Unha lectura de Lonxe no centenario de Lorenzo Varela

Lonxe-LorenzoVarela
LorenzoVarela
Ao meu entender está a pasar bastante desapercibido o centenario do nacemento do poeta Lorenzo Varela, nado na Habana o 10 de agosto de 1916 e finado en Madrid o 25 de novembro de 1978. Na súa lembranza recupero unha lectura do seu poemario máis sobranceiro, intitulado Lonxe (Bos Aires: Edicións Botella al mar, 1954) que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (xa rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.
Naquela altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre Lonxe é da miña autoría e inclúe unha compilación de como acolleu o libro a crítica contemporánea e a súa recepción. Por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor do texto de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.
Lonxe, LORENZO VARELA
Lorenzo Varela é un poeta de obra moi breve. Publicou o seu primeiro libro en galego en 1944, intitulado Catro poemas para catro grabados, un volume moi coidado, con ilustracións de Luís Seoane, no que incide nos nosos mitos con elementos históricos e lendarios. Terá que transcorrer toda unha década para se confirmar como o primeiro gran poeta da posguerra no exilio, cando o 25 de xuño de 1954 sae do prelo Lonxe, publicado por Ediciones Botella al Mar, unha empresa editorial de Bos Aires, creada e dirixida por Seoane e Cuadrado, cos que Varela contactara en 1941 no círculo de exiliados galegos. De feito, neste fermoso libro, baixo a dirección gráfica do propio Seoane e de Manuel López, conflúen as mans destes tres grandes artistas do desterro, pois os versos de Lorenzo Varela veñen acompañados polos gravados en madeira de Seoane e por unha presentación en prosa poética de Arturo Cuadrado. Na primeira páxina aparece a seguinte dedicatoria “A Maruxa e Luís Seoane, fiestras: si se olla pra fora, o mundo, si pra dentro, Galiza”. Desta primeira edición fixéronse catrocentos exemplares, unha tirada cativa que reflicte o problema de audiencia que ten o escritor galego no exilio. En calquera caso, como lembra Alonso Montero (1994), naquela época era totalmente imposible publicar en Santiago, Madrid, Bilbao ou Barcelona, un volume con poemas como o titulado “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asesiñados” ou aquel no que se chora a morte do guerrilleiro Manuel Ponte. Aínda no exilio bonaerense, anos antes, o Seoane director ou asesor das edicións do Centro Galego constata que nesa institución non é publicable, pois a súa dirección dificilmente admitiría libros que fosen un pouco máis alá có Libro dos amigos de Otero Pedrayo.
A obra de Lorenzo Varela unicamente se verá recuperada de maneira póstuma. Lonxe non se reedita ata 1979, dentro dun volume que recolle a súa obra lírica e que se chama Poesía, de Ediciós do Castro, con breve limiar de Rafael Dieste, e que contén ademais os libros Catro poemas para catro grabados, Torres de amor e Homenaje a Picasso, estes dous últimos en castelán. Na derradeira páxina do volume indícase que se fixo unha tirada de dous mil exemplares ao coidado de Carmen e Rafael Dieste. A edición máis recente está incluída en Poesía galega, edición de X. Carlos López Bernárdez (Xerais, 1990), que reune tódolos poemas en galego do autor, divididos en tres apartados, engadindo textos de interese dispersos por varias publicacións.
No momento da súa publicación será novamente Luís Seoane quen escriba unha recensión na revista Galicia Emigrante, no nº4, de setembro de 1954. O poemario foi glosado en novembro por Fernández del Riego na súa habitual colaboración en La Noche e por Domingo García-Sabell tamén en Galicia Emigrante, nº7, de decembro do mesmo ano. Finalmente, a escritora brasileira Lidia Besouchet louva o libro nun diario de Rio de Janeiro e a recensión é reproducida outra vez na revista dirixida por Seoane, no nº31 de outubro-novembro de 1957. Así pois, na época o seu eco foi escaso, agás no reducido círculo intelectual do exilio. Con todo, os poemas “Lonxe”, “O galo”, “Os bois” e “Lugo” deste libro e outros catro figuran na Escolma de Poesía Galega (1955) de Fernández del Riego. Sobre este aspecto, sinala Méndez Ferrín (1984) que a obra poética galega de Lorenzo Varela é de indubidable interese, aínda que o limitado das tiradas e a ínfima difusión dos seus libros no interior de Galicia foron feitos que actuaron negativamente no coñecemento e na influencia da mesma. De feito, Alonso Montero (1981) engade que a finais de 1978 os libros do poeta eran en Galicia pezas de bibliófilo.
