francisco X. Fernández Naval que nos permite nunha fermosa edición recuperar a lectura dunha poética pouco coñecida e adoito esquecida.