Unha mensaxe especial e grata para Gameleiros

14Monchiño
14. “MONCHIÑO”
Dous corazóns aniñan no peito mariñeiro,
un deles sempre é doce, malia ser augamar
salgada, con raíces no infinito do corpo,
e o segundo de pedra, que leva arterias cordas
e que ancora cada home no seu lugar do mundo.
13SusoPatillas
13. “SUSO PATILLAS”
Resignación de xardas, filosofía estoica,
a impasibilidade daquel Zenón de Citio
nos vestixios do rostro, lentes ollos escuros,
tempus fugit e enrugas no reloxo do tempo
e aínda amar a vida. Non hai contradicción.
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
As persoas que seguen esta bitácora saben que no último 17 de maio, Día das Letras Galegas no celebramos a figura filofranquista de Filgueira Valverde e que a nosa celebración alternativa consistiu en realizar un sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías de Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais.
O sorteo agasallou a dúas persoas: @carapucha (Raquel de Penas, Raquel López Veleiro Compostela) e lois@aguarda.com (Lois Rodríguez Lomba. A Guarda / Madrid).
Para a miña grata sorpresa o segundo exemplar foi para Madrid, mais a persoa que o recibiu era de orixe guardesa e guardeses son todos os gameleiros que retratou Manuel Álvarez. Eu escribín os textos sen coñecer as persoas, através da suxestión das magníficas imaxes de Manuel.
Pois ben, Lois Rodríguez Lomba envioume un aviso de recibo do exemplar que contiña unha mensaxe co valor engadido de que coñeceu persoalmente a algúns dos protagonistas da odisea atlántica do(s) oficio(s) do mar. Coa súa licenza reproduzo as súas palabras:
Ola! Miro. Hoxe chegoume o libro Gameleiros. Teño que dicer que me encheu de ledicia a recepción do mesmo mais a túa dedicatoria. Ollárao na casa dun amigo fai moito tempo, e hoxe puiden velo con máis calma. Fixestes un traballo exquisito, coidado ata o último detalle, penso que é un libro deses que co paso do tempo vai acadando máis e máis valor.
Sorprendéronme primeiro os versos de Manoel Antonio, estaba na Escola Náutica de Vigo no 1979 cando lle adicaron o Día das Letras Galegas, eu tamén pasei moitas noites de guarda vendo para o mar, o ardor brillando na proa con cada pantocazo, ate que desaparece todo.
Se Manuel Álvarez retrata os corpos e as figuras dos mariñeiros, os teus versos retratan a alma deles. Persoalmente a min tráeme recordos de fai moitos anos de algún dos retratados… noites de esmorga con Monchiño, a viaxe máis estraña da miña vida con Patillas a Cabo Verde para arranxar un barco ao pincho, unha mulata crioula (Xia) fermosa coma unha lúa en outobro, María, unha portuguesa que cantaba un fado, só un, no seu bar, que facía calar até os cans, noites de grog, morna e funaná. Se unha vez fun mariñeiro, sei que sempre o serei.
Gustáronme en especial estes versos polo que teñen de verdadeiro para min.
Dous corazóns aniñan no peito do mariñeiro,
un deles sempre é doce, malia ser augamar
salgada, con raices no infinito do corpo,
e o segundo de pedra, que leva arterias cordas
e que ancora cada home no seu lugar do mundo.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.