Lonxe recolle unicamente dez poemas, que son o groso da súa producción poética galega, incluíndo textos dos que xa adiantara algunha mostra na revista Galicia Emigrante. O libro enmárcase de cheo na corrente socialrealista e supón a recuperación da temática civil que ficara interrompida desde Ramón Cabanillas. Na introdución a este libro de poemas Arturo Cuadrado di que a poesía de Varela é como un himno ou un volcán, cunha consistencia que arrinca moitas veces da lectura simbólica que traspasa o exercicio poético para facer poesía cívica, social ou patriótica. Para Ferrín, frecuenta con asiduidade a temática de historia nacional e revolucionaria con varios poemas ás guerrillas galegas dos anos corenta, referencias á revolución irmandiña ou a celebración do pobo galego traballador fronte aos seus opresores. A súa poesía política mostra un pasado armado e revoltado que fica como exemplo mítico, gardando distancia respecto da de Celso Emilio Ferreiro, máis centrado na protesta polo presente franquista. Lorenzo Varela é un poeta histórico-lexendario, como Seoane e, no aspecto temático, hai unha evidente conexión co Fardel de exiliado, aínda que Varela é un poeta de maiores rexistros estilísticos que Seoane, máis escaso en recursos poéticos.
En Lonxe maniféstanse dúas liñas temáticas fundamentais e complementarias. Unha primeira que é continuación da compoñente mitificadora do seu primeiro libro, só que agora os heroes que aparecen están moito máis próximos no tempo, pertencen a un pasado recente, son os guerrilleiros galegos dos anos corenta. Lorenzo Varela presenta a épica da loita antifascista e canta, mitificando a morte nunha acción armada, en 1947, do guerrilleiro Manuel Ponte, xefe da IV Agrupación de Guerrilleiros de Galicia, que adquirira sona meses antes por lle enviar unha carta ao embaixador inglés denunciando a represión franquista e o beneplácito dos gobernos europeos. Tamén idealiza con afecto e admiración os mortos que axudaron á guerrilla como Manuela Sánchez, muller dunha aldea de Cesures que morreu por defender a unha partida de guerrilleiros. Outras veces atopamos a pegada da Guerra Civil, tan intensamente vivida polo escritor como na elexía que lle dedica aos “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados”, debuxando unha xeración movida pola utopía e pola esperanza. O eu poético soña desde a agonía do desterro co día en que a liberdade e a prosperidade volvan á terra. Por iso, este libro non era publicable naquelas datas nesta beira do oceáno. Tampouco escapa á temática mítica de signo celtista, presente na nosa literatura desde Pondal, no XIX, onde o mito emerxe do pasado histórico-lendario, coma no poema “Dolmen”, onde a mámoa une o pasado co presente, simbolizando a intemporalidade e permanencia da identidade, o esencial do ser nacional galego.
A segunda liña temática xira ao redor da palabra “Lonxe” que dá título ao libro, con textos nos que fala do exilio, da nostalxia, da ausencia da Terra, que tamén están presentes en moitos dos escritores do exilio. De feito, como o fixeran Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane, Lorenzo Varela introduce o tema da emigración nos poemas “Lonxe” e “Emigrante”. O primeiro, onde fai unha recreación onírica da paisaxe, ten semellanzas de tema, que non de estilo, con “Moi lonxe”, poema de O soño sulagado, de Celso Emilio. Nas tres partes do “Lonxe” de Varela o desarraigo está vivo desde os versos iniciais, que presentan unha idealización da paisaxe perdida, lembrando a tradición bucólica-pastoril. A composición, construída a base de interrogantes, gaña intensidade ao referirse á morte como única posibilidade de rencontro coa Terra. O segundo poema salientado presenta un emigrante cheo de saudade, pero tamén con pleno coñecemento da súa explotación como traballador, a través dunha imaxe surrealista que agacha a ansia de abandonar un mundo monetarista por outro máis xusto.
Nos outros catro poemas recupera a patria da súa nenez e da súa mocidade. Lidia Besouchet (1957) di que a temática deste libro discorre sobra a dozura que fica atrás, na Galicia perdida, naquela especie de paraíso pechado pola imposición do Tempo. A nostalxia adubíase dunha certa idealización que só a distancia pode outorgar. Así, recrea elementos folclóricos que reforzan a nostalxia como unha leda romería, o canto do galo e os bois que fenden os regos. Para Maceira (1995), no poema “Os bois” incídese na épica popular e na simboloxía patriótica galega, pois a xunta de bois é trasunto da propia colectividade galega que tira para diante. O texto remata en esperanza coutada, fatalismo e incertidume. Finalmente, en “Lugo”, derradeiro poema do libro, hai unha confesión íntima, no intento nostálxico e freudiano de recuperar o paraíso perdido, os lugares ou as sensacións sublimadas a través do tempo. Estamos case no panteísmo total entre o home e a terra, simbiose rota no presente pola imperiosidade do exilio.
Nestes textos, segundo recolle Bernárdez (1990), habería coincidencias temáticas con textos de Rafael Alberti, de Miguel Hernández ou de César Vallejo, e co neopopularismo da xeración do 27 española, dun Lorca e dun Alberti, especialmente en “Romaría” con ritmo de muiñeira e léxico popular, ou nos refráns, constantes anáforas e repeticións de “Lugo”, onde tamén usa grande liberdade. En definitiva, unha poética de compromiso e saudade, unha poesía marcadamente civil, con elementos líricos intimistas e unha elaborada construcción formal, no dicir de Alonso Montero (1981). Poesía política, como a definiu, e así a quería, Luís Seoane.
No aspecto formal, como indican Bernárdez, Ferrín e Maceira, Lorenzo Varela posúe unha poética de seu, que amalgama a musicalidade, a liberdade de construcción e o rigor da coerencia interna en cada poema, practicando adoito unha sorte de verso libre no que se introducen rimas interiores, constantes aliteracións e ritmos moi deliberados de intención popularista. Este hábil manexo do ritmo, que favorece o xogo musical, caracterízase pola presencia constante do paralelismo ou da repetición, chegando, en poemas como “Dolmen”, a reiterar a primeira estrofa ao final, recurso que reforza a coherencia e a unidade do poema. Algo semellante ocorre en “Manuela Sánchez”, unha composición pechada que comeza e remata cunha estrofa sintética onde se recollen as louvanzas diseminadas no interior, nunha perfecta disseminatio-recolectio*, e cunha innovadora construción paralelística. Tamén “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados” se inicia e se fecha nun movemento circular. No poema intitulado “O galo”, publicado con anterioridade en Galicia Emigrante, fai uso dun paralelismo que lembra ao leixa-pren. Na “Romaria”, os ritmos populares e a ledicia da incitación ao baile, que queren aledar o corazón entristecido, preséntanse engarzados por unha coñecida sentencia popular, a modo de refrán medieval. A disposición da rima e dos acentos é equilibrada, adecuando a forma ao contido. Ademais destaca a reiteración da idea do baile e a proliferación de palatais, fricativas e vibrantes que, nunha análise fonosimbólica, estarían próximas da melodía musical.
Entre as figuras de pensamento da poesía de Varela salientan os apóstrofes e as interrogacións retóricas, as prosopoeas, as antíteses e os símiles. Así, existen certas referencias oníricas de filiación surrealista en poemas como “Lonxe” ou “O galo”, no dicir de Katleen N. March (1984). Igualmente, nas personificacións do texto “Romaría” hai influencia do imaxinismo, que debe ter moito que ver coa obra poética de Aquilino Iglesia Alvariño.
O galego de Lorenzo Varela é un idioma culto e ao mesmo tempo de gusto popular, condicionado por algúns fenomenos propios da escrita do seu tempo como os pseudogaleguismos, exceso diferencialista que aparece en número escaso se se compara con outros escritores do exilio. Tamén incorre nalgúns castelanismos, vulgarismos e dialectalismos.
BIBLIOGRAFÍA
Alonso Montero, X., Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados, Sada, Ediciós do Castro, 1981.
____________________, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Vigo, Xerais, 1994.
Besouchet, L., “Longe-Lonxe” en Galicia Emigrante, nº31, Bos Aires, 1957.
López Bernárdez, X.C., “Introducción” a Varela, L., Poesía Galega, Vigo, Xerais, col. “Biblioteca das Letras Galegas”, 1990.
Lorenzana, S., “A poesía galega de Lorenzo Varela”, Faro de Vigo, 3/XII/1978.
Maceira Fernández, X.M., A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural, Vigo, Edicións do Cumio, col. Critério. Estudios de Literatura, 1995.
March, K.N., “Varela, Lorenzo”, GEG, tomo 29, Xixón, Silverio Cañada editor,1984.
Méndez Ferrín, X.L., De Pondal a Novoneyra, Vigo, Xerais, 1984.
Salgado, F., Lorenzo Varela: crónica dunha vida atormentada, Sada, Ediciós do Castro, 1995.
Seoane, L., “Sobre Lonxe de Lorenzo Varela”, en Galicia Emigrante, nº4, Bos Aires, 1954.
Vázquez Cuesta, P., “Literatura gallega” en Díez Borque, J.M., Historia de las literaturas hispánicas no castellanas, Madrid, Taurus, 1980.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.