Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera e Rosalía Fernández Rial



(Xan Fernández Carrera e Rosalía Fernández Rial, acompañados de Xosé María Lema Suárez, presidente do Semescom, e Félix Porto, alcalde de Muxía. Fotos de Jesús Trillo, unha delas publicada en El Correo Gallego. Premer nas imaxes para as agrandar)
Continúa a xeira de boas novas para a Costa da Morte. Aínda que por outras obrigas non puiden asistir, damos conta de que onte, na tardiña do 18 de maio, nun acto organizado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), contando coa colaboración da Deputación da Coruña, foi presentado na bibiblioteca de Muxía o volume intitulado Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, da autoría de Xan Fernández Carrera e a súa filla, a poeta Rosalía Fernández Rial.
Xan é a persoa que máis coñece os camiños da nosa comarca e xa é autor de numerosos traballos e guías que poñen en valor a nosa paisaxe. Desta volta deseñou e escribiu sobre unha serie de posibles itinerarios ou roteiros polas terras da Fin do Mundo que van acompañados pola escolla poética de Rosalía Fernández Rial, quen tampouco é unha descoñecida para todos nós, pois xa publicou dous interesantes libros de poemas, En clave de sol (2009) e Átonos (2012), editados pola A. C. Lumieira de Carballo.
No dixital compásdacosta, a propia Rosalía Fernández Rial explica a xénese deste Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, cuxa portada reproducimos (premer na imaxe para agrandar o tamaño).

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera e Rosalía Fernández Rial

  1. Pingback: As crebas » Roteiros literarios: Sobre os Poetry Tours (Washington, DC, New York e Chicago)

  2. Cando navego polo océano virtual, detéñome moitas veces a ler estas crebas literarias. E sempre continúo a singradura con máis forza; como se o océano me arrastrase a min tamén cara praias onde ancorar. Así que, aproveitando que mallei a tempo esta nova na rede cibernética, déixoche, entre os versos que nos traen as ondas, un sincero agradecemento (por esta entrada) e uns parabéns admirados (ante a prolífica pesca filolóxica e poética de tan insigne mariñeiro).
    Unha aperta, Miro.

Os comentarios están pechados.