Unha lectura de Pombal, de Xosé Díaz Jácome


(Cuberta do libro Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista, de Armando Requeixo, XXIV Premio Literario Ánxel Fole 2010)

Tal día coma hoxe, o 19 de abril de 1910, nacía en Mondoñedo o poeta Xosé Díaz Jácome, como ben lembran máis unha vez no sitio Fervenzas Literarias ou as útiles #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope).

Na súa lembranza recupero unha lectura do seu libro de poemas Pombal, que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.

Xa teño reiterado nesta bitácora que nesa altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último tomo a ficha sobre o libro de poemas Pombal, de Xosé Díaz Jácome, é da miña autoría e, como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.

Pombal. XOSÉ DÍAZ JÁCOME

Aínda que a súa opera prima, intitulada Primeiras cantigas de amor (1936), adoita sinalarse como un volume homexéneo e de excelente dominio da poética neotrobadoresca, a súa excesiva dependencia do maxisterio de Álvaro Cunqueiro embaza un pisco o seu mérito. Por esta razón e tamén pola súa brevidade, xa que se trata dun libriño que inclúe tan só oito composicións, consideramos moito máis representativo do oficio poético de Xosé Díaz Jácome o seu segundo título, Pombal. Neste libro, ademais de apareceren máis cantigas de amor, o poeta ensaia con brillantez a cantiga de amigo e engade novas direccións formais e temáticas, con textos que o aproximan ao clasicismo e ao intimismo da poesía galega da posguerra.

A súa primeira e única edición ve lume en 1963 dentro da colección de poesía galega “Salnés”, unha iniciativa da Editorial Galaxia (malia non aparecer o seu nome por ningures) que nesa altura estaba ao coidado de Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego. Nese mesmo ano aparecen nos xornais tres recensións, unha delas asinada pola poeta Pura Vázquez, que saúdan a súa aparición e salientan, sobre todo, o seu pouso medievalizante. Esta é a percepción da súa poesía que aínda continúa na actualidade, como evidencia o feito de que Castro [1993] inclúa na súa antoloxía o poema “Namoro de Betanzos” ou que saliente o poema “Romería a Sant-Iago” como unha cantiga de peregrinaxe. Por outra parte, o propio autor no seu derradeiro libro, unha compilación de textos éditos e inéditos publicada en 1983 co epígrafe Muíño fidel, recupera catro que pertencían a Pombal: “A cantiga do Miño” (agora titulada “A romaxe do Miño” e que Cabanillas consideraba o seu mellor poema), a “Cantiga dos tres namoros” (agora simplemente “Namoros”), “Noiteboa en Mondoñedo” e “Agasallo á Virxen e ó Neno”, que se reproducen con leves cambios ortográficos.

Os trinta e catro poemas de Pombal aparecen divididos en cinco partes, nunha disposición perfectamente deseñada para agrupar os textos segundo as súas características estéticas ou temáticas. Así, na primeira, intitulada “Muiñeira de sonos”, inclúe cinco cantigas que segundo López [1997] amosan como nesa altura xa se perdera a influencia directa do trobadorismo, quedando reducida a poética neotrobadoresca a pouco máis que un esquema formal, concretado nunha estructura estrófica: o dístico con refrán. Nese senso, habería que falar de neotrobadorismo en segundo grao, dado que os poemas non parten da poesía galego-portuguesa senón da lectura de Bouza-Brey e Cunqueiro. A pegada deste último –amigo persoal de Díaz Jácome, tamén mindoniense e nesa época compartindo proxecto xornalístico no Faro de Vigo– que era moi visible no seu primeiro libro, aínda permanece en varios textos. De feito, dedícalle a “Cantiga nova pra louvar a un poeta nas murallas de Lugo”, ademais de introducir nun dos versos como xogo intertextual o título Cantiga nova que se chama riveira.

A segunda parte, “Elexías e soedás”, está formada por unha serie de oito poemas nos que homenaxea a escritores galegos. Os seus epígrafes son abondo esclarecedores: “A Castelao”, “A Manuel Antonio, poeta do mar”, “A Aquilino Iglesia Alvariño”, “Curros Enríquez”, “A Lamas Carvajal, no seu centenario”, “A Luís Pimentel, en Mondoñedo”, “A Rosalía i a Murguía” e o epicedio “Pranto por Cabanillas”. Esta maneira de poetizar vai ser continuada en Muíño fidel con novos poemas a Curros, Rosalía, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, Xosé Ramón Santeiro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e García Lorca. Se o texto que lembra a Castelao puider facernos pensar no socialrealismo pola data na que foi escrito, o seu contido afástanos desa dirección pois se alude a que “morreu de saudade”, é cualificado como “sempre amigo de todos” e invócase a Deus para que permita que un anxo lle leve “froliñas de toxo”. O maior interese destes poemas está nas paráfrases e xogos intertextuais cos autores, con referencias explícitas a Cómaros verdes ou Sombra do aire na herba ou a reproducción do coñecido verso pimenteliano “Ela chorou por todos e para sempre” e de fragmentos de Curros e de Lamas Carvajal, por citarmos os máis representativos.

“A cantiga dos pobos” é o encabezamento da terceira parte, na que se inclúen once poemas que cantan a vilas, cidades e romaxes: Salvaterra do Miño, A Estrada, Santiago, a Virxe da Franqueira, Betanzos, A Coruña, Lugo no san Froilán, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro ou o Cristo de Vigo. Neles salientan aspectos como a presencia de microtoponimia; as referencias a Rosalía, Manuel Antonio, Valle Inclán, Macías e a Pardo Bazán do poema coruñés ou a alusión as ondas do mar de Vigo de Martín Códax.

En “Gozos do Nadal” recóllense cinco textos que teñen en común o feito de seren cancións de nadal e de reis. Non está de máis lembrar que os coengos da catedral do seu Mondoñedo natal tiñan desde o século XVIII unha extraordinaria tradición na composición de panxoliñas e cantares deste tipo.

Os cinco últimos poemas aparecen agrupados baixo o epígrafe “Ausencia humán” e derivan cara a unha poesía máis sentimental e na que se perciben trazos animistas ou hilozoístas. Así temos “O pan”, único texto de denuncia, no que se fai unha crítica das rendas que os labregos deben pagar ao “señor amo” da cidade mentres eles pasan fame; “As vacas”, que son cualificadas de “melancónicas” e “Os peixes”, que por estaren mortos lle causan tristura; o epicedio* “Todo me doi”, escrito no pasamento da súa nai e, finalmente, “Bondá”, unha invocación a Deus.

No que atinxe a aspectos formais hai un evidente predominio de procedementos da poesía cancioneiril, tanto da tradición culta medieval como da popular. Ora ben, esta presencia redúcese a unha maior elaboración do refrán que consiste, xeralmente, na súa modulación interestrófica a través de formas paralelísticas. Ademais, a maioría dos refráns son exclamativos, adoito introducidos pola interxección “Ai…!”, poden alternar dentro dun mesmo poema ou estaren compostos de dous versos. Pola contra, é notoria a ausencia case total de pegadas concretas de trobadores ou cantigas medievais, bardantes do citado Martín Códax, que procede certamente da reelaboración cunquiriana.

Esta tendencia medievalizante e neopopularista ensánchase coa preferencia por metros máis longos e unha maior tendencia á discursividade, sobre todo nas elexías. Esta aparición de versos de arte maior, nomeadamente hendecasílabos e alexandrinos, ás máis das veces brancos ou en pareados, liga unha parte deste libro de Díaz Jácome co clasicismo de posguerra, co que tamén coincide na presencia de Deus como referente. Nos modelos estróficos, ademais dos dísticos con refrán, as triadas e as coplas neotrobadorescas, xunto a cuartetos, cuartetas asonantadas ou tiranas e tercetos, sobrancean as series de versos brancos antes citadas.

Moito máis pobre é o seu repertorio estilístico, malia ser feraz en recursos repetitivos propios das cantigas. A súa linguaxe poética aposta pola sinxeleza e a escasa artificiosidade. Nese senso, chama a atención que as imaxes máis ousadas aparezan no poema dedicado a Manuel Antonio, formando parte dunha estratexia presente nesta serie segundo a cal non só se honra o poeta senón tamén a súa poética.

BIBLIOGRAFÍA
Cfr. MF
Castro, P., Antoloxía da poesía neotrobadoresca, Vigo, Galaxia, 1993.
López, T., O neotrobadorismo, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 1997.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta