Unha décima para lembrar Teorema (1968), de Pier Paolo Pasolini


Estes días está a se conmemorar o 40 aniversario da morte do poliédrico escritor e director de cine Pier Paolo Pasolini (Boloña, 1922 – Lido di Ostia, Roma, 1975) quen apareceu morto en circunstancias aínda estrañas o 2 de novembro de 1975, nas que cada vez é máis díficil non atopar pegadas que leven a pensar no seu asasinato a mans dalgún poder fáctico do estado.
Principiei moi cedo a me interesar na súa obra poética escrita en italiano e en lingua friulana, da que teño lido varias antoloxías, hai uns trinta anos e cando tiña unha devoción polo soneto (que só arrefriou un chisco), o que me achegou ao seu marabilloso libro Sonetto primaverile (1953). Velaquí un dos seus textos:
Per la povera strada che perduta
fra tristi fabbricati e tristi campi
mi porta a casa, tiepido s’imbuca
il vento, smuovendo l’aria stanca.
E’ una sconosciuta primavera
ben più vecchia dei giorni in cui riappare
che fa in me rimescolare la vera
vecchia vita, alle folate ignare…
Il cadavere va, coi ciechi panni
agitati dal vento, e con le gote
nere di barba gelida, in silenzio.
un giovanile, fossile suo senso
resta nel cosmo, arido, tra ignote
forze, già sue, e riperse con gli anni.
[“Il Verri”, ottobre 1959]
A poesía de Pasolini a penas foi traducida á nosa lingua, como acontece tamén co seu teatro e co seu ensaio, aínda que cómpre parabenizar a Paco Macías que incluíu no catálogo de Positivas os seus Ensaios corsarios, versionados por Silvia Manteiga. E de maneira máis recente Gonzalo Vázquez traduciu a súa novela Unha vida violenta, publicada pola editora Hugin e Munin. E alén diso textos breves e moi esparexidos.
Por parte, tamén me interesou o seu cinema, mesmo moito antes de facer por volta de 1996 un curso de doutoramento sobre cinema italiano na Facultade de Historia da USC e dispensado polo catedrático de Historia da Arte (Historia do Cinema) Ángel Luís Hueso. E unha das películas de Pasolini que máis me impactou, pola súa linguaxe poética e política a un tempo (non hai máis que ollar a marabillosa escena que se reproduce no inicio desta anotación), foi Teorema.
De feito, no segundo libro da miña autoría 42 décimas de febre, que inaugurou en 1994 a colección Nume da editorial Toxosoutos, no seu «Caderno II. Imaxes. Poemas baseados no cinema», hai un texto inspirado en Teorema (1968), no que tamén aparecen de esguello os nomes doutros cineastas de culto. Velaquí aquela décima de outrora.
Caderno II. Imaxes. Poemas baseados no cinema
Teorema (1968) Pier Paolo Pasolini
X
Einsenstein, Ford, Rosellini,
Cocteau, Renoir, Lubitsch, Lang,
Visconti, Buñuel, Fellini,
Kurosawa, Hawks, Kazan
e outros máis non saberán,
sendo mestres do cinema,
gravarte exacta nun poema
como eu fago de contino
sen o don case divino
do Pasolini en “Teorema”.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.