«Un poema sobre O Ézaro de Heidi Kelley, antropóloga americana». Por Manuel Vilar


(A antropóloga americana Heidi Kelly)

Apráceme reproducir máis unha vez nesta bitácora un novo artigo do noso amigo antropólogo Manuel Vilar Álvarez, que continúa a súa serie de colaboracións no diario dixital Quepasanacosta baixo o epígrafe «As aberturas. Memorias e Paisaxes». Desta volta co epígrafe «Un poema sobre O Ézaro de Heidi Kelley, antropóloga americana» e coma todos os anteriores resulta de indubidable interese para as persoas que somos fisterráns de Nación.

Deseguida reproducimos este novo texto que se pode ler no orixinal nesta ligazón.

Un poema sobre O Ézaro de Heidi Kelley, antropóloga americana

Foi pola primavera de 1986 cando souben da estadía dunha antropóloga americana no Ézaro, de Heidi Kelly. Foi grazas a que se apuntara a unhas clases de panillo que daban en Cee, na Rúa de Arriba, as do Alegre do Son. A razón de acudir a estas clases non era tanto aprender a artesanía das rendas como mergullarse nun ambiente feminino e monolingüe. Pronto nos coñecemos e xunto á súa parella de entón percorremos varios lugares da Costa da Morte. El visitaríanos despois en Londres e comemos no desaparecido Galicia Restaurant de Portobello Road, para lembrar as caldeiradas de aquí.

Daquela un estaba influenciado polas críticas que antropólogos de aquí (españois e portugueses) fixeran aos colegas de fóra. Especialmente forte fora a crítica de Isidoro Moreno (Universidade de Sevilla) feita nun congreso en Braga en 1985, como escoitei as que facía o portugués Octávio Lixa Filgueira. Todas incidían no mesmo: estes ricos do norte veñen aquí buscar información, non saben nada de nós, nin lles interesa saber, só queren material para facer a súa tese e subir rápido no mundo académico. É dicir, que nós (un nós que abrangue a todo o sur de Europa, un sur que ía desde Fisterra até Turquía, pasando polo País Vasco, norte de Italia, etc., onde se daba o que chamaba antropoloxía do Mediterráneo !!!) víñamos ser os substitutos dos nativos do terceiro mundo, un terceiro mundo que agora se presentaba máis inseguro e perigoso, víñamos ser os novos colonizados en terreo menos problemático.

Mais non sempre as cousas son así de simples. A Costa da Morte foi o territorio escollido por algúns destes antropólogos ou antropólogas e tivemos casos de colegas preocupados porque o seu traballo e coñecemento revertera na sociedade que os acolleu. Este é o caso de Heidi Kelley, como tamén é o de Sharon Roseman. Elas escolleron a Costa da Morte (O Ézaro e Zas) para facer as súas respectivas teses e buscar un futuro profesional na universidade (Carolina do Norte na localidade de Asheville, e na Memorial University de Terranova). Ao contrario doutros que veñen, collen os datos, marchan e non volvemos saber nada do uso deses datos, estas antropólogas volven e volven con certa frecuencia, falan coa xente de aquí e procuran “devolverlles” a información, incluso na nosa lingua.

No 1998 estas dúas compañeiras, e amigas, propoñen realizar un proxecto sobre o papel das mulleres na nosa sociedade. Daquela o proxecto non foi adiante porque Heidi Kelley tivo que ingresar nun hospital e a enfermidade separouna de nós un tempo. Afortunadamente puido volver ao Ézaro, a última vez hai tres anos.

A estadía no Ézaro forneceulle material para a tese de doutoramento. Dela saíron varios artigos publicados en revistas americanas polo que podemos dicir que O Ézaro, e por extensión Galicia, é un nome que está na historia da antropoloxía internacional. O eixe das súas inquedanzas está nas cuestións de xénero. Segue mantendo a “paixón académica” por Galicia, o que a levou a vir despois de realizado o seu traballo de campo, en curtos períodos durante varios anos e a seguir investigando e escribindo sobre nós e a colaborar en diversas publicacións. Nunha versión ao galego dun dos seus traballos e publicada no libro Antropoloxía das mulleres galegas. As outras olladas, editado por Henrique Alonso Población e Sharon Roseman en 2012, remata a súa introdución con esta frase: “Alégrome de ter o meu artigo traducido ao galego para dar continuación así á conversación académica con máis voces para a discusión”.

O poema sobre o Ézaro

No ano 2003 publica varios poemas na revista Anthropology and Humanism, unha revista académica de antropoloxía que dedica una sección á creación literaria. Un destes poemas está inspirado no Ézaro.

Comeza cun verso de Muriel Rukeyser un verso sacado do longo poema titulado “The Dam” (“O encoro”), do libro The Book of the Dead (1938). A cita non é casual.

O poema de Muriel Rukeyser fala da morte de 476 traballadores por silicose na década de 1930 cando traballaban na construción dun túnel para a empresa Union Carbide (a de Bophal, lembran!). O túnel tiña uns 6 km. de distancia e desviaba auga do río Kanawha (Virxinia) para unha central hidroeléctrica en Gauley Bridge. Na realización deron cun duro filón de sílice. Os directivos da empresa ignoraron os perigos da inhalación e os obreiros traballaban nunha condicións moi precarias. Os médicos falsamente diagnosticaron como pulmonía ou tuberculose, atribuído á bebida excesiva e ao xogo ao aire libre a temperaturas xélidas. Os mortos eran enterrados silenciosamente para non causar moito ruído, xa que outros obreiros chegaban pronto para substituílos. Eran os tempos da gran depresión e non había traballo. Para os empresarios o importante era ver como as accións ían subindo ao tempo que o encoro ía enchendo. Os recursos naturais e as vidas humanas transformados en valores monetarios. Non será preciso explicar o paralelismo.

Muriel Rukeyser (1913-1980) foi unha poeta e activista norteamericana de orixe xudeu. Veu a España acubrir a Olimpiada Popular de Barcelona, que non se celebrou polo levantamento militar contra o goberno da II República. Sería unha das defensoras da causa republicana, a española, nos Estados Unidos, como doutras causas, desde a desigualdade racial á de xénero. Como reporteira cubriu casos, como o dun xuízo a varios activistas negros en Alabama ou o desastre de Gauley Bridge, que lle forneceron material para os seus poemas. Un crítico escribiu que era unha activista radical, pero que escribía como poeta, non como propagandista.

Green is the Color of Galician Death

White brilliant function of the land´s disease.
Muriel Rukeyser

My thoughts are full of you, Muriel
and Ezaro
I remember the first time I saw Ezaro,
there was a funeral procession.
I looked out my below street-level window
All I could see were marching feet.

A unique geographical landmark situates Ezaro;
a waterfall cascades directly into the sea.
Unfortunately now it´s reduced to a trickle,
due to the new hydroelectric tunnels.

You see, Muriel
death marks my fieldwork.
Silicosis deaths, accidental deaths, old age deaths,
my mother´s death

The old tunnels were not a boon to the local economy.
Barcelona ate the profits.
The new tunnels were the same,
soon the youth who labored in the tunnels will be out of breath.

Fishermen never learn to swim,
old women work until they all drop in their fields.
Unusual deaths are preceded by visions,
all deaths are unusual in Ezaro.

Visions are a quaint survival in Galicia
in far Northwestern Spain.
Remarkably similar to the visions in Brittany and Ireland,
all free people.

My landlady has returned from the graveyard visibly shaken,
a knocking from the grave has upset her.
My mother´s death is immanent,
I keep silent.

You see, Muriel
Ezaro is a mixture.
Those who choose to make their living from the land,
those who throw their lot in the sea.
Widows aplenty are here, not all their husbands are dead.

Green is rain-soaked fields,
green is a fisherman drowning in a clear sight of land,
green is a n emigrant´s greed, making him forsake all that is dear to him,
green is a youth disregarding his elders´ warnings.

I beg to differ, Muriel
Green is the color of Galician death.
**********
Verde é a cor da morte en Galicia

Función branca brillante da enfermidade da terra.
Muriel Rukeyser

Os meus pensamentos están cheos de ti, Muriel
e do Ézaro.
Lembro a primeira vez que vin o Ézaro,
había un enterro.
Mirei desde a miña xanela situada por debaixo do nivel da rúa
Todo o que vin eran pés camiñando.

Unha única marca xeográfica sitúa o Ézaro:
Unha fervenza que cae directamente sobre o mar.
Desafortunadamente agora redúcese a un goteo,
por mor dos novos túneles hidroeléctricos.

Ves, Muriel
a morte marca o meu traballo de campo.
Mortes por silicoses, mortes accidentais, mortes por vellez,
a morte de miña nai.

Os vellos túneles non foron unha beizón para a economía local.
Barcelona comeu os beneficios.
Os novos túneles foron o mesmo,
pronto os mozos que traballaron neles quedarán sen alento.

Os pescadores nunca aprenden a nadar,
as vellas traballan até caeren nas súas leiras.
As mortes inesperadas están precedidas por visións,
todas as mortes son pouco comúns no Ézaro.

As visións son unha evocadora supervivencia en Galicia
no extremo noroeste de España.
Notablemente semellantes ás visións en Bretaña e Irlanda,
todas persoas libres.

A patroa da casa regresou do cemiterio visiblemente afectada,
un ruído no cemiterio perturbouna.
A morte da miña nai é inmanente,
Gardo silencio.

Ves, Muriel
O Ézaro é unha mesturanza.
Os que escollen vivir da terra,
os que tentan a súa sorte no mar.
Aquí abundan as viúvas, mais non todos os seus maridos están mortos.

Verde é a chuvia que enchoupa os campos,
verde é un pescador afogando avistando ben a terra,
verde é a avaricia dun emigrante, facéndolle abandonar todo o que lle é querido,
verde é un mozo ignorando as advertencias dos vellos.

Pido desculpas, mais discrepo, Muriel
Verde é a cor da morte en Galicia.

Heidi Kelly

Referencia bibliográfica: Kelley, Heidi. 2003. Anthropology and Humanism 28 (2): 205-206.
(A poeta Muriel Rukeyser)

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta