Unha entrevista "light", con fondo de música de jazz de Abe Rábade e Nordestinas


Descoñezo as razóns, mais o certo é que no mes de agosto a prensa adoita ofrecer ao seu público uns contidos moito máis lixeiros, “light”. Así sucedeu na breve entrevista que me fixeron onte en Radio Voz-Bergantiños, por mor da presentación do poemario As crebas mañá en Muxía, e da que a edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia ofrece un resumo que se pode ler aquí. A conversa incluíu un test, no que as miñas respostas non foron tan esquemáticas, no que falei da miña devoción polo peixe (en especial o cabracho ou escarapote) ou por escoitar un concerto, en vez de bailar, como o que ofreceu Abe Rábade no Festival dos Abrazos, para presentar o seu último traballo “Zigurath”. Como testemuño da súa mestría, internacionalmente recoñecida, déixovos dúas mostras. A primeira é unha actuación magnífica na que Abe Rábade interpreta o tema intitulado “Camariñas” nun concerto de piano celebrado o 14 de setembro de 2008 no Orejazz Club de Carcaixent. E a segunda é froito do seu proxecto de colaboración con Guadi Galego e Ugia Pedreira en Nordestinas, malia algunhas grallas nas lendas ou subtítulos paga a pena escoitar este tema.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.