Unha nasa furtiva e outra nasa común


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Onte á tarde, no meu regreso á vila de Cee desde a Biblioteca Pública Municipal de Corcubión, na denominada (e para min mal chamada) Praia da Concha batín con este «artefacto» que deseguida chamou a miña atención. En efecto, este bidón de plástico fora reconvertido en nasa, supoño que por algún furtivo, agora que todas as nasas deben levar anotado o seu rexistro nun precinto para seren controladas pola Consellaría do Medio Rural e do Mar.
Supoño tamén que esta peculiar nasa non é un obxecto único e que debe haber máis fondeadas no mar e supoño tamén que han cumprir coa súa función predadora, malia a súa insospeitada forma. Desde logo en toda a miña vida á beira da costa (e xa son anos) nunca vira semellante «artefacto».
Para a miña idea as nasas eran sempre como as que amaña este experimentado naseiro  oucomo a que leva «Xirolo» na fotografía de Manuel Álvarez que acompaña o poema co mesmo título do noso libro Gameleiros (Xerais, 2002). Velaquí o texto e a imaxe:
XIROLO
¿E se a boca da nasa sempre fose un silencio?
¿E se no útero, dentro, non houbese placenta?
¿E se as noites e os días fillasen tempestades?
¿E se nunca amencese nin se vise a ardora?
Meu capitán, o inferno. Meu capitán, o inferno.
(Fotografía de Manuel Álvarez que acompaña o poema «Xirolo» de Gameleiros (Xerais, 2002). Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.