Unha imaxe de Corcubión e uns anacos da memoria


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Nas miñas habituais visitas á vila de Cee, o chan nativo, procuro tirar tempo para facer unha camiñada até o peirao ou a praia de Quenxe de Corcubión (a histórica e fermosa vila dos “pelados” (así nomeamos nós á xente corcubionesa) da que sempre moito gostei, malia ser eu “coreano” (así nos nomean eles a nós), mais nunca acreditei neses atavismos de estéril enfrontamento. Mesmo coñezo persoas, aínda vivas, que para se deslocaren á praia de Estorde (Cee) non fan o natural percorrido que as obriga a pasaren por Corcubión, senón que dan unha reviravolta pola parroquia de Toba, tan vencellada á miña infancia persoal. E desde a outra banda tamén hai xentiña que crea parvadas inmensas coma o feito de inventaren un supostamente documentado “cabo C”, para falaren do “cabo Cee” que está en territorio corcubionés.
Resulta evidente que eu non participo das barbaridades duns e doutros exaltados e da mesma maneira que moita outra xente con dous dediños de fronte partillamos dun e doutro espazo condenados a confluíren, como ben imaxinara nos primeiros anos do século o corcubionés Pepe Miñones, que foi deputado republicano e que pagou coa súa vida o seu compromiso, como ben relata o amigo Luís Lamela García no seu imprescindible Pepe Miñones, un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro, 1991). Este deputado, alén de idear o ferrocarril dos Tres Ces (Coruña-Carballo-Corcubión), cuxo proxecto chegou a estar aprobado mais nunca foi desenvolvido, lastrando o desenvolvemento da Costa da Morte, pois tamén loitou por unir Cee e Corcubión ou Corcubión e Cee nunha poboación para a que mesmo suxeriu o nome de Neria.
Mais esta anotación non pretendía ser un recordatorio da rivalidade entre as dúas vilas, senón que quería falar dunha imaxe que atopo moitas veces nesas camiñadas e que sempre chama a miña atención, tanto é así que este luns 13 de agosto (malia as nubes que cobren o ceo) fíxenlle unha fotografía co dispositivo do meu teléfono móbil e velaí está, ese traxe de augas que sempre atopo de pé como se fose un espírito e que me fai lembrar aqueloutro que había pendurado na despensa da vella casa da miña nai, hoxe edificio en ruínas, e que pertencera ao meu pai, morto no mar o 5 de novembro de 1967, cando eu tiña escasos dous anos e medio.
Resulta curiosa a asociación de ideas que se crea nas nosas mentes para abrazar o territorio da memoria. E isto tamén pode ser material poético, pois como ben dicía nunha entrevista para o Diario de León o meu poeta amado Antonio Gamoneda: “La poesía es el arte de la memoria ante la muerte”.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.