«Unha ‘citopatoloxía’ dos poetas dos noventa», artigo no volume intitulado Faladoiro xubiloso con Ramón Nicolás

O noso amigo Ramón Nicolás, escritor e crítico literario, vén de lle poñer ramo ao seu labor profesional como profesor de Lingua e Literatura Galega. Un nutrido grupo de amigas e amigos artellamos como presente un volume intitulado Faladoiro xubiloso con Ramón Nicolás, coordinado por Patricia Arias Chachero e Xoán Carlos Domínguez Alberte e que editou a Fundación Bieito Ledo.

Por orde alfabética colaboramos Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Sara Alonso Pimentel, Xosé María Álvarez Cáccamo, Patricia Arias Chachero, Victoria Ballesteros, Carlos L. Bernárdez, Anxo Cabada, María Canosa, Iria Collazo, Henrique Dacosta, Marta Dacosta, X. C. Domínguez Alberte, Marga Doval, Pedro Feijoo, Víctor F. Freixanes, Antonio García Teijeiro, María Rosa Lojo, Santiago Lopo, Beatriz Maceda Abeleira, Carlos Méndez Míguez, María Xesús Nogueira, Lucía Novas, Cándido Paniagua Pousa, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas, Anxo Quintela, Baldo Ramos, Román Raña, María Reimóndez, Antón Riveiro Coello, Dolores Vilavedra, Malores Villanueva e eu propio a pechar o volume.

Deseguida reproduzo o meu artigo, sen o seu longo ANEXO, mais coas Notas a rodapé que foron eliminadas por un erro na maquetación.

UNHA «CITOPATOLOXÍA» DOS POETAS DOS NOVENTA1

Para Ramón Nicolás, un verso libre

a consigna

non houbo idade de ouro

nunca houbo idade de ouro

Xabier Cordal Fustes, Fruto do teixo

Sabido é para calquera persoa atenta e observadora da poesía galega que existiu unha “balcanización” por mor dun enfrontamento estéril entre os denominados “poetas dos oitenta” e os máis novos “poetas dos noventa”, liorta que tivo o seu cumio no episodio ocorrido no I Congreso da Poesía, celebrado en Vilagarcía da Arousa en 1997 para conmemorar os 50 anos da publicación de Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño.

Naquela crúa (e necesaria, como sinala Arturo Casas2 nun magnífico traballo) controversia interxeracional, un dos argumentos (?) adoito máis utilizados foi a apostila de que os poetas novos carecen de bagaxe cultural e que len pouco. Porén, as breves calas do estudo estatístico que acompaña este artigo demostran que a devandita afirmación non é moi certa, e mesmo partindo deses datos pódese deducir que nin sequera len pouco aos poetas da década aurífera.

Antes de máis, exporemos a metodoloxía empregada. Dado que non era posible a realización de enquisas a todos os poetas dos noventa optouse por facer unha lectura de toda a súa produción desde o inicio da década até novembro de 1997 para establecermos unha “citopatoloxía”, un seguimento das citas que se atopan nos seus libros, único indicio obxectivo que nos ofrece unha visión parcial sobre as súas lecturas e que vén ser unha cala abondo significativa para tirarmos as nosas conclusións.

Ora ben, de primeiras debemos precisar a que chamamos poetas dos noventa. Máis unha vez, faremos nosa a observación que realiza Arturo Casas no devandito artigo e apelando ao concepto de unidades xeracionais que o crítico galego recupera de Karl Mannhein, incluiremos todos os poetas que publican o seu primeiro libro individual desde 1990 en diante e que non tivesen máis de 35 anos no momento de se iniciar a década, ou sexa, nados a partir de 1955. Este acoutamento cronolóxico deixa fóra os poetas que xa se subiran á cuadriga dos oitenta, tanto na súa privilexiada dirección manierista coma nas propostas máis marxinalizadas. Así, non consideraremos poetas dos noventa a Anxo Quintela, a Lois Pereiro, a Luísa Castro ou a Anxo Angueira por citarmos algúns que, en idade e en espírito, estarían máis preto deles. E, por outra parte, tamén deixamos fóra moitos autores dunha opera prima nesta década que, por idade e por estética, estarían afastados dos novos poetas. Velaí nomes como: Ricardo Martínez-Conde, Manuel Lage Touriño, Manuel Vidal Villaverde, Xosé García Lapido, Palmira G. Boullosa, Maximino Cacheiro, Xesús Franco, Xosé Carlos Gómez Alfaro ou Xosé Leira López.

Polo tanto, e pedimos desculpas por se houber algún esquecemento, o noso corpus inclúe pouco máis de 50 poetas: Chus Pato, Miguel Anxo Murado, Manuel Xosé Neira, Arturo Casas, Gonzalo Navaza, Celso Álvarez Cáccamo, Domingo M. Tabuyo, Mª Xosé Canitrot, Xosé M. Millán Otero, Francisco Alonso, Miro Villar, Xosé Manuel García Suárez, Xosé Manuel Vélez, Eva Veiga Torre, Rafael Lema, Xabier Cordal, Xosé Manuel Lema, Xosé Miranda, Rafa Villar, Marta Dacosta, Arturo L. Regueiro, Manuel Outeiriño, Isolda Santiago, Martín Veiga, Xosé Pablo Bayo, Xavier Santiago, Ana Baliñas, Francisco Souto, Adriana Castro, Yolanda Castaño, Emílio Xosé Ínsua, Celso Fernández Sanmartín, Lupe Gómez, Cándido Duro, Olga Novo, Ricardo Beiras, Cristina Cabada, Helena de Carlos, Estevo Creus, Anxos Romeo, Carlos Santiago, François Davó, Emma Couceiro, Antom Fortes Torres, María Lado, Igor Lugrís e Kiko Neves, ademais do colectivo Ronseltz e de tres libros colectivos de autores novos, sen libro individual, que apareceron nos dous últimos anos do período citado: Baldío, De mar e vento e Sete poetas. A Corunha.

Á parte da aparición de numerosas paráfrases ou xogos intertextuais, que non serán obxecto de comentario neste traballo e das que atinxen ademais á pintura ou ao cinema, a maioría deste medio cento de poetas acode ás citas literarias, en idioma orixinal ou traducidas, para introduciren os seus libros ou algúns poemas en particular. Porén, hainos que, malia termos constancia de que son notables lectores, non acoden nunca á cita como ocorre, sobre todo, con Rafa Villar, que nos seus cinco libros publicados até 1997 non bota man de ningunha, ou Eva Veiga, Rafael Lema, Xosé Manuel Lema, Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Ana Baliñas ou Kiko Neves, todos autores dun único libro sen citas, malia as paráfrases de cantigas ou as alusións a Foucault que aparecen neste último, poñamos por caso.

Por outra parte, non só de poetas se alimenta o citador, así Arturo L. Regueiro opta pola música e, a maiores de Dylan Thomas, cita dúas veces a Van Morrison, a Leonard Cohen ou a Sam Shepard, e unha a Tom Waits, Ry Cooder, Fleetwood Mac, John Denver e Lafayette Leake, mentres que Carlos Santiago cita unha letra do grupo galego de rock bravu Túzaros e Francisco Souto faino cunha letra do grupo portugués Madredeus. Con humor, o propio Carlos Santiago cita un berro de loita dos mariñeiros do Morrazo e o colectivo Ronseltz acode ao refraneiro popular ou a Kung Fu. Pola contra, moito máis transcendente é Mário J. Herrero Valeiro quen bota man, entre outros, dos filósofos Alain Badiou e Nietzsche. Tamén se poñen en transo Xosé Manuel Vélez, que recorre a Nostradamus e Paulo de Tarso, ou Xosé Pablo Bayo que invoca un parágrafo do texto bíblico Sal. 130, 2-3. Por parte, tamén son convocados varios fragmentos de prosa, quer ensaio, quer narración, e mentres Chus Pato recorre a Voltaire (á parte das numerosas referencias intertextuais a outros autores que se atopan na súa obra), os demais séntense atraídos por Vicente Risco, citado catro veces, por Otero Pedrayo, en dúas ocasións, e por Castelao e Rafael Dieste, que tamén será citado como poeta.

No que atinxe ao terreo poético hai que principiar polas citas de textos anónimos ou tradicionais. Neste senso, Gonzalo Navaza reproduce dous fragmentos de O Zohar. O libro do resplandor e outro pertencente a O cantar dos Cantares, Xabier Cordal rescata outro do gaélico Gwalchmai, datado no século XI e Miro Villar prefire un anónimo normando. A partir deste momento, o resto das citas (todas elas poéticas) que fan os nosos “poetas dos noventa” aparecerán agrupadas segundo a súa lingua literaria e sempre de maior a menor presenza.

Desta maneira, o primeiro chanzo estaría ocupado pola literatura galega contemporánea (deixando os trobadores medievais á parte), contabilizándose un total de 51 citacións. Os máis reproducidos son Álvaro Cunqueiro e Xosé Mª Álvarez Cáccamo con cinco, X. L. Méndez Ferrín con catro, Manuel Antonio e Fermin Bouza-Brey, ambos con tres, e con dúas aparicións están Xosé Mª Díaz Castro, Carvalho Calero, Luísa Castro e, curiosamente un poeta dos noventa Celso Fernández Sanmartín (que é citado nos dous libros do seu compañeiro de unidade xeracional Estevo Creus). Unha única vez son convocados Eduardo Pondal, Antón Noriega Varela, Xoán V. Viqueira, X. Mª Álvarez Blázquez, Rafael Dieste, Luis Pimentel, Euxenio Montes, Eduardo Moreiras, Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar, Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Manuel María, Bernardino Graña, Mª. X. Queizán, Ana Romaní, e finalmente, outros seis “poetas dos noventa” que son citados polos seus compañeiros de viaxe: Chus Pato, Francisco Alonso, Miro Villar, Francisco Souto, Rafa Villar e Lupe Gómez.

A literatura inglesa, xa sexa europea, americana ou doutros lugares do mundo, ocupa o segundo chanzo con 25 nominacións. En dúas ocasións son convocados William Shakespeare, W. B. Yeats, Dylan Thomas, T. S. Eliot, Ezra Pound e Peter Handke, e unha vez tan só aparecen os seguintes poetas: Edgar Lee Masters, Samuel Taylor Coleridge, Allen Ginsberg, Wallace Stevens, Derek Walcott, John Asbery, Sylvia Plath, Emily Dickinson, James Douglas Morrison, Josep Conrad, Michael Macdonald e Edith Sommer.

Un número semellante de citas repártese entre a literatura española, continental ou latinoamericana. Do total de 24, tan só Miguel Hernández, María Zambrano e o arxentino Jorge Luis Borges repiten na escolla, o resto dos poetas aparecen unha vez, desde os clásicos aos contemporáneos: Calderón de la Barca, Góngora, Campoamor, Pedro Salinas, Jorge Guillén, Claudio Rodríguez, Leopoldo Mª Panero, Emilio Prados, Fernando Arrabal, Elías Canetti, Carlos Barral, José Ángel Valente, Olvido García Valdés, Carmen Órrego, Octavio Paz, Julio Cortázar, Mario Benedetti e Juan Mari Lekuona.

A terceira literatura en importancia na lectura dos novos poetas galegos (sempre a xulgar polo número de citas) é a de expresión portuguesa con 20 citas. Con tres aparicións temos a autora do barroco Soror Madalena da Glória (só citada por Miro Villar) e tamén a Mário de Sá-Carneiro e Fernando Pessoa, dúas son as presenzas de Antero de Quental e António Ramos Rosa e nunha ocasión son convocados Luis de Camões, Teixeira de Pascoaes, Isabel Pulquério, Avelino de Sousa, José Craveirinha, Luandino Vieira e António Botto.

Outro chanzo importante nas súas lecturas é a poesía francesa con 13 citas e co liderado indiscutible de Charles Baudelaire, que aparece en tres ocasións por unha de autores como François Villon, Boileau, Apollinaire, A. B. Lévi, Paul Éluard, André Breton, Marguerite Yourcenar, André Gide, Ives Bonnefoy e Hélène Cisoux.

A seguir sitúanse os clásicos greco-latinos con 9 aparicións, nas que tan só se repite dúas veces Heráclito e Vergilius (unha delas, sen o nome pois a cita sinala Eneida), xunto a Ovidio, Propercio, Safo, Tibulo e Anacreonte.

Poucas menos son as citas de escritores alemáns, un total de 7 que se reparten Novalis, Hölderlin, Heinrich Böll, Hans van der Waarsemburg, Johann Georg Hamann, Hilde Domin e Ingeborg Bachmann.

E cinco son os trobadores medievais galego-portugueses convocados: Bernal de Bonaval, Joam Baveca, Martin Soares, Diego Moniz e Garçi Fernández de Gerena.

Os chanzos menores están ocupados pola literatura catalana, con 4 citas en total, dúas de Carles Riba e senllas de Ausias March e Joan Vinyoli; a literatura italiana con tres aparicións que corresponden a Dante, Eugenio Montale e Cesare Pavese, e nunha ocasión son citadas outras literaturas, como os balcánicos Moacyr Sclian, Zvonimir Kostic, o provenzal Guilhem de Peitieus, o xaponés Nagisa Oshima, o vasco Jon Juaristi, o britano Taliesin, a exipcia (aínda que nada en Inglaterra) Joyce Mansour e o escocés Joe Hendry.

Despois de analizarmos este amplo abano de lecturas dos “poetas dos noventa”, e á luz dos datos, podemos tirar unha serie de conclusións:

1. É rotundamente falso que os “poetas dos noventa” non lean poesía. O elevado índice de citas é sintomático dunha parte das súas lecturas. Se callar acontece que os novos poetas non len aquilo que os “poetas dos oitenta” quixeran que lesen. Con todo, estes non deberían queixarse pois aqueles seguen, parcialmente, as súas recomendacións.

2. Os dos “noventa” citan oito veces os “poetas dos oitenta”, levándose a palma Xosé Mª Álvarez Cáccamo con cinco, fronte a dúas de Luísa Castro e unha de Ana Romaní. Por que non citan os novos a Lois Pereiro se sempre o nomean á hora de reivindicaren unha maior pluralidade?

3. Rosalía de Castro nunca é citada, nin sequera polas mulleres. Curros tampouco e Celso Emilio tan só unha vez, a poesia engagée e belixerante (que din que caracteriza unha boa parte dos novos poetas) só parece refuxiarse na lectura de Méndez Ferrín ou noutras literaturas.

4. Os “poetas dos noventa” lense a si mesmos, como demostra o feito de apareceren seis citacións entre compañeiros de navegación, co caso paradigmático de Estevo Creus que cita nos seus dous libros ao seu coetáneo Celso Fernández Sanmartín.

NOTAS A RODAPÉ

1Unha primeira versión deste texto, máis irreverente, publicouse en 1997 en O Pote. Boletín do Grupo Anónimo de Barcelona, publicación non venal da que só se tiraban 50 exemplares en fotocopias. Todos os textos aparecían sen sinatura e desde a sombra coordinaba e editaba a revista o crítico Xesús González Gómez. Alén de arquivos persoais, coma o meu, consérvase unha colección completa na Fundación Penzol, onde a lectora ou o lector curioso pode ler o orixinal deste artigo sen a oportuna poda das irreverencias.

2“… O debate público entre os axentes dun sistema como o galego é positivo en canto síntoma, e acaso debería ser celebrado de modo unánime por extremadas ou mesmo falaces que resulten as súas manifestacións, descualificacións e caricaturas máis fementes. Preveño que non equiparo a polémica a unha situación de río avolto, fornecedora de tripaxe para certos cronistas e historiadores da literatura de pasadomañá e alimentadora tamén visceral dalgunhas lerias de hoxe. A polémica é positiva e necesaria ante todo polo seu potencial clarificador das identidades e das alteridades en liza, que deben ser descodificadas nun sentido poético, estético, cultural e, non menos, ético e político.” en Casas, Arturo (1997): De impurezas, epitafios e balbordos. Lectura non só sistémica de Fascinio, de Chus Pato, nas coordenadas líricas dos 90. Anuario de Estudos Literarios Galegos 1996. Vigo: Galaxia. 129-148.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta