Unha lectura de Do Ermo, de Antonio Noriega Varela



Tal día coma hoxe, o 27 de marzo de 1947, finaba en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela, nado en Mondoñedo o 19 de outubro de 1869, como ben lembran máis unha vez as útiles #efemeridesgalegas no twitter do caro amigo Carlos Rodríguez Pér‏ez (@xcarlosrope).
Na súa lembranza recupero unha lectura do seu libro de poemas Do Ermo, que fixen por volta do ano 2000 cando estaba a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra.
Xa teño explicado nesta bitácora que nesa altura traballei nas fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). Neste último volume a ficha sobre o libro de poemas Do Ermo, de Antonio Noriega Varela, é da miña autoría e, como xa dixen noutras ocasións, por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega.
Do Ermo. ANTONIO NORIEGA VARELA
Antonio Noriega Varela publicou en 1904 o seu primeiro poemario, intitulado Montañesas, no que se inclúen dous longos textos que xa viran a luz anteriormente como opúsculos, “De ruada” e “Leite fresco”, o primeiro deles premiado en 1895 no certame poético de Mondoñedo. En 1910 sae unha segunda edición deste libro, co mesmo título, aínda que corrixida e aumentada substancialmente. Daquela é xa un dos poetas galegos máis coñecidos, que vai coñecer o seu maior apoxeo cando, dez anos máis tarde, os seus amigos galeguistas publiquen a primeira edición de Do Ermo (Ourense, Losada, Risco e Noguerol Editores, Imprenta de Antonio Otero, 1920), con 18 poemas que formaban parte da segunda edición de Montañesas, xunto a 30 novos. No mesmo ano, Do Ermo coñece unha segunda edición, que é simple reimpresión da primeira. En 1929 edítase novamente, na Tipografía “Centro de Acción Social Católica” de Mondoñedo, coa lenda “Novísima edición, aumentada”, incorporándoselle a importante serie de sonetos. Vai ser en 1946, uns meses antes da morte do poeta, cando se fai outra nova edición, que leva o título Do Ermo. Cuarta edición (a luguesa) aumentada. En realidade vén sendo unha edición da obra poética completa do autor, na que se inclúe practicamente toda a súa producción en verso, agás aqueles composicións que consideraba intrascendentes. De feito, inclúe un fragmento dun poema de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, unha carta do poeta saudosista portugués Teixeira de Pascoaes, unhas notas para a interpretación do poeta da autoría de Francisco Leal Insua, unha recolleita intitulada A Virxen y-a paisanaxe (100 cantigas populares) e os poemarios Montañesas e Do Ermo.
Todos estes avatares ecdóticos das primeiras edicións dos libros de Noriega Varela teñen dividido á crítica. Así, para Fernández del Riego (1991), Noriega é o autor dun único libro de poemas, intitulado Do Ermo, moitas veces corrixido e ampliado. Da mesma opinión é Carballo Calero ao afirmar que, en realidade, Noriega non escribiu máis que un só libro, que pasou por sucesivas transformacións. Primeiro chamouse Montañesas, logo chamouse Do Ermo, con moitos poemas novos a carón doutros procedentes do anterior libro, e foi incorporando textos máis modernos en sucesivas edicións, pero nunca se independizou do primeiro volume. Desta maneira, Noriega sería autor dun único libro que en cada nova edición vai presentando a obra do poeta tal e como se atopa na data correspondente e segundo o criterio selectivo do momento. Sen embargo, outra parte da crítica non comparte os devanditos criterios. Para Otero Pedrayo, Noriega tería formado dous libros de poemas, Montañesas e Do Ermo, debendo ser respectada a composición e o feitío internos, xa que cada un deles responde a fondas e conclusas vivencias do poeta. Por iso carecería de significación o feito de pasar dezaoito composicións dun libro para o outro. Igualmente, o profesor Freixeiro Mato, no volume Antonio Noriega Varela. Estudio e Edición da Obra Completa (Lugo, Deputación Provincial, 1994), que recolle a súa Tese de Doutoramento, e noutros traballos da súa autoría, distingue entre as dúas obras de creación porque o propio escritor así o facía cando se preparaba a edición testamentaria de 1946, como recompilación depurada de toda a súa obra poética. Por esta razón nós seguiremos ao especialista Freixeiro Mato á hora de diferenciarmos entre Montañesas e Do Ermo.
Cando aparece, en 1920, Do Ermo está conformado por 48 poemas, 30 novos e 18 incorporados de Montañesas, en xeral aqueles máis líricos e relixiosos. No mesmo ano fíxose unha segunda edición, exactamente igual á primeira, financiada polos emigrantes de América. Por iso a de Mondoñedo de 1929 contará como terceira e a de 1946 como cuarta para o propio autor e para os editores, aínda que Carballo Calero fale dela como sexta porque parte de que Montañesas e Do Ermo constitúen un único libro que se vai refacendo. A investigación de Freixeiro Mato conclúe que as dúas edicións do ano vinte só se diferenciaban na portada, unha delas de Castelao e co nome de Antón Noriega Varela, e a outra con debuxo diferente e unicamente cos apelidos do escritor. A terceira, de 1929, é a máis importante porque inclúe 21 novos sonetos. O poeta tiña intención de elaborar un sonetario, que se ía chamar Tenuis pluvia, baixo a influencia dos poetas parnasianos, simbolistas e saudosistas portugueses. Finalmente, optou por incorporar os sonetos á edición aumentada de Do Ermo. De 1929 a 1946 non se publicará ningún outro libro nin reedición da súa obra, aínda que seguen aparecendo poemas novos nas publicacións periódicas. A edición de 1946 saíu do prelo dividida en tres partes: A Virxen y-a paisanaxe, Montañesas e Do Ermo. Este último libro, segundo a vontade claramente expresa do autor, vai quedar constituído por 102 poemas, dos que 71 pertencen á terceira edición, 6 proveñen da segunda edición de Montañesas, un da edición de 1920 e 24 textos novos.
No ano 1969, vintedous anos despois da morte do poeta, a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e publica unha escolma da edición luguesa de Do Ermo, con “Verbas Limiares” de Otero Pedrayo e con “Epílogo” de Carballo Calero. En 1982, a editorial Galaxia, na súa “Biblioteca Básica da Cultura Galega” reedita o libro, baseándose principalmente na edición testamentaria, aínda que introducindo algúns cambios, como introducir algúns poemas que non figuraban no libro, e adaptando os poemas ás normas ortográficas vixentes. Máis recentemente, en 1991, Fernández del Riego publica na colección “Biblioteca das Letras Galegas”, de Edicións Xerais, o volume A. Noriega Varela. Poesía, que inclúe a reedición do poemario. Finalmente existe a edición da obra completa preparada por Freixeiro Mato (1994), que xa se mencionou con anterioridade e que se trata, sen ningunha dúbida, da mellor de todas elas por se tratar dunha edición crític*, na que cada poema vai acompañado dunha indicación sobre a métrica, outra que recolle tódalas súas edicións anteriores, en orde cronolóxica ata a actualidade, e outra coas notas correspondentes sobre as variantes bibliográficas dos textos.
Como sinala Freixeiro Mato, Do Ermo é sen dúbida o seu título definitivo. A aparición da primeira edición en 1920 foi saudada como un grande acontecemento nas nosas letras e supuxo a consagración do poeta, como testemuña o feito insólito na nosa literatura, e máis tratándose dun libro de poesía, de que se fixese unha segunda edición no mesmo ano. A raíz da súa publicación iniciouse a proxección exterior do autor, nomeadamente en Portugal, aínda que textos da súa autoría foron traducidos para o castelán, o catalán, o inglés, o francés, o italiano ou o dinamarqués. Realmente, o libro non se consolidou ata a súa edición de 1929, coa incorporación dos sonetos, que nos presentan a un poeta posrexurdentista, no dicir de Carballo Calero, que o cualifica como artífice do verso, máis seguro que o desigual Leiras Pulpeiro, que evita os tópicos que son constantes en Lamas Carvajal, que non ten a propensión de Losada á licencia erótica, aínda que a súa tenrura non é a de Rosalía pois nesta o ton é máis agudo e de ritmo máis fluído, mentres que Noriega é moito máis disciplinado. Como sinalou a crítica, a poesía de Noriega serve de ponte entre o legado decimonónico e a literatura do século XX. A modernización do seu código estético vai virlle da man do coñecemento da poesía portuguesa e, segundo Xosé Ramón Pena, tamén de se emparentar co modernismo europeo de Francis Jammes ou do occitano Mistral, ademais de ter raíces na poesía clásica de Virxilio, Horacio e Ovidio. Tamén para Iglesia Alvariño ou para Fernández del Riego, tanto as Bucólicas como as Xeórxicas de Virxilio, purificaron en Noriega o gusto pola natureza durante os anos da disciplina escolástica, de Horacio e do propio Virxilio viríalle a súa serenidade e a dozura melancólica, deles herdou o amor polos motivos sinxelos da aldea e o desexo da vida anónima. Sen embargo, para Otero Pedrayo, Teócrito e Virxilio, a penas inflúen na súa obra pois o seu ermo é pastoral, unha pura e nidia concepción arcádica, froito da paixón por Ovidio.
Moito máis severo na valoración da excelsitude poética de Noriega Varela é Méndez Ferrín, para quen é un poeta mediocre moitas veces e apegado a unha sinxeleza que adoita ser virtude dos poetas misérrimos. Aínda así engade que, se callar por establecer contacto co cenáculo ourensán, escribe o libro Do Ermo, evolucionando en sucesivas edicións cara a unha poesía intensamente cultista, grandemente franciscana, docemente recreada nos temas montañeses, virtuosa e fortemente integrada por recursos estilísticos tomados en empréstito da poesía renacentista e barroca castelá e da portuguesa finisecular.
No tocante á estructuración do contido, entre os textos da última edición de Do Ermo hai unha significativa presencia de poemas tirados da tradición popular, con ou sen indicación da súa procedencia; de poemas que conteñen versos populares e tamén de poemas introducidos por un cantar popular ou que parten dun dito popular. Ademais inclúe versións ao galego ou adaptacións de poetas menores en español ou dalgún poeta destacado doutra nacionalidade como Teixeira de Pascoaes ou Lamartine, entre outros, coa característica común de seren poemas franciscanos ou de acento relixioso. Para Freixeiro Mato, o libro posúe unha estructura cronolóxica perfectamente definida que vai en paralelo coa biografía persoal do poeta, marcando o tránsito da vida á morte. Comeza co cantar popular “Zreixiñas Frescas”, que anuncia o ton humilde da obra. Despois veñen poemas referidos a Lugo e que falan da mocidade. A seguir vai introducindo unha nova estética franciscana, con renuncia expresa ao costumismo descritivo e ao colorido festeiro de Montañesas. Logo inicia unha aproximación á montaña, caracterizando o mar como elemento negativo. A partir de aquí a montaña vai asumindo o protagonismo da obra. Chegamos así á parte central onde o poema “Toda humilde belleza” inaugura a serie de sonetos que marcan os momentos de maior intensidade emocional e estética. A última parte do libro está dominada pola idea da morte, primeiramente lembrando a nai do poeta e finalmente perante a inmediatez da propia morte, despois de nos deixar o seu testamento poético no antepenúltimo texto. Por todo iso, Freixeiro Mato conclúe que o libro posúe un carácter unitario que lle vén dado pola constante presencia da montaña e pola actitude lírica do poeta, nunha posición de humildade franciscana, así como pola relixiosidade que impregna a maior parte das composicións.
De feito, o núcleo temático predominante é a natureza humilde, contemplada con ternura polo poeta, nunha actitude propia do franciscanismo poético, na que os seres máis pequemos espertan sentimentos de amor e solidariedade. Outro eixo é a louvanza da montaña como verdaeiro locus amoenus onde a alma do poeta busca refuxio, na liña do Beatus ille horaciano. Desde o primeiro poema, “Laverquiña…”, deosta o mar e louva a montaña, que inspira 36 dos 48 poemas do libro. Para Iglesia Alvariño, Noriega é poeta franciscano mais que cantor da montaña. Se cantou a montaña foi en virtude dunha especie de pacto con Leiras Pulpeiro que, partindo tamén de Mondoñedo, cantou a mariña. Noriega abandona o ton descritivo de Montañesas e centra a atención lírica na montaña e no ermo, verdadeiros protagonistas da obra, nunha chea de poemas moi breves, de grande concentración expresiva, dos que “Unha breve pucharquiña” pode ser considerado como típico. O eu poético foxe da sociedade e comunga coa soidade do ermo, do seu paraíso, exercita un ascetismo cheo de renuncias onde dialoga coa natureza. As sinxelas criaturas da terra, os seres humildes convértense en símbolos dunha vida de piedade e tenrura, nunha visión sentimental, aínda que xa penetrada dun esteticismo que imos ver máis desenvolvido nos sonetos. Os poemas descritivos incorporados de Montañesas teñen en común a relixiosidade dos brañegos, a tradición relixiosa do mundo rural e o cristianismo sinxelo das xentes humildes. Non se pode reducir a achega poética de Noriega a estes dous aspectos, costumismo e lirismo da natureza, como xeralmente recolle a crítica. Con seren importantes estas dúas liñas poéticas existen outras que nos mostran un poeta de variada inspiración artística, que camiña noutras direccións como o lirismo persoal, versificando acontecementos dolorosos da súa accidentada vida, como a morte da nai. Ademais, están presentes algúns dos grandes temas da literatura universal como o contemptus mundi ou desprezo da gloria mundana, relacionado co menosprezo da vida urbana e a gabanza da vida retirada. Tamén o tópico do tempus fugit, que se manifesta nalgúns sonetos asociado á saudade dos tempos idos ou á nostalxia pola mocidade perdida. O poeta, xa maior e afastado das montañas do seu Mondoñedo natal, lembra as mozas e as noites de fiada. Outra tema clásico é a metamorfose, que lembra a Ovidio, como cando o orballo se converte en xoias que é un motivo recorrente no libro. A saudade impregna toda a poesía do ermo e non podían faltar o tema da morte e a poesía de inspiración social, en composicións que mostran solidariedade cos humildes, en liña con poemas de Rosalía ou de Curros, aínda que sen chegaren á denuncia comprometida. Para Carballo Calero, hai un pequeno número de pezas que figuran entre os poemas de loita que serviron á causa das reivindicacións agrarias, na liña dun Cabanillas. Se Basilio Álvarez e Antón Villar Ponte puideron nun intre arrastar a Noriega a esta clase de literatura, o pulo non durou pois o espírito de Noriega mal se aviña con este apostolado. De feito, eliminou os poemas combativos das últimas edicións e rexeitou da súa musa poética á fouce, símbolo do movemento redencionista. Completan as liñas temáticas, a devoción mariana, a defensa da tradición e composicións humorísticas, que lle deron sona á súa vea satírica.
Con todo, probablemente constitúan os seus sonetos o chanzo máis importante de toda a súa producción, pois neles advírtese unha combinación excelente dos motivos de inspiración clásica con aqueles que lle resultaban próximos, os da montaña lucense e as súas xentes. Noriega, sen abandonar a tenrura, elevouse a unha poesía de arte maior cos sonetos, unha forma estrófica que domina sabiamente. Na edición definitiva dos seus poemas inclúe vintedous que xa figuraban na edición de 1929, e unicamente un deles procede de Montañesas. Foron escritos en Trasalba e na Graña de Vilarente, baixo a impresión da lectura dos poetas portugueses e supoñen unha conversión ao esteticismo. Era o tempo no que mostraba a súa admiración por Bocage e por Camoes, pero sobre todo por Antero de Quental, do que sabía os versos case de memoria e admiraba o seu xeito de poetizar. De Guerra Junqueiro tiráballe, sobre todo, que partía da aldea para percorrer o mundo. Estimaba, asemade, a Eugénio de Castro, o poeta da época simbolista, a António Nobre, para quen o sosismo constituía unha verdadeira ideolatría, a Teixeira de Pascoaes, porque a saudade o levaba cara á vivida encarnación das cousas humildes e pobres, e tamén o brasileiro Olavo Bilac ou calquera outro poeta parnasiano ou simbolista. Así pois, a moderna lírica portuguesa vai ser determinante no novo modelo. Para Xosé Ramón Pena foron, ao parecer, Otero Pedrayo e Iglesia Alvariño os autores que provocaron indirectamente esta nova actitude.
Tamén desde o punto de vista da métrica, os sonetos de Noriega son algo novo na poesía galega, pois neles segue o exemplo doutros poetas fóraneos que romperan a combinación de rimas dos moldes clásicos. Mantén o hendecasílabo común ou sáfico, cambiando ás veces as rimas dos cuartetos, onde non segue a tradición clásica española do esquema uniforme nos dous cuartetos e fai uso das liberdades que caracterizan aos mestres italianos, como Dante e Petrarca, onde xa atopamos serventesios* en troques de cuartetos ou convivencia entrambas estrofas. Para Carballo Calero, unicamente “Fillo do corazón” é un soneto enteiramente ortodoxo. Todos os demais aceptan un mesmo esquema para a rima dos tercetos, en forma de sextina rubeniana, AABCCB, disposición de rimas típica do soneto francés, que xa usara Antero de Quental, sendo habitual en castelán desde o modernismo. Como recursos propiamente métricos hai que sinalar os diferentes tipos de encabalgamento e, nun único caso, o cambio de medida*, no poema “Exemplares floriñas”. Noriega Varela é un magnífico versificador, que domina con mestría os distintos versos tradicionais. Non busca a innovación e os seus versos axéitanse con naturalidade ás regras da medida, mentres a rima flúe sen estridencias. En Do Ermo a métrica tamén se verá afectada pola nova liña poética do escritor, deixando atrás o predominio case absoluto do verso de arte menor de Montañesas, e pasando a un maior uso de metros e estrofas de carácter culto, coa incorporación do soneto como o tipo de composición máis usada, en igual número que o romance. Tamén aparecen outras estrofas de arte maior sen que por iso desaparezan as estrofas de arte menor tan utilizadas no anterior libro. A rima consoante vai predominar sobre a asoante e aínda sendo máis abundantes os metros de arte menor, a presencia do verso maior vai ser destacada, fundamentalmente o hendecasílabo.
Con respecto aos recursos estilísticos, Freixeiro Mato salienta a proliferación dos diminutivos en -iño, que se adecúan á temática franciscana da obra e que contribúen a resaltar a humildade das cousas pequenas da natureza, nun uso que fai lembrar a Rosalía, pola súa carga afectiva. O emprego abundante de paralelismos, anáforas e similicadencias, tradicionais na nosa poesía, conxugan o paralelismo sintáctico co ritmo prosódico e teñen unha especial relevancia nos sonetos. Outros medios retóricos frecuentes son a antítese, pois o xogo de contrarios é de gran rendemento na obra, a exclamación ou o apóstrofo, a interrogación dialéctica, a paréntese, a repetición de termos. Unha figura retórica de carácter patético moi presente é a suxeición ou hipófora, mediante a que eu poético responde ás preguntas que se fai a si propio. A prosopoea ou humanización dos elementos da natureza é outro recurso tamén habitual, xunto a metáforas, aliteracións, fonosimbolismos e hipérbatos.
No aspecto lingüístico, Noriega non se afastou do modelo popular, de acordo coa súa ideoloxía conservadora e tradicionalista que o levaba a desconfiar das novidades. De feito, como sinala Fernández del Riego, a pesar da vella amizade que unía ao poeta con Antón Villar Ponte, nunca se quixo vincular ao movemento das Irmandades e manifestouse hostil a unha parte das súas ideas, sobre todo no referente ao anovamento da linguaxe no léxico e aínda na ortografía. No seu galego hai pureza e naturalidade, curiosidade polo vocábulos ou as locucións propias que os labregos conservan e que forman parte esencial da súa paisaxe cotiá. Tamén a toponimia da zona forma parte do seu mundo. É a linguaxe viva dunha comunidade a que nutre os poemas, por iso o idioma de Noriega non recoñece regras filolóxicas. Ou sexa, expresa as ideas do montañés na lingua do montañés. A este modelo idiomático, que exalta no poema “Nosa fala”, foise incorporando grande cantidade de cultismos a medida que a súa poesía se ía afastando da liña realista inicial. Se en Montañesas facía poesía para o pobo, en Do Ermo vai escribir para unha minoría ilustrada, polo que a lingua se desprende do ton popular e do ruralismo colorista para se facer máis culta e abstracta, con temas e expresións non usadas con anterioridade. Nisto tivo moito que ver o maior achegamento á poesía portuguesa, que o levará por vías de maior depuración estilística e temática, na procura dun intimismo lírico defrontado co realismo descritivo anterior. Así, Noriega, que parecía crer que non pode haber un galego literario distinto do galego rural, que non pode haber unha lingua galega fora do sermo rusticus, sorprende empregando nos sonetos un galego máis próximo ao portugués, con formas de expresión que lembran a Guerra Junqueiro ou Teixeira de Pascoaes. Deles proceden os helenismos e deles tomou a inclinación polos cultismos, que antes eran raros na súa poesía. Sen embargo, para Freixeiro Mato non se produce unha importante incorporación de termos portugueses, como sostiñan Aquilino Iglesia Alvariño ou Méndez Ferrín que fala de lusismo xeralizado, senón como Carballo Calero que fala da procura dun rexistro culto, achando nos escritores portugueses os cultismos grecolatinos que precisa. Noriega era consciente de que realizaba unha arte culta, aínda que de inspiración rural, como a dos grandes líricos bucólicos latinos e lusos. Isto explica a escolla de termos ou de grafía helenizante, ao que tamén son afeccionados os portugueses. Polo demais, a lingua empregada ten as características propias do galego aprendido en Mondoñedo, con predominio de dialectalismos, vulgarismos e castelanismos, que nalgunha ocasión son consecuencia de necesidades métricas ou de rima, mais non acostumou a incorrer noutras desviacións lingüísticas tan propias da maior parte dos nosos escritores como os pseudogaleguismos. Tamén rarean os arcaísmos. Finalmente, sintaxe e léxico testemuñan a fidelidade do poeta á fala popular.
BIBLIOGRAFÍA
Cfr. CC, CF, GEG, MF.
Carballo Calero, R., “Antonio Noriega Varela”, en Sete poetas galegos, Vigo, Galaxia, 1955.
_______________, “Os sonetos de Noriega Varela”, en BRAG, nº355, A Coruña, 1973.
_______________, “Antonio Noriega Varela” en Libros e autores galegos. Século XX, tomo II, A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1982.
Fernández del Riego, F., “Introducción” en Noriega Varela, A., Poesía, Vigo, Xerais, col. “Biblioteca das Letras Galegas”, 1991.
Freixeiro Mato, X.R., A cara oculta de Noriega Varela (biografia e textos esquecidos), Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1992.
_________________, Da montaña o corazón (Producción literaria e lingua en Noriega Varela), Lugo, Fundación Caixa Galicia, 1993.
_________________, Antonio Noriega Varela. Estudio e Edición da Obra Completa, Lugo, Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, 1994.
Iglesia Alvariño, A., A lengua dos poetas do norte de Lugo, A Coruña, RAG, 1964.
_______________, Noriega Varela, poeta da montaña, Vigo, Galaxia, 1969.
Otero Pedrayo, R. “Verbas Limiares” en Noriega Varela, A., Do Ermo (escolma da edición luguesa), A Coruña, Publicacións da RAG, 1969.
Pena, X.R., “As pegadas modernistas. Noriega Varela”, en A poesia de Manuel António. Nas literaturas galegas de vanguarda, A Coruña, Ed. La Voz de Galicia, col. Biblioteca Gallega 1979.
Rocha, H., “António Noriega Varela. Poeta da natureza, da montanha, da solidao”, en Sete Vozes Perennes da Galiza lírica, Porto, Livraria Athena, 1965.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta