Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán

Tal día coma hoxe, o 14 de maio de 1987 finaba en Fair Oaks (California) o escritor Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903, como ben lembran máis unha vez no sitio Fervenzas Literarias ou as útiles #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez  (@xcarlosrope).

Delgado Gurriarán é un autor que adoita ser reivindicado para homenaxear nas Letras Galegas, como fai o proxecto «As letras de Florencio. 2019, cen anos sen ti». A súa obra poética sempre me interesou e teño dedicado á súa análise varios traballos, algún deles académico. Hoxe, na súa lembranza recupero unha lectura do seu libro de poemas Galicia infinda, que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.

Xa teño reiterado nesta bitácora que nesa altura traballei nas fichas dos volumes  II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último tomo a ficha sobre o libro de poemas Galicia infinda, de Delgado Gurriarán, é da miña autoría e, como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo persoa redactora da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.

Galicia infinda. FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

A obra poética de Florencio Delgado Gurriarán caracterízase por ser pouco extensa e abondo reiterativa, pois moitos dos textos aparecen formando parte de volumes diferentes. Dos catro títulos que herdamos, Galicia infinda é a súa obra máis interesante, tanto polo feito de xuntar nela unha boa parte da súa poesía de posguerra como porque nos seus versos achamos todas as tendencias formais e estéticas empregadas polo autor. O libro ve lume a finais de 1963 e fai o nº 12 de “Salnés”, a colección de poesía galega da Editorial Galaxia que daquela era responsabilidade de Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego. E, neste senso, cómpre salientar o labor dos editores, pois non se debe esquecer que nese momento Delgado Gurriarán era aínda un escritor exiliado en México por mor do seu compromiso antifranquista e viña de cofundar Vieiros, unha das revistas que mellor representou a contestación galeguista e progresista contra o réxime.

En Galicia, a obra poética de Delgado Gurriarán a penas tivo eco, nin naquela altura nin co transcorrer dos anos. De feito, a crítica tan só o cita como un dos continuadores da escola de Amado Carballo, nomeadamente polo seu libro Bebedeira, aparecido en 1934. Unicamente Carballo Calero se detén a enxuizar a súa obra, dedicándolle tres amplos parágrafos a Galicia infinda. Neles destaca que non posúe a unidade e a coherencia daqueloutro título de preguerra, ao conviviren direccións heteroxéneas que van do animismo ata a novidosa achega dos seus poemas mexicanos, pasando por poemas que recrean vellos motivos neorrománticos, axustados na forma á maneira de Ramón Cabanillas.

En efecto, o libro presenta 43 poemas de moi diversa factura. Os tres primeiros (“Galicia infinda”, “Nomes” e “Resposta a Rosalía”) aparecen soltos, mentres que os outros corenta se agrupan baixo cinco epígrafes globalizadores: “Cantarenas”, “Valdeorras”, “Castiñeiros”, “Varia” e “Poemas mexicanos”. Nove destes últimos foron publicados previamente por Marcial Fernández para acompañar o seu artigo “A Poesía de Florencio Manuel Delgado Gurriarán” no primeiro número de Vieiros (1959). Posteriormente, o propio escritor recuperará vinte poemas deste libro na compilación Cantarenas. Poemas 1934-1980, que foi publicada no ano 1981 en Ediciós do Castro, por iniciativa do Instituto de Estudios Valdeorreses do que o autor foi membro de mérito. Desta volta, os vinte poemas reeditados aparecen con outra distribución, a maioría inseridos nunha serie intitulada “Valdeorresas (Cantarenas do val)”, agás tres composicións referidas ao viño que se inclúen noutro grupo denominado “Dionisias (Cantarenas do viño)”.

Galicia infinda ábrese co poema que dá título ao conxunto, un canto épico da emigración no que alude a Buenos Aires, New York, China, Hong-Kong, o Amazonas, o Sena ou as Antillas para sinalar que Galicia só limita coa saudade e que ‘O Gulf Stream é o noso río meirande’, porque todo o mundo é terra galega. De feito, o poema “Nomes” continúa na mesma liña, pois presenta dúas partes: a primeira con sonoros topónimos americanos (‘nomes da tarasca terra’) e a segunda con microtoponimia da comarca valdeorresa. O prefacio poético complétase coa “Resposta a Rosalía”, escrito para conmemorar o centenario da publicación dos Cantares Gallegos e, polo tanto, datable en 1963, no mesmo ano que Delgado Gurriarán ve editado o seu poemario.

Once son os poemas que integran a serie “Cantarenas” deste libro, con contidos que abalan entre o canto xeórxico e a poetización do traballo labrego e das tradicións, na liña marcada polo neopopularismo de preguerra. Porén, tamén hai textos referidos a sucesos máis concretos que falan dunha moza coñecida ou dun enterro, homenaxean a un grupo de gaiteiros da súa terra e evocan os viños godello ou mencía, pois Delgado Gurriarán é o noso poeta báquico e dionisíaco por excelencia. Polo demais, un forte saudosismo paira sobre os poemas, desde os “Laios de vello” que amosan nostalxia dos bailes tradicionais fronte aos afroamericanos ata a invocación coa que remata este apartado, “Prego final á Santa Marta, abegosa dos ouvidos”, onde se solicita a súa mediación para poder regresar a Galicia.

Os catro poemas da serie “Valdeorras” reiteran algúns dos temas sinalados, inclusive no ben elaborado “Saúdo a Otero Pedrayo” que inclúe unha magnífica e colorista descrición paixasista. A novidade temática que aparece nos catro textos incluídos baixo o epígrafe xeral de “Castiñeiros” é o feito de seren versos dedicados na súa totalidade a glosar esta árbore, nalgún caso con trazos animistas como ocorre no primeiro: “O souto morto”, no que a peste se identifica coa Santa Compaña.

Máis pluralidade, como é obvio, presentan os sete poemas da serie “Varia”. Así, fálase novamente das tradicións, do viño ou da emigración, que agora xa non é épica senón dramática, xa que os versos reflicten a súa penuria (no texto “A galega en París”). Este grupo complétase con dous interesantes textos: “Pintura de feira” e “Alvariño”. O primeiro parte dunha cita de Valle-Inclán para facer un longo cadro sobre un cantar de cego que representa a historia ‘O crime da Penela’, e o segundo aproveita o evidente xogo entre a denominación dun magnífico viño e o derradeiro apelido de Aquilino Iglesia Alvariño para homenaxear o autor de Nenias, que é cualificado de poeta saudoso e velaíño, e tamén a Rosalía (A Ruliña do Sar), Noriega Varela (das chorimas sorridentes), Pondal (de nobre canto), Curros Enríquez (frecheiro de triadas), Daniel Castelao (Moisés, guieiro noso / que no acadóu a Terra prometida), Amado Carballo (sinfonista de paisaxes), Manuel Antonio (riscador de meridianos) e Luís Pimentel (de lúas e de espellos).

Con todo, o maior interese do volume está nos catorce “Poemas mexicanos” que lle poñen remate e que se caracterizan por seren textos paisaxistas nos que, como sinala CC, se mesturan a técnica popularizada por Amado Carballo e unha dirección similar da poesía nacional mexicana. Polo demais, os sons e a música americana, a contemplación gozosa do colorido das novas rexións converxen cunha saudade ‘da verde Terra arelada’ que se acentúa. É nestes textos onde anotamos maiores referencias clásicas, desde os ‘milleiros de Melibeas’ de “Xarabe tapatío” ata a identificación da voz poética cun novo Odiseo e da súa compañeira cunha Penélope crioula no poema final, intitulado “O viaxeiro”. De por parte, neste grupo achamos os poemas de maior sensualidade, como “Rumba” que describe o erotismo do baile dunha ‘preta’, ou as alusións a Xúpiter, o Sputnik ou a cadela Laika para xustificar o carpe diem* do poema “Manzanillo (colima)”.

Formalmente, no libro predomina a rima asonantada de octosílabos ou heptasílabos, en triadas, cuartetas tiranas e cuartetos, sextinas, sextetos ou romances (algún romancillo), pero tamén hai exemplos de pentasílabos, hexasílabos ou decasílabos, así como textos que alternan heptasílabos e hendecasílabos, aínda que con apreciables erros métricos. Mención á parte merece a existencia de catro sonetos hendecasílabos, os romances de arte maior “A galega en París” e “Pintura de feira”, os alexandrinos monorrimos de “Os gaiteiros de Montgomery” ou os hendecasílabos brancos de “Saúdo a Otero Pedrayo” e de “Alvariño”, neste último caso con algún heptasílabo a romper a regularidade e cun pareado que se repite a modo de estribillo para abrir e pechar o poema. Ademais, en “Xarabe tapatío” os pareados octosilábicos únense cun trazo para formaren versos hexadecasílabos. A única excepción dentro da querencia polo metro é “Rumba”, un texto polimétrico e branco.

A pegada neopopularista tamén é evidente no emprego de recursos repetitivos, estribillos e refráns, paralelismos e estructuras bimembres, aliteracións, anáforas ou figuras etimolóxicas. O imaxinario poético bebe do hilozoísmo ou imaxinismo de Amado Carballo, aínda que con moita intuición estética e con maior acento xeórxico.

A lingua convértese nun dos riscos máis salientables na poesía de Delgado Gurriarán, pois ás características propias da época une a notable presencia de formas dialectais e, sobre todo, unha fervenza de americanismos. De feito, CC afirma que algúns destes poemas son case bilingües por estaren escritos nunha especie de crioulo galego-mexicano, dada a considerable aparición de voces nahuatles. Tamén chama a atención, por ser aínda inusual na altura, o uso de estranxeirismos como slalom ou o enxeñoso e divertido xogo poético do poema intitulado “A galega en París”, no que se introducen numerosos galicismos, coa particularidade de estaren escritos tal e como serían ditos por calquera emigrante galego. Algo semellante acontece en “Paricutin” no que se introducen bastantes palabras do inglés americano na maneira que as pronuncian os mexicanos, de modo que se intensifica o realismo do seu contido.

BIBLIOGRAFÍA
Cfr. CC, MF
Fernández, M., “A Poesía de Florencio Manuel Delgado Gurriarán”, Vieiros 1, México, 1959.
Gayoso Díaz, “Limiar” en Delgado Gurriarán, F. M., Cantarenas. Poemas 1934-1980, Sada, Ediciós do Castro, 1981.
Gurriarán, R., Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, Sada, Do Castro, 1999.
Maceira Fernández, X.M., A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural, Vigo, Edicións do Cumio, col. Critério. Estudios de Literatura, 1995.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán

  1. Pingback: Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos | A profa

Deixa unha resposta