Unha lectura de Estebo, de Xosé Lesta Meis


As ben útiles #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope) tamén lembran que tal día coma hoxe 16 de marzo de 1887 nace en Eirís de Arriba (Oza, A Coruña), Xosé Francisco Lesta Meis, finado o 22 de decembro de 1930, escritor e xornalista galego.
Na súa lembranza recupero unha lectura da súa novela Estebo, que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.
Xa teño explicado nesta bitácora que nesa altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre a novela Estebo, de Xosé Lesta Meis, é da miña autoría e, como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.
Estebo, XOSÉ LESTA MEIS
A achega literaria máis importante de Xosé Lesta Meis é a novela longa Estebo, publicada por vez primeira na Coruña, en 1927, pola Biblioteca de Novelas Lar, que tamén editou, un ano antes e por iniciativa de Leandro Carré Alvarellos, a súa novela curta Manecho o da rúa. Lesta Meis abre a primeira edición da nova novela cunha “Lembranza” para os renovadores da literatura galega citando case vinte escritores, entre eles Murguía, Rosalía, Curros, Pondal, López Ferreiro ou Lamas Carvajal. Tamén inclúe unha dedicatoria “Ó meu ilustre amigo, don Manuel Casás Fernández, alcalde da cibdá”, home que pertenceu á RAG, que Benito Varela Jácome fai desaparecer cando recupera e prepara unha nova edición de Estebo (Xerais, 1981), na que incorpora un amplo estudio da súa autoría intitulado “O testemuño da novela de Lesta Meis”.
Trátase dunha novela documento que nos permite coñecer unha visión da emigración galega a Cuba no primeiro cuarto de século. Esta temática é levada por vez primeira con este texto ao relato novelesco como farían, con posterioridade, Silvio Santiago en Vilardevós, Xosé Neira Vilas en varias das súas obras ou, máis recentemente, Bieito Iglesias en Vento de seda, aínda que no seu tempo estaba presente na poesía de Rosalía de Castro e, nomeadamente, na de Curros Enríquez. De feito, a novela foi ben acollida polo público e pola crítica, as publicacións periódicas da época louvan o texto que saudan como un dos primeiros traballos de compromiso na nosa literatura, nun desmedido interese que hoxe habería que relativizar.
A interpretación literaria que Lesta Meis fai da emigración está baseada en experiencias sentidas moitas delas en carne propia, polo que se podería falar de narración autobiográfica na que a estética literaria obedece a un compoñente emocional. O propio autor, despois de traballar nos labores agrícolas durante toda a súa infancia, decidiu emigrar a Cuba aínda mozo, engaiolado por facer fortuna. Na Habana aprendeu a ler e a escribir dunha maneira totalmente autodidacta, ao tempo que traballaba nos inxenios das plantacións de azucre, onde foi recollendo vivencias e unha teorización propia sobre a emigración galega en América que se transparentan na súa obra. Pódese afirmar que se trata dunha prosa con obxectivos realistas e algo daquilo que fixo que os críticos coetáneos chamasen a Balzac o “grande demógrafo” tamén se dá en Lesta Meis.
Algunhas das súas características xa foran adiantadas na novela curta Manecho o da rúa, como o retrato sociolóxico dos costumes e hábitos da xente máis próxima ou as coincidencias dos referentes espaciais na aldea de Eirís, na Habana ou nunha plantación cubana. Ambas e dúas presentan o problema social da emigración ao fondo. Manecho o da rúa vén ser como un bosquexo de Estebo, malia seren moi distintos os seus protagonistas e, sobre todo, o final das súas respectivas traxectorias vitais. No primeiro hai un desenlace dramático, mentres que no segundo é idílico e feliz, despois de que Estebo decidise volver pola súa conta, defraudado polas condicións de traballo e de miseria que a maioría dos galegos vivían en Cuba. As súas experiencias desagradables empezan no barco que o transporta como viaxeiro de terceira clase, continúan na Habana, en Triscornia e na fábrica de azucre. Coa volta do emigrante e co retorno á vida da aldea restitúese o equilibrio.
A novela Estebo emprega procedementos narrativos tradicionais próximos ao costumismo*, reflectindo nos dezaseis capítulos a vida diaria da aldea natal e da emigración a Cuba. Despois de describirnos con minuciosidade o lugar, os primeiros catro capítulos céntranse nas peripecias da familia do protagonista xa que Estebo non se converte en axente do relato ata ese momento e de maneira tanxencial. Ha ser no capítulo IX, ao embarcar no vapor, cando adquire relevancia no relato aínda que con frecuentes elipses. Son moitos os personaxes secundarios que lle tiran protagonismo, e da maioría só se nos fala por viviren na súa aldea. Lesta Meis manexa con notorias deficiencias técnicas a estructura de carácter diseminativo.
O desenvolvemento da acción é continuamente retardada polo material etnográfico, documental e didáctico, facendo oscilar o carácter do texto entre a novela ou o cadro de costumes. Así, sabemos da estructura familiar, dos tipos de vivenda, dos labores, da xerarquización do mundo rural galego e de moitas outras cousas. Como sinalou Carballo Calero, un falso concepto do realismo, ou xa do naturalismo, leva en ocasións a Lesta Meis a esaxerar a descrición, como ocorre na pormenorización da zafra. Aínda que descricións semellantes abundan en novelas cubanas e portorriqueñas, segundo apunta Varela Jácome.
En paralelo á caracterización topográfica, socioeconómica e sociolóxica, discorre a viaxe de ida e volta de Estebo, un nó argumental que se enfía coa existencia dunha relación amorosa que se anuncia no sétimo capítulo e que vai ser crebada pola emigración. As liñas da historia sentimental pérdense moitas veces, aparecendo de maneira subsidiaria noutras, ata o desenlace feliz no final do texto, onde se descobre como motor actancial da diéxese. Un elemento importante, que incide na rotura da unidade de acción, é o cruzamento de cartas entre Estebo e Mari-Pepa, iniciado no capítulo XII, que ademais serve como pretexto para alimentar outra historia de amor entre as persoas que llelas escriben, don Vicente e dona Adela.
Finalmente, cómpre subliñar tamén a semiotización da linguaxe en función dunha interpretación xeoantropolóxica, que denota unha escolla variada segundo o rexistro e a narración do momento, á marxe dalgúns hiperenxebrismos e castelanismos. O léxico é o que estaba en uso nos arredores da Coruña, con abundancia de moitos termos concretos, coñecidos desde neno polo escritor, feito que contribúe a darlle unha maior impresión de verismo á novela.
BIBLIOGRAFÍA:
Vid. CC.
C., “Na morte de Lesta Meis”, en A Fouce, 27, 1 de febreiro, 1931.
López Pasarón, C., “Os nosos. Xosé Lesta Meis”, idem.
Sen sinatura, “Estebo, de Lesta Meis”, en Nós, 47, 15 de novembro, 1927.
Varela Jácome, B., “O testemuño da novela de Lesta Meis”, en Lesta Meis, X., Estebo, Vigo, Xerais, 1981.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Narrativa, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